7 de marzo de 2011. As conclusións dun recente traballo "A explotación de lousa en Galiza e os seus impactos ambientais", de Francisco Gutiérez, da UdC, son demoledoras: os danos causados por minas e canteiras a ceo aberto son irreversíbeis e a restauración, inviábel. Destrución dos hábitats, da paisaxe, contaminación química das augas... A actividade extractiva a ceo aberto é unha lousa para o patrimonio natural e mesmo para as empresas, incapaces de facer fronte aos custos de restauración, e menos en época de crise. Así as cousas, ADEGA demanda da Xunta unha moratoria das explotacións a ceo aberto ou que afecten a chan rústico especialmente protexido, mentres non se aproba o Plano Galego da Minaría e se afronta a recuperación das actuais. A Xunta non debería conceder novos permisos de explotación e menos ás mesmas empresas que desentendéndose da restauración das súas canteiras pretenden abrir outras novas, nunha fuxida cara adiante que arruinará o medio para sempre.
|
Ler máis...
|
|
Este 5 de marzo celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética para reflexionarmos sobre o uso da enerxía e os impactos que no ambiente ten a súa produción, transporte e consumo. Con tal motivo, as administracións promoven na cidanía hábitos de aforro, mentres só adoitan medidas illadas ou conxunturais obrigadas pola crise e manteñen políticas de despilfarro. As estratexias de aforro, eficiencia e suficiencia enerxética deberan ser transversais, mais fican esquecidas fronte ás grandes infraestruras e proxectos faraónicos. A mesma Xunta, que neste día propón o xogo "Se enerxía queres aforrar, pola túa casa debes empezar" debería aplicarse o conto: a Cidade da Cultura, por exemplo, é o paradigma da ineficiencia: con só 2 dos 6 edificios abertos xa gasta 12.000€ ao mes en calefacción (de gas), o equivalente a 671 fogares. Ninguén pensou en instalar calefacción solar no Gaiás enchendo de placas os milleiros de m 2 de teitos planos do complexo?
|
Ler máis...
|
28 de febreiro de 2011. ADEGA ten denunciado en diversas ocasións o preocupante estado do aire nas nosas cidades e a inoperancia das administracións á hora de tomar medidas. Á cativa rede de estacións urbanas de control, da que moitas veces "desaparecen casualmente" datos, hai que engadir o descoñecemento dos rexistros da rede industrial. Alén disto, a recente normativa estatal, transpoñendo diversas directivas europeas, obriga ás administracións a levar un control doutros contaminantes que como os metais pesados, o benceno e os HAPs (hidrocarburos aromáticos policíclicos) supoñen un risco para a saúde e que proveñen na súa maioría da combustión de derivados do petróleo polo tráfico e as calefaccións.
|
Ler máis...
|
Este domingo 27 de febreiro, ADEGA Lugo convócanos a participar nun novo roteiro na honra da lingua galega, como principal eixo de conexión patrimonial e cultural entre os galegos e galegas, xunto coa paisaxe e o territorio de Galiza. Pero desta volta, recoñeceremos a nosa lingua fóra do territorio galego, en terras asturianas do Eo-Navia, en concreto, no concello de Taramundi.
|
Ler máis...
|
A Coruña, 20 de febreiro de 2011. O pasado día 19 de febreiro ADEGA participou no Espazo Solidario que se celebrou por segundo ano consecutivo na Coruña. Nesta ocasión reuníronse varias asociacións vinculadas co voluntariado en distintos ámbitos sociais que ofreceron información á xente que se achegou ao longo de todo o día. Dende o noso posto tivemos a oportunidade de presentarlle aos coruñeses ADEGA e as súas actividades na comarca, así como os seus proxectos a nivel nacional. |
|
Lugo, 1 de marzo de 2011. Unha sentenza ditada o pasado 27 de xaneiro polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que ratifica outra anterior do Xulgado de Lugo, avala a orde emitida polo Concello de Friol que instaba aos responsables da sociedade mercantil FONTNATURA SL que repuxeran un camiño público no lugar de Serén previamente usurpado por estes. O concello actuou a instancias das denuncias da vecindade afectada e de ADEGA.
|
Ler máis...
|
25 de febreiro de 2011. Os colectivos ecoloxistas ADEGA, Fusquenlla, SGHN e Verdegaia amosamos o noso rexeitamento á candidatura da antiga mina de As Pontes ao Premio Europeo de Excelencia Turística 2011. Consideramos que, lonxe de ser unha proposta medioambientalmente sostible, a suposta rexeneración non é mais que un lavado de imaxe ante as críticas fundadas dos colectivos ecoloxistas e entidades sociais diversas. Este proxecto de enchido que aínda non finalizou entraña serios riscos medioambientais e comprometerá nun futuro á administración pública debendo facer fronte ao seu mantemento. Tanto a Xunta de Galicia como o Concello de As Pontes deberían adicar os seus esforzos a garantir que ENDESA cumpra coa legalidade e non respaldar intereses meramente especulativos.
|
Ler máis...
|
22 de febreiro de 2011. O noso país é un paraíso para os escopeteiros sen escrúpulos. Alén dos xa coñecidos "campionatos" de caza do raposo, que teñen en Galiza o seu último reduto estatal grazas a unha administración escandalosamente permisiva, cando non cómplice, co lobby da escopeta, hai que engadir agora competicións ilegais, como o recente "campionato social de caza do raposo" (sic) organizado polo Tecor "Terra Chá". Este evento "social" tivo lugar o pasado día 11 de febreiro, 5 días despois de finalizar o periodo hábil de caza e portanto, ilegal, foi autorizado polos servizos provinciais de Conservación da Natureza. Se a administración ambiental non respecta nin as súas propias normas, quen vai mirar pola nosa fauna?
|
Ler máis...
|
18 de febreiro de 2010. ADEGA vén de rexistrar as Alegacións ao_PHGC (52 Kb) (bacías competencia da Xunta) cuxo borrador apresenta importantes eivas. As nosas propostas céntranse en corrixir o déficit de iniciativas de restauración de ecosistemas fluviais; en recuperar o dominio público; poñer punto final aos aproveitamentos hidroeléctricos; revisar os caudais ecolóxicos; reformular as prioridades nos usos da auga; alongar as zonas húmidas e treitos fluviais protexidos; promover a participación cidadá, a Educación Ambiental e a custodia e, como non, orzamentar axeitadamente todas estas actuacións. O novo Plano Hidrolóxico debería supoñer unha viraxe respecto ás políticas caducas e insustentábeis do pasado, responsábeis do deterioro que sofren moitos ecosistemas acuáticos. Veremos se os responsábeis daquelas políticas nefastas, os mesmos que agora deben corrixilas, serán quen de enmendar os seus erros ou o PHGC será, como as DOT ou o POL, outra oportunidade perdida.
|
Ler máis...
|
|
|
|
<< Inicio < Anterior 41 42 43 44 45 46 47 48 49 50 Seguinte > Final >>
|
Páxina 45 de 64 |