30 de maio de 2011. A Xunta vén dar o primeiro paso para xustificar a invasión da Rede Natura litoral e o pisoteo dos dereitos dos propietarios por parte da patronal acuícola. A declaración da acuicultura como "utilidade pública de primeira orde" realízase unicamente para permitir ás empresas do rodaballo ocupar espazos da Rede Natura con hábitats prioritarios, ponteando o artigo 6.4 da Directiva 92/43 CE, tal como fixera o governo portugués coa macroplanta de Mira, declarada "projeto de interese nacional". Resulta vergoñento que a Xunta utilice este recurso para beneficiar ao "sector acuícola" cando o que pretende é que só as multinacionais do peixe plano (unha parte moi minoritaria do sector acuícola galego) teñan acceso libre ao litoral para verter antibióticos e químicos, en perxuízo da pesca e o marisqueiro tradicional.
|
Ler máis...
|
26 de maio de 2011. O recente concurso eólico continúa alumeando monstros. Unha batería de parques eólicos pretenden coller sitio por todo o país (nos outeiros que aínda quedan libres). Tanto ten que sexa sobre espazos propostos para ampliar a cativa Rede Natura galega (Chans do Barbanza), sobre hábitats prioritarios (no Barbanza e Outes); humidais inventariados (en Barbanza e Mondoñedo); zonas importantes para as aves (n'A Limia); paisaxes costeiras de interese catalogadas no POL (esteiro do Anllóns en Ponteceso, e Valdoviño) e mesmo sobre áreas de especial riqueza arqueolóxica (Outes e o Boiro). Todo sexa por seguir producindo megavatios a costa de converter o territorio nun inmenso parque eólico para seguir engordando os escandalosos beneficios das eléctricas.
|
Ler máis...
|
ONU designou o 22 de maio como Día Mundial da Biodiversidade, para comemorar a sinatura en 1992 da Convención Internacional para a Diversidade Biolóxica en Nairobi (Kenia). Este ano, o lema é "Biodiversidade Forestal, o tesouro vivinte da Terra", para subliñar o papel dos bosques na conservación da biodiversidade e no noso benestar. En Galiza, a conservación da biodiversidade, e particularmente a forestal, non é unha prioridade da administración ambiental, coas competencias repartidas en consellarías produtivistas. Coa Rede Natura máis cativa do estado, carente mesmo dos instrumentos de xestión obrigatorios por lei, e fronte a esta inacción e ás políticas agresivas da Xunta co noso patrimonio natural (eólicos, eucaliptos, piscifatorías...) os colectivos ecoloxistas seguimos comprometidos coa conservación da biodiversidade e promovendo iniciativas para protexela.
|
Ler máis...
|
Lugo, a 16 de maio de 2011. ADEGA e outros 15 colectivos sociais, culturais e ambientalistas de Lugo, así coma un gran número de cidadáns, vimos de solicitar ao Concello de Lugo e á Dirección Xeral de Patrimonio a paralización inmediata dos labores de limpeza de vexetación da Muralla Romana que se están a realizar durante o período de nidificación de diferentes especies de aves que empregan o noso monumento, Patrimonio da Humanidade, para tal fin.
|
Ler máis...
|
|
A vindeira xeira do campo de voluntariado ambiental no río Tea será estes 27, 28 e 29 de maio e dará continuidade aos campos de voluntariado que levan celebrándose dende o 2007. Durante este tempo temos actuado sobre diferentes especies de invasoras na ribeira do Tea, no treito que vai desde os Pasos de Tatín até Ponte Cernadelas. Traballaremos sobre Acacia dealbata e Acacia melanoxylon, falsa acacia (R obinia pseudoacacia) e pequenas matas do falso bambú ( Phyllostachys spp.) ademáis da Conyza canadensis, a tintureira ( Phytolacca americana), o garrapatón ( Bidens frondosa) e a Tritonia x crocosmiflora. Esta quenda está financiada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
|
Ler máis...
|
Lugo, maio de 2011. ADEGA-Lugo realizará o penúltimo roteiro deste curso de andainas dedicado á lingua nas terras de Eduardo Pondal, na paisaxe do Xallas, na Costa da Morte. Terá lugar o domingo 29 de maio e está organizado xunto coa Plataforma en Defensa do río Xallas, cuxos representantes serán os guías da camiñada desde o lugar de Olveira ata o mirador do Ézaro. Durante o percorrido, duns 15 km, poetas da comarca evocarán as palabras de Pondal e doutros autores da zona.
|
Ler máis...
|
17 de maio, Día das Letras. MANIFESTO: PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO! As galegas e os galegos festexamos no Día das Letras o feito de termos un idioma propio, milenario e fértil. Celebramos a lingua que nos une; a fala que herdamos e queremos deixar en herdo; a escrita que nos pensa, nos canta e nos soña. Mais neste Día das Letras do ano 2011 non só podemos festexar e celebrar. Tamén nos vemos na necesidade de chamar a atención sobre os ataques que está a recibir nestes momentos o noso idioma. Estas inxustas agresións poñen en perigo o futuro da nosa lingua e da nosa cultura, ademais de debilitaren gravemente a convivencia e a cohesión social do país.
|
Ler máis...
|
Nestes días ADEGA e o Proxecto Ríos estamos en participar en diversos foros sobre a problemática das especies exóticas invasoras (EEI). Este venres 13 de maio estaremos na I Reunión Ibérica sobre Plantas Invasoras que se celebra na Universidade de Vigo con varios relatorios, e nun Obradoiro de recoñecemento de EEI no CIUDEN ("Ciudad de la Energía") de Ponferrada, onde achegaremos aos participantes do Proxecto Rios do Bierzo-Laciana a metodoloxía para a identificación da flora exótica invasora posta en práctica por ADEGA no río Sil.
|
Ler máis...
|
|