Compostela, 27 de abril de 2011. Un paso adiante na xestión ecolóxica dos refugallos. Nas vindeiras semanas ADEGA vai encetar 6 proxectos de compostaxe comunitaria. Trátase de áreas de compostaxe instaladas en zonas públicas para asumir os residuos orgánicos procedentes das cociñas dos veciños e veciñas do barrio ou lugar e tamén os residuos vexetais dos parques. Instalaranse nos concellos de Santiago de Compostela, Fene, San Sadurniño, Cambre, Poio e Bueu. Estes programas supoñen unha aposta decidida pola redución, a compostaxe e a corresponsabilización da cidadanía na xestión dos refugallos, fronte á incineración e o despilfarro de recursos de SOGAMA que a actual Xunta teima en defender.
Hai agora dez anos e tomando como referencia a experiencia de compostaxe realizada na illa de Arousa, ADEGA levou a compostaxe caseira a milleiros de fogares de toda Galicia. O obxectivo de ADEGA era recuperar a práctica tradicional da esterqueira e traela aos nosos días como medio para facer unha xestión máis ecolóxica, económica e social da materia orgánica. Este obxectivo foi amplamente acadado, ADEGA instalou ata hoxe máis de 2.500 composteiros en arredor de 40 concellos, A día de hoxe esta práctica é tamén asumida por administracións e empresas, feito que demostra a súa viabilidade como alternativa á incineración que promove a Xunta-SOGAMA.
ADEGA dá agora un paso máis na prevención de residuos e vai poñer en marcha 6 programas de compostaxe comunitaria en colaboración cos concellos de Santiago de Compostela, Fene, San Sadurniño, Cambre, Poio e Bueu. A compostaxe comunitaria leva a xestión de residuos orgánicos a comunidades de veciños e veciñas como xa o fixo a compostaxe caseira con domicilios unifamiliares.
Con esta iniciativa preténdese reducir a cantidade de residuos xerados, xestionar estes residuos no mesmo lugar onde se producen, evitando o transporte e sensibilizar á poboación ncoa reciclaxe así como implicala activamente na resolución da problemática do lixo.
O proxecto, pioneiro en Galiza, consiste na instalación de 6 áreas de compostaxe en 6 concellos diferentes. Este 28 de abril ADEGA en Fene comeza o primeiro programa de compostaxe comunitaria ao que seguirán as iniciativas de Bueu, San Sadurniño, Cambre, Poio e Santiago de Compostela. A estrutura das comunidades de veciños é diferente, dende bloques de edicificios, adosados etc. a parques municipais. Cada área estará xestionada por persoal de xardinería do concello, empresas privadas de xardinería ou asociacións colaboradoras. Todas contarán co seguimento e asesoría da asociación ecoloxista ADEGA. Ao longo do ano de duración desta experiencia piloto avaliarase a repercusión social desta iniciativa, a redución de residuos orgánicos, así como a calidade do compost obtido coa colaboración da UDC.
ADEGA quere destacar a importancia desta iniciativa, que vencella a xestión de residuos cun programa de educación ambiental e que parte da colaboración entre diferentes entidades coa pretensión de avanzar na problemática nos residuos sólidos urbanos.. |