Adega
INICIO Novas As claves para construír o territorio son: coñecelo en profundidade, valoralo e protexelo
As claves para construír o territorio son: coñecelo en profundidade, valoralo e protexelo PDF Imprimir Correo-e
Envia As claves para construír o territorio son: coñecelo en profundidade, valoralo e protexelo a FaceBookEnvia As claves para construír o territorio son: coñecelo en profundidade, valoralo e protexelo a Twitter

CT_publicoLugo, 30 de abril de 2011. Clausúranse con éxito as Xornadas “Cultura e Territorio” de ADEGA, celebradas hoxe en Lugo e que están enmarcadas na campaña da organización ecoloxista en defensa do territorio “Ponte no medio. Móvete polo territorio”. No encontro participaron referentes de diferentes eidos culturais e sociais que sinalaron formas e proxectos de creación ou planificación territorial sustentábeis e alternativas ás fórmulas dominantes. O politólogo Carlos Taibo pronunciou unha conferencia sobre a "Teoría do Decrecemento" na que tamén se entende o Territorio e a Cultura como elementos indisolúbeis.

CP_1_mesaA primeira mesa, dedicada á “Tradición Oral e o Territorio”, estivo integrada por Xerardo Feijoo, mestre e secretario da Asociación Cultural e Pedagóxica "Ponte nas Ondas"; Antonio Reigosa, escritor e investigador de mitoloxía popular de tradición oral; e Rafael Quintía e Joao Bieites, antropólogo e mestre de artes plásticas, respectivamente. O representante de “Ponte nas Ondas” comentou a traxectoria do proxecto de radiofusión na “raia” de Portugal entre os alumnos e alumnas de Galiza e de Portugal que comezou no ano 1995 e que, desde aquela, impulsou diferentes iniciativas que afondan na preservación da tradición oral que comparten os pobos veciños. A úlitma destas iniciativas é a chamada “Biblioteca dos libros vivos” que intenta fomentar entre os máis novos o interese por recoller da voz dos seus antepasados a memoria tradicional e plasmala nun soporte de comunicación.

Pola súa parte, Antonio Reigosa, definiu a tradición oral e a súa relación co territorio. “Todo o territorio fala e é a suma do espazo sobre o que actuamos xunto coa cultura e a memoria e, dentro desta, a tradición oral”, dixo. E engadiu que “á hora de planificar o territorio desprézase sistematicamente o patrimonio inmaterial”. A esta observación sumouse Rafael Quintía, quen falou do proxecto Monte Máxico do Seixo impulsado polo colectivo cultural "Serpe Bichoca". Esta iniciativa de recuperación de tradición oral relacionada coa montaña do Seixo naceu como reacción a un parque eólico que alí se instalou no ano 2000. Quintía cre necesario que os Estudos de Impacto ambiental consideren a obrigación de elaborar estudos do patrimonio inmaterial do territorio, alén do estudo arqueolóxico.

CT_Taibo_2Ás 12.30 horas tivo lugar a intervención do politólogo galego e profesor na Universidade Autónoma de Madrid, Carlos TAibo, para explicar a “Teoría do Decrecemento”, baseado na primacía da vida social, no ocio creativo, na repartición do traballo, no establecemento dunha renda básica da cidadanía, na redución das dimensións das infraestruturas segundo as necesidades, na recuperación do local fronte ao global e na austeridade voluntaria.

 

Na sesión de tarde das xornadas, celebrouse a segunda mesa de debate denominada“Cultura e Territorio". Os simposios versaron sobre  relación existente entre cultura e territorio e amosou algún dos proxectos realizados en Galiza e que manifestan esta vinculación, como é o Proxecto Terra. É un proxecto educativo impulsado polo Colexio de Arquitectos de Galiza que trata de trasladar aos centros educativos de infantil, primaria e secundaria as diferentes interpretacióins do territorio que conviven no país.

CT_2_mesaPola súa banda María López, autora da obra "Paisaxe e Nación", demostrou que a conciencia ecolóxica e de paisaxe apareceu reflectida por primeira vez na literatura galega con Rosalía de Castro, que utilizaba o concepto “paisaxe” para definir o lugar no que habitaba o pobo galego. Tamén destacou que non sempre a paisaxe galega foi concebida de forma positiva, sobre todo, polos literatos de Castela e ante estes posicionamentos reaxiron as obras de escritores tan célebres da nosa literatura como Otero Pedrayo. Nunha época máis contemporánea, resaltou a figura de Xosé Luis Méndez Ferrín como transmisor dos valores territoriais ao conxunto da sociedade.

O experto en patrimonio camiñeiro, Ricardo Polín, resaltou as agresións que están a sufrir elementos singulares e simbólicos do noso territorio e, nomeadamente, os relacionados coas vías históricas. Criticou, así mesmo, o procedemento que está a realizar a administración pública para concretar a delimitación oficial dos Camiños de Santiago. Considera que existe unha total apatía e mesmo desprezo por parte do goberno galego para preservar os camiños a Santiago. Alentou nomeadamente á comunidade de docentes para que axuden as novas xeracións a interpretar de xeito crítico e sensible o noso territorio.

CT_3_mesaNa terceira mesa de debate "Arquitectura e Territorio", o catedrático de proxectos arquitectónicos, Gallego Jorreto,  referiuse ao cambio que experimentou a profesión da arquitectura de ser o protagonista na creación do territorio a ser unha intermediaria entre o poder político e o social. Outro cambio fundamental, segundo o Premio Nacional de Arquitectura, é que agora son as normas as que constrúen o territorio e axentes externos a el, quedando atrás a tradición. e o cidadán como executores do territorio. Alén disto, demandou que todo planeamento territorial se basee na participación social e na racionalidade das necesidades dos cidadáns. Paralelamente, animou aos profesionais da arquitectura a que fagan unha análise seria da realidade e das necesidades do cidadán.

CT_BaoA arquitecta e catedrática de proxecto na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña , Pascuala Campos, quixo provocar o debate sobre a tendencia humana a destruír irremediablemente o lugar no que habita. E, por último, Luciano G. Alfaya explicou o proxecto da Cidade dos Barrios e concluíu que non fan falta grandes investimentos económicos e políticos para que os resultados da planificación territorial sexan satisfactorios e sustentables, sobre todo, nos proxectos a pequena escala.

As xornadas foron clausuradas polo Secretario Xeral de ADEGA, Froilán Pallín, e o Vicepresidente Primeiro da Deputación Provincial de Lugo, Antón Bao.

CONCLUSIÓNS

Algunhas das conclusións que se derivaron destas xornadas foron:

-Non existe un coñecemento consciente da nosa tradición oral, a pesares de ser unha fonte documental valiosísima para o desenvolvemento da planificación territorial.

-A perda da tradición oral implica a creación de xeracións mudas, que se automarxinan, como xa pasou noutras etapas da nosa historia. O coñecedor da tradición oral deber compartir ese coñecemento e promover o interese das novas xeracións por coñecelo.

-O territorio non debe concibirse como un espazo meramente funcional ou co que especular, tamén é un espazo simbólico, colectivo e afectivo.

-Débese rexeitar a idea de considerar a cultura inmaterial como algo menor por non ter valor económico, obrigando  a considerala nos estudos de impacto por norma.

-O territorio deixou de ser tradición para ser norma, pero iso non significa que a norma sexa sempre positiva e que se cumpra.

-Na creación do territorio é fundamental a participación social e a racionalidade.

-Na planificación actual do territorio non se ten en conta a preservación dos recursos para vindeiras xeracións e está orientada para o benestar dunha minoría que ademais obstenta o poder económico, privando á colectividade dos seus dereitos.

-A paisaxe é unha construción subxectiva, pero é unha subxectividade colectiva, que vai mudando e coa que nos identificamos.

- Hai que aproveitar o imaxinario colectivo que aínda conservamos sobre o noso territorio  para demandar outro modelo de xestión diferente ao actual.

-O papel dos docentes é crucial no traslado da percepción crítica do territorio entre as novas xeracións. Fai falla que o colectivo docente se implique na defensa da cultura e o territorio.

-A complexidade é un valor que se debe contemplar na planificación dos espazos públicos.

-O arquitecto non está obrigado a ser compracente.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
galizamaxica

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA