![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
|||
![]() |
A Xunta declara a acuicultura de interese público para entregar a costa á patronal acuícola |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() O artigo 6.4 da Directiva 92/43 CE de Hábitats, que consagra a Rede Natura 2000, é ben claro:
6.4. Si, apesar das conclusións negativas da avaliación das repercusións sobre o lugar e a falla de solucións alternativas, debera realizarse un plano ou proxecto por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, incluidas razóns de índole social ou económica, as Administracións públicas competentes tomarán cantas medidas compensatorias sexan necesarias para garantir que a coherencia global de Natura 2000 quede protexida. No seu caso, as Comunidades Autónomas comunicarán ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación as medidas compensatorias que teñan adoptado e este, através da canle correspondente, informará á Comisión Europea. No caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritarios, unicamente poderanse alegar consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde. Neste último caso, através da canle correspondente, haberá que consultar, previamente, á Comisión Europea. Para ADEGA está claro que a intención deste artigo é considerar que determinadas actividades de interese público, necesarias para o conxunto da sociedade e que non poden ubicarse noutros lugares, poidan excepcionalmente establecerse nestas áreas. E ao referirse ao interese público, entendemos que as actividades deben respostar a un beneficio xeral superior ao que representa a conservación deses valiosos hábitats, xoias da biodiversidade europea e patrimonio de todos e todas. Interpretar que a acuicultura do peixe plano que practican as multinacionais do ramo respresenta ese interese público de primeira orde e está por riba do dereito á preservación do noso patrimonio natural, é máis propio dunha república bananera na que os intereses das oligarquías e as multinacionais determinan o proceder das administracións públicas e a interpretación das leis.
Para ADEGA fica claro que tal proceder da Xunta resposta unicamente aos intereses de empresas como Pescanova en facerse con Touriñán e outros espazos emblemáticos da costa. Por iso, non abonda con que Feijóo declare de interese público de primeira orde esta ou aquela actividade (lembremos que o governo Fraga xa declarara compatíbel por decreto os eólicos coa Rede Natura). Debe demonstrar, previa consulta á Comisión Europea, que colocar piscifatorías no litoral no pode facerse máis que en Rede Natura e sobre hábitats protexidos, e que esta actividade non vai repercutir negativamente nos ecosistemas protexidos. Por iso, ADEGA vai denunciar os espúreos manexos da Xunta coa acuicultura diante da UE e tentar impedir que subvencións que irían ao sector pesqueiro marisqueiro tradicional acaben nos petos das cobizosas transnacionais acuícolas. |