Adega
INICIO Últimas novas Plano do Litoral: cando a excepción é a regra, non hai regras!
Plano do Litoral: cando a excepción é a regra, non hai regras! PDF Imprimir Correo-e
Envia Plano do Litoral: cando a excepción é a regra, non hai regras! a FaceBookEnvia Plano do Litoral: cando a excepción é a regra, non hai regras! a Twitter
18 de outubro de 2010. O POL, que a Xunta ten previsto aprobar antes de fin de ano, presenta tal cúmulo de indeterminacións, excepcións a arbitrariedades, que na práctica é coma se non existise. De entrada, os proxectos sectoriais vixentes (acuícola, eólico, portos deportivos, polígonos industriais, MOVE...) quedan fóra do POL. E os que se aproben en diante, en teoría afectados,  poderían ser obxecto de excepción a criterio da Xunta (p. ex. o proxecto sectorial para legalizar as urbanizacións de Barreiros, agora a exposición pública). O POL non existe para Pescanova, Stolt, Iberdrola, Fenosa, etc. pero sí para os concellos... anque novamente con excepcións: de entrada, aos chans urbanos consolidados e de núcleo rural non lles afecta o POL; e aos solos urbanizábeis (p. ex. Barreiros) e urbanos non consolidados con ordeamento detallado (p. ex. algúns grandes polígonos en Sanxenxo), tampouco. E polo que respeita aos terreos afectados polo POL, dentro da categoría de "mellora ambiental" permítense excepcionalmente asentamentos fundacionais, desenvolvementos periféricos, asentamentos funcionais e agregados urbanos. Dixera Feijóo que o POL non viña a proibir senón a ordenar. Pois ben, á vista do documento, o POL nen proíbe, nen na práctica tampouco ordena. Baixa as Alegacións_ADEGA-POL (162 Kb)

ALEGACIÓNS ADEGA - POL

Consideracións previas a respeito do periodo de exposición pública:
Suscribimos íntegramente a solicitude feita pola FEG (Federación Ecoloxista Galega) para ampliar o prazo de exposición pública. Independentemente das consideracións feitas a respeito da complexidade técnica do documento e das modificacións sufridas dende a súa presentación e durante o proceso de consulta aos concellos (3 meses), consideramos un agravio comparativo que a cidadanía e as entidades sociais só dispoñan de 2 meses tendo en conta que non posúen a mesma capacidade e medios técnicos que as administracións locais. A maiores, no documento de aprobación inicial non aparecen listados os solos con grao 1 de compatibilidade (sí os de grao 2, 3 e 4), ficando esta información só accesíbel através de aplicaciones SIX, o que dificulta a súa consulta para o público en xeral.
1. Encol do ámeto de aplicación e da eficacia:
De acordo co artigo 3 (eficacia) o planexamento urbanístico está vencellado xerarquicamente a este POL. Portanto, entendemos que existe unha incoerencia cos parágrafos 3 e 4 do artigo 2 (ámeto de aplicación) ao excluírense os solos urbanos consolidados e os solos de núcleo rural, mesmo os así clasificados polo planexamento municipal durante o proceso de adaptación. Podería entenderse que logo da aprobación do POL e durante o proceso de adaptación dos PXOM, estes poderían clasificar algúns ámetos como solo urbano consolidado ou núcleo rural evitando a afección polo POL.
Propoñemos que unha vez aprobado o POL todos os ámetos, independente da súa proposta de catalogación no PXOM, estarán afectados polas determinacións do POL.
2. Encol do réxime:
No que atinxe á afectación dos Planos e Proxectos Sectoriais de incidencia supramunicipal polo POL (un Plano Territorial Integrado), no artigo 4, parágrafo 4, indícase a necesidade de que, de acordo coa xerarquía emanada da Lei 10/1995 de Ordenamento do Territorio de Galiza, ditos planos e proxectos recollerán os criterios do POL. No entanto, no art. 4, parágrafo 4 letra a), menciónase a excepcionalidade de que o POL delimite áreas para a localización de instalacións e dotacións correspondentes a algúns planos e proxectos sectoriais. Non entendemos a necesidade de establecer esta excepcionalidade por canto se todos os planos e proxectos sectoriais estarán sometidos ao POL, tal excepcionalidade só pode significar que estas áreas fican exentas de cumprir os criterios do POL.
Propoñemos que este apartado a) sexa suprimido, xuntamente co apartado d) que redunda nas determinacións recollidas en normativas xa aprobadas.
Propoñemos asemade, a respeito dos Planos e Proxectos Sectoriais que, de pretender ocupar áreas efactadas polo POL, ademáis de aterse ás súas determinacións, apresenten un EIIP (Estudo de Impacto e Integración Paisaxística) e xustifiquen a imposibilidade técnica de ubicarse fóra do ámeto de afectación do POL.
3. Encol da clasificación dos usos:
No artigo 46.4 indícase que as instalacións e infraestruturas consecuencia da aplicación de Planos Sectoriais previamante aprobados non estarán afectadas polo POL. Ao noso entender, esta disposición creba o principio xerárquico que fai prevalecer as determinacións do POL, como Plano Territorial Integrado emanado da Lei 10/1995, sobre calquera Plano Sectorial, mesmo os xa aprobados ao abeiro desta. A este respeito, críase tamén unha inseguridade xurídica por canto os Planos e Proxectos sectoriais tramitados con posterioridade ao POL sí teñen que cumprir as súas determinacións, mentres que aqueles aprobados con anterioridade, mesmo sen terse desenvolto na súa totalidade, están exentos. Críase deste xeito un agravio comparativo que pode ter consecuencias xurídicas polo diferente tratamento dos instrumentos de planicación sectorial no POL segundo foran estes tramitados previa ou posteriormente a este.
En consecuencia, propoñemos a supresión completa do apartado 4 do artigo 46.
4. Encol da regulamentación de usos específicos:
A respeito dos usos nas áreas de protección intermareal (art. 52), non deberían incluirse entre os compatibles:
-Os socalcos, desmontes e recheos (parte do uso 1A).
-A xestión e tratamento de residuos (2M).
Nesta mesma área de protección intermareal deberíase substituir o uso 2E1 (novas construcións para turismo no medio rural) por 2E2 (rehabilitacións para turismo no medio rural) como uso compatíbel.
Nas áreas de protección costeira (art. 53) non deberían incluirse entre os usos compatibles da categoría 1A os socalcos, desmontes e recheos.
Nos espazos de interese (art. 57) non deberían incluirse entre os usos compatibles da categoría 1A os socalcos, desmontes e recheos. Nesta mesma categoría de espazos de interese non deberían incluirse entre os usos compatibles o uso 2D (instalacións vencelladas a estradas e subministración de carburante).
5. Encol dos usos na Rede de Espazos Naturais de Galiza (art. 58):
A Lei 9/2001 de Conservación da Natureza e a normativa que a desenvolve é a que, através dos preceitivos instrumentos de ordenamento e xestión (PORN, PRUX e Planos de Conservación), determina en exclusiva o réxime de usos nestes espazos. Portanto, a mención que no artigo 58 faise aos usos permitidos, compatibles e incompatibles que determina o POL para Rede de Espazos Naturais de Galiza equiparándoos aos da categoría de espazos de interese, debería ser suprimida.
6. Encol da regulamentación específica nos espazos de mellora ambiental e paisaxística (art. 63):
No artigo 36 enúncianse os principios xerais para esta área. A vista destes, particularmente o sinalado no apartado c) referido ao mantemento como espazo aberto e natural minimizando a súa ocupación, a regulamentación fixada no artigo 63 contradí os devanditos principios. Deste xeito, e malia ao carácter de excepcionalidade, faise referenza a variados crecementos urbanísticos (asentamentos fundacionais, desenvolvementos periféricos, asentamentos funcionais e agregados urbanos), que malia a un pretendido “crecemento racional” poderíanse desenvolver, contradicindo tanto os principios específicos para esta categoría como os principios comúns do art. 33.
Propoñemos que a regulamentación específica para os espazos catalogados como de mellora ambiental e paisaxística sexa a mesma que a proposta para as categorías de corredores e espazos de interese.
7. Encol dos criterios de integración das áreas industriais e económicas (art. 75):
A respeito da sinaléctica e á iluminación nocturna nos polígonos e superficies industriais veciñas ás áreas litorais (apartados h e i), deberíasen ter en conta no deseño, ubicación e réxime de funcionamento das luminarias medidas para minimizar a contaminación lumínica.
8. Encol da caracterización das praias (art. 78):
Neste artigo clasifícanse os distintos tipos de praias sobre as que posteriormente ordénanse os usos. A este respeito a definición das praias naturais (art. 78.d) como “aquelas afastadas de núcleos de poboación” ou que “teñen un difícil ou case imposible acceso por terra polo que é habitual que se acceda polo mar”, sinalar que atendendo a estas características, na costa galega case non existirían praias naturais, ficando a maioría destas dentro da categoría de praias rurais. Entendemos que esta definición, se ben podería ser válida para outros territorios, non se axusta ás características particulares da costa galega, unha área con elevada densidade poboación, alto número de núcleos habitados e unha densa rede de comunicacións, razóns que fan case imposíbel a existenza de praias naturais tal como están definidas no documento.
Porpoñemos portanto que ou ben elimínense da definición de praias naturais as mencións ao afastamento dos núcleos habitados (conceito por outra banda bastante subxectivo) e ás dificultades de acceso (que case sempre pode efectuarse a pé), e consecuentemente procédase a unha recatalogación dos areais; ou ben o ordeamento das praias rurais (art. 83) asimílese ao das naturais (art. 84) cos mesmos usos e limitacións destas últimas.
9. Encol da relación co planexamento municipal vixente:
Os solos urbanos non consolidados e urbanizábeis de planeamento xeral non adaptado á Lei 9/2002 de Galiza (art. 97), co ordeamento detallado, aprobado definitivamente ou contido no Plano Xeral (apartado 1), poden continuar a súa tramitación sen adaptarse ao POL. Algúns destes solos urbanizábeis aprobados, que ademáis desenvólvense cun plano non adaptado á Lei 9/2002, presentan en ocasións casos de importante superficie, intensidades altas, e grande impacto paisaxístico constituindo un importante factor de degradación da calidade paisaxística e ambiental do entorno litoral. A maiores, prodúcese un agravio comparativo con aqueles concellos que sí teñen o seu planexamento adaptado á Lei 9/2002 e transmítese unha mensaxe de impunidade para os concellos renuentes que ven “premiada” a súa insubmisión coa non afección polo POL.
Propoñemos, portanto, que todos os solos urbanos non consolidados e urbanizables non adaptados á Lei 9/2002 deban adaptarse aos principios, criterios e normas establecidos polo POL.
10. Encol do planexamento en tramitación (disposición transitoria 1ª, punto 2)
No parágrafo 2 do punto 2 da disposición transitoria primeira indícase a respeito dos documentos de planificación en tramitación á entrada en vigor do POL, que o proceso de adaptación non requerirá de nova información pública. Entendemos que todo o proceso de adaptación debería facerse coa máxima transparencia e participación pública, por canto a posibilidade de realizar este trámite debido a “alteracións substanciais” introduce un excesivo grao de discrecionalidade deixando esta interpretación unicamente ao criterio do secretario municipal.
Propoñemos que o proceso de adaptación dos documentos de planificación en proceso de tramitación sexa sometido en todo caso a un periodo de exposición pública.
11. Encol do planexamento xeral con aprobación provisional (disposición transitoria 1ª, punto 3):
Neste punto indícase a non necesidade de adaptación dos planos xerais con aprobación provisional ás áreas do POL catalogadas como de protección costeira (interpretamos que o termo “área de ordenación litoral” refírese aos espazos de protección costeira), ao contraio do que ocorre coas áreas de protección e mellora ambiental. Non entendemos as razóns desta exención, mais propoñemos que mentres non sexa definitiva a aprobación destes instrumentos e, portanto, non fiquen legalmente adaptados ás disposicións da Lei 9/2002, as determinacións do POL deberán cumprirse en todas as áreas que este determina.
12. Encol da disposición transitoria segunda: Planos e Proxectos Sectoriais
Alén do xa expresado no artigo 46.4 a respeito das infraestruturas, instalacións e dotacións previstas nun proxecto sectorial aprobado con anterioridade á entrada en vigor do POL, reiteramos a necesidade de que todos os planos e proxectos sectoriais estean sometidos ao POL, ao ser este un Plano Territorial Integrado xerárquicamente predominante sobre a planificación sectorial. Polo mesmo, e en aras de non dar lugar a agravios comparativos que poderían ser ademais fonte de inseguridade xurídica, e para garantir o máximo respecto polos principios xerais expresados neste documento, non pode haber “bula” para ningún instrumento de planificación territorial desenvolto na area de afección do POL, e menos por unha simples cuestión temporal ou de oportunidade como é a data da súa aprobación.
A maiores e tendo en conta que moitos dos planos e proxectos sectoriais aprobados ao abeiro da Lei 10/1995 e o Decreto 80/2000 están a día de hoxe e en grande parte sen desenvolver nas áreas afectadas polo POL, non debería establecerse distinción algunha polo feito de seren anteriores ou posteriores a este, xa que a súa incidencia e efectos sobre o territorio litoral unha vez desenvoltos é moitas veces determinante para o cumprimento ou non dos obxectivos xerais da presente norma.
Propoñemos portanto a supresión desta disposición transitoria segunda.

 

Por todo o anteriormente exposto, SOLICITA,

Que teña por presentadas estas alegacións ao documento de aprobación inicial do POL, asumindo as propostas nelas contidas e incluíndoas con vistas á súa aprobación definitiva.
Compostela, 30 de setembro de 2010
Asdo.: Fins Eirexas Santamaría, secretario executivo de ADEGA
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA