Adega
INICIO Últimas novas 17 de maio: Paremos os ataques contra o galego!
17 de maio: Paremos os ataques contra o galego! PDF Imprimir Correo-e
Envia 17 de maio: Paremos os ataques contra o galego! a FaceBookEnvia 17 de maio: Paremos os ataques contra o galego! a Twitter

17 de maio, Día das Letras. MANIFESTO: PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO! As galegas e os galegos festexamos no Día das Letras o feito de termos un idioma propio, milenario e fértil. Celebramos a lingua que nos une; a fala que herdamos e queremos deixar en herdo; a escrita que nos pensa, nos canta e nos soña. Mais neste Día das Letras do ano 2011 non só podemos festexar e celebrar. Tamén nos vemos na necesidade de chamar a atención sobre os ataques que está a recibir nestes momentos o noso idioma. Estas inxustas agresións poñen en perigo o futuro da nosa lingua e da nosa cultura, ademais de debilitaren gravemente a convivencia e a cohesión social do país.

Temos que erguer a nosa voz para denunciar que a indefesión dos nosos dereitos lingüísticos é maior desde o momento en que a persoa que debería ser a primeira valedora do noso idioma –o presidente da Xunta– é o seu inimigo número un. Desde que Alberto Núñez Feijóo tomou posesión como presidente do Goberno galego, hai xa dous anos, a Xunta aínda non adoptou nin un mísero adianto para a nosa lingua en ningún ámbito. Ben ao contrario, desde 2009 estamos a ver como se tenta facer, pola vía dos feitos, que o galego deixe de ser na realidade lingua oficial.

É difícil facer unha listaxe completa de todo o destruído, mais recordemos cando menos algunhas cousas:

- A pesar da oposición dos sindicatos, o PP aprobou en solitario unha reforma da Lei da Función Pública que elimina de feito o galego como requisito, colocándoo nunha posición secundarizada a respecto do castelán.

- A pesar do rexeitamento de sindicatos, asociacións de nais e pais, asociacións estudantís, institucións culturais, Consello Escolar de Galiza, etc., a Xunta aprobou un decretazo contra o galego que supón o modelo educativo máis regresivo de todo o Estado español. O galego é o único idioma do Estado que ten prohibido o seu uso en determinadas materias de ensino. Nestes momentos, só 10% da educación infantil das cidades é en galego, a pesar de que o solicitaron 40% das familias. Esta realidade amosa o verdadeiro sentido da mal chamada Lei de Convivencia, que persegue reducir aínda máis a presenza do galego na escola.

- Na administración de Xustiza, a Xunta distribuíu un programa informático que, desde maio do ano pasado, impide usar o galego.

- A Xunta ordenou aos centros de ensino que se desfixesen de 190.000 libros de texto gratuítos para as familias, adquiridos pola propia Xunta na anterior lexislatura e que tiñan unha vida útil de dous anos máis. O motivo é que estaban escritos en galego. A Asociación Galega de Editores calcula en 3,8 millóns de euros o valor dos volumes desbotados, que nunha parte volveu a financiar a Xunta –cun diñeiro público que sería moi necesario para outros cometidos–, e que tiveron que cubrir as familias no resto.

- A Xunta de Galiza, que tanto vende “austeridade”, leva malgastadas cantidades inxentes de diñeiro só en tentar reducir o galego no sistema educativo. A eses 3,8 millóns de euros de libros de texto inutilizados hai que sumarlle os 40.000 euros que custou mudar as Galescolas en Galiñas Azuis, os 160.995 euros da pseudoconsulta ás familias, etc. A presión social logrou parar unha campaña sobre o decretazo que a Xunta xa tiña adxudicada, por valor dun millón de euros, mais descoñécese a indemnización que a Xunta afrontou pola suspensión do proxecto.

- O presidente da Xunta ameaza con derrogar a Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento hai case 30 anos. Quere que os nosos nomes de lugar deixen de ter como forma oficial a propia, a galega.

- A vida cultural galega, nas súas diferentes expresións (audiovisual, teatro, música, etc.), está a ser minusvalorada e desprotexida pola Xunta, ao mesmo tempo que desprezada e infrarrepresentada na CRTVG.

- A pesar de que o Estatuto de Autonomía sinala a obriga dos poderes públicos galegos de potenciar o uso do noso idioma tamén no ámbito informativo, moitos dos medios que utilizaban con normalidade a nosa lingua viron na obriga de fechar. A Xunta deu de baixa as subscricións e negouse a pór publicidade nos xornais electrónicos ou impresos que usaban o noso idioma e daban unha visión da realidade diferente á oficial. Debemos denunciar con claridade que esta política pon en perigo a liberdade de expresión.

O poeta Lois Pereiro, a quen lle dedicamos este ano o Día das Letras, di nun dos seus poemas:

A amizade protexe e o amor cura
o odio contaxia e fire
a indiferencia mata.

Apliquemos estes versos á nosa lingua. Fronte ao odio e fronte á indiferenza, o noso amor.

Paremos os ataques contra o galego!

ACTOS EXPANSIVOS este 17 de maio:

A Coruña: 12 da mañá, Obelisco (Cantón Grande)
A Estrada: 13 horas, Praza do Concello
A Guarda: 12 da mañá, Auditorio de San Bieito
Allariz: 12 da mañá, Praza Maior?Ares: 12 da mañá, Praza do Concello
Arteixo: 12 da mañá, anfiteatro do Paseo Fluvial
As Pontes: 12 da mañá, Praza de América
Barcelona: 19 horas, Centro Galego de Barcelona (Rambla)
Barreiros: 18 horas, escolas de Celeiro de Mariñaos
Belfast: 16 horas, Culturlann, Falls Road (oeste de Belfast)
Betanzos: 12 da mañá, palco da música do Cantón
Boiro: desde as 11.30, romaría popular na finca do Pazo de ?Goiáns
Bos Aires: 12 da mañá (hora arxentina), Praza Castelao (con Bernardo de Irigoyen e Independencia)
Bruxelas: 19 horas, Place de Luxembourg, fronte ao Parlamento europeo
Cambados: 12 da mañá, Paseo da Calzada (xunto á estatua de Cabanillas)
Cambre: 12 da mañá, Vila Florentina (Cecebre)
Carballo: 12 da mañá, Palco do Parque do Anllóns (xunto ao Pazo da Cultura)
Carral: 12 da mañá, Monumento aos Mártires
Cedeira: 12 da mañá, Praza da Reitoral da Vila Vella
Celanova: 12 da mañá, Vilanova dos Infantes
Culleredo: 12 da mañá, Praza de Europa (O Burgo)
Fene: 12 da mañá, local do Pote (Maniños)
Ferrol: 12 da mañá, Praza do Himno Galego (Esteiro)
Florencia: 18.30 horas, Piazza Senioria
Lalín: 12 da mañá, Praza da Igrexa
Lugo: 12 da mañá, Rúa da Raíña (fronte ao Hotel Méndez Núñez)
Madrid: 12 da mañá, Parque Breogán (zona Avenida de Bonn), xunto á estatua de Castelao
Marín: 12 da mañá, na Alameda
Monforte de Lemos: 12 da mañá, Praza de Santa Clara
Narón: 12 da mañá, Parque Botánico Carlos Rodríguez Dacal
Nigrán: 11.30 da mañá, Parque da Ramallosa
Nova York: 17 horas, Battery Park (fronte á estatua da Liberdade)
O Barco de Valdeorras: 12 da mañá, pasarela peonil do Salgueiral
O Carballiño: 12 da mañá, Praza Maior
Oleiros: 12 da mañá, Praza do Emigrante (Porto de Santa Cruz)
Oroso: 12 da mañá, Praza de Isaac Díaz Pardo (Sigüeiro)
Ourense: 12 da mañá, Xardíns do P. Feixóo
Oxford: 17 horas (hora inglesa), xunto a Carfax Tower
Padrón: 12 da mañá, Paseo do Espolón (xunto á estatua de Rosalía)
Palas de Rei: 12 da mañá, Praza do Concello
Pobra do Caramiñal: 12 da mañá, Cantón da Leña
Pontedeume: 11.30 da mañá, Praza do Concello
Pontevedra: 12 da mañá, Praza da Peregrina
Redondela: 12 da mañá, Praza do Concello
Ribadavia: 12 da mañá, Praza Maior
Ribeira: 12.30 da mañá, Rúa de Galiza
Sada: 12 da mañá, Praza dos Irmáns Suárez Picallo
Salceda de Caselas: 12 da mañá, Praza do Concello
San Sadurniño: 12 da mañá, Praza do Concello
Santiago de Compostela: 11.30, Porta Faxeira
Soutomaior: 12 da mañá, Alameda de Talorrío (Arcade)
Valdoviño: 12 da mañá, Praza da Casa da Cultura
Verín: 12 da mañá, Praza Maior
Vigo: 11.30, Praza da Princesa
Vilagarcía de Arousa: 13 horas, praza nova do Castro (a carón da Rúa Arcebispo Lago)
Xenebra: 20 horas, Asociación SDRC "Galaica", 18, Chemin de la Caroline, Petit-Lancy
Xinzo de Limia: 12.30 da mañá, Praza Maior (ou Praza de San Roque)
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA