Lugo, a 13 de decembro de 2010.- O próximo Roteiro pola Lingua de ADEGA-Lugo terá lugar o domingo, 19 de decembro, na cidade de Lugo e estará dedicado ao profesor Ricardo Carvalho Calero, destacado intelectual galego, tanto no campo da creación literaria como no ensino, que fundou os principio da Institución Libre de Ensino, que implicaba unha educación participativa e en contacto coa Natureza. Podes descargar o plano do roteiro na seguinte Ligazón.
|
Ler máis...
|
13 de decembro de 2010. Este sábado en Cancún aprobouse, coa soa oposición de Bolivia, un acordo sobre o clima (non vencellante) que vai ficar so a supervisión da ONU. Bolivia non quixo asinar este acordo porque ve nel unha compoñenda demasiado compracente para algúns estados. Para Bolivia a aceptación da inevitavilidade dunha suba de 2ºC para o Planeta pon en risco a moitos estados que son illas e a moitos outros ribeiráns (coma Holanda ou Bangladesh) porque o mar continuará a subir inexorabelmente polo derretemento das masas de xeo. Segundo recoñece o painel de expertos da ONU para o cambio climático (IPCC) o feito de que a T da Terra aumente 2º C supón unha probabilidade do 50% dun impacto irreversíbel para a vida no Planeta. Os representantes de Bolivia fan esta pregunta: quen enviaría aos fillos nun autobús que tivese un 50% de probabilidades de ter un accidente irreversíbel?. Xulgo que a pose de Bolivia esixindo medidas máis drásticas, con base aos datos fornecidos polos expertos do IPPC é máis que razoábel.
Un artigo de Adela Figueroa, ex-presidenta de ADEGA e vogal de transportes
|
Ler máis...
|
3 de decembro de 2010. O xornal de pesca deportiva “Trueiro” ven de entregar os seus premios 2010 para destacar o labor realizado ao longo do ano por persoas e institucións a prol dos ríos do noso país. Nesta III edición o premio “Liña tensa" foi para o Proxecto Ríos de ADEGA "polo seu denodado esforzo en prol da calidade das augas dos cursos continentais e por ese corpo de voluntarios que pon de manifesto a calidade das augas dos nosos ríos". Este premio foi entregado este 3 de decembro nunha cea de confraternización no asador o Pementeiro en Padrón, e foi recollido por Virginia Rodríguez, como coordenadora do Proxecto Ríos e presidenta de ADEGA, en representación dos voluntarios e voluntarias, xa que este é un premio compartillado con eles. Grazas a todos e a todas! |
30 de novembro de 2010. O concello de Padrón, desouvindo o requerimento de Augas de Galiza que lle insta a non dar licenza para a planta de formigón no polígono de Pazos, pretende dar licenza e consolidar as irregularidades administrativas cometidas na tramitación desta instalación. Augas de Galiza acordara abrir expediente sancionador a Xestur, concesionaria do polñígono, por recheos na zona de policía do río Sar. Alén disto, estas obras que afectan ao espazo protexido do LIC Ulla-Deza tampouco contaron co preceitivo informe de Conservación da Natureza nen con avaliación ambiental. A empresa, "Hormigones Taboadela", subministra formigón para as obras do ave e solicitou licenza para unha actividade "temporal", exactamente 23 meses, para eludir a obrigatoriedade da avaliación que fixa o Decreto 133/2008 (que substituiu ao RAMINP), necesaria se a fatoría vai ter unha actividade superior aos dous anos (24 meses). Alegacións_CEMENTEIRA_PAZOS (139 Kb)
|
Ler máis...
|
|
Compostela, 14 de decembro de 2010. Segundo os datos compilados por Ramón Varela, ex-presidente de ADEGA e un dos maiores expertos en contaminación de Galiza, a concentración de óxidos de nitróxeno (NOx) no ar das principais cidades galegas superou este ano os límites legais (220 ug/m3 e hora). Todas as áreas urbanas estiveron nalgún momento por riba dos valores máximos recomendados. Particularmente graves son os casos de Ourense, Compostela, Vigo, Ferol e Pontevedra, cidades nas que ademáis estes valores máximos superáronse máis veces das legalmente permitidas (18). Estes compostos, altamente tóxicos para a saúde e nocivos para o ambiente, proveñen fundamentalmente dos motores de combustión (tráfico) e da queima de combustíbeis fóseis (térmicas). Galiza conta cunha das redes públicas máis cativas de todo o estado para o control da contaminación atmosférica, con só 9 estacións fronte ás 72 de Euskadi, as 68 de Catalunya ou as 23 de Madrid. Baixa o informe NOx_GALIZA_2010 (467 Kb)
|
Ler máis...
|
10 de decembro de 2010. A cimeira do clima de Cancún vai camiño de ser outro fracaso como o de Copenhagen en 2009. A posibilidade dun acordo global ambicioso e vencellante que substitúa ao protocolo de Quioto (remata en 2012) alónxase, enfrontándonos a un "abismo climático" letal para o planeta. Á falla de compromiso da UE, que chega a Cancún coas mesmas propostas para 2020 (redución do 20%) que fixo hai dous anos, e á incoerencia que supón a recente prórroga das axudas ao carbón até 2018; úneselles a reticencia de EE.UU. a asumir obrigas e a negativa de China, India e Brasil, todos eles fóra de Quioto, a aceptar acordos serios e vencellantes. A sensación é de que, novamente, un compromiso serio na loita contra o cambio climático terá que agardar até Durban 2011 (tal como aconteceu en Bali 2008 e Copenhagen 2009).
|
Ler máis...
|
2 de decembro de 2010. A resolución do concurso eólico trouxo non poucas sorpresas, non tanto relacionadas co reparto dos Mw (GN-Fenosa, tabeiróns da especulación enerxética e empresas amigas), como cos "proxectos asociados", quer a planta de tratamento de refugallos que apresentou Estela Eólica. Precisamente, un dos maiores problemas do novo Plano de Residuos é ubicar esta "SOGAMA do sur" e conquerir o financiamento privado para a incineradora (230 millóns de €), a metade de todo custo do PXRUG. Máis á vista dos resultados do concurso eólico, a Xunta resolve dun "decretazo" dous problemas: financiar a incineradora do sur (Estela Eólica estaría obrigada a facela a cambio dos Mw e non podería capitalizar o investimento) saltándose o concurso público para a adxudicación da infraestrutura e privatizar definitivamente a xestión dos RSUs, un negocio ruinoso para a Xunta.
|
Ler máis...
|
A Coruña, 27 de novembro de 2010. Neste día, ADEGA celebrou a súa 35 Asemblea Xeral na Coruña, cidade na que precisamente hai 35 anos naceu a nosa asociación. Arestora en Galiza estase a consolidar unha involución ambiental sen precedentes na historia do país. O obxectivo: o territorio no seu conxunto, unha prea para repartir; a excusa: a crise económica; o instrumento: as institucións públicas, ao servizo dos especuladores; e as consecuencias: unha perda moitas veces irreversíbel do noso patrimonio natural e cultural. Tras case dous anos de deconstrución sistemática por parte da actual Xunta dos tépedos avanzos ambientais da etapa anterior, a administración pretende agora aplicar a ortodoxia neoliberal con receitas xa coñecidas: urbanismo á carta, máis incineración, máis muíños a dedo, máis minicentrais, máis asfalto e coches... e espazos naturais menos protexidos, menos restricións urbanísticas, menos tren de proximidade, menos dereitos cidadás...
|
Ler máis...
|
|