11 de xaneiro de 2013. ADEGA vén de apresentar alegacións ao proxecto de GN-Fenosa de unir mediante unha central de bombeo soterrada os encoros de Salas e As Cunchas, na baixa Limia. 74 meses de obras, máis de un millón de metros cúbicos de entullos repartidos pola reserva da Biosfera Gerês-Xurés a razón de 327 viaxes de camión diarias; baixadas de caudal ao mínimo durante meses nos dous encoros; riscos de eutrofización; eliminación física de 153 hectáreas de hábitats protexidos de e impactos sobre endemismos e especies en perigo de extinción. Todo para que GN-Fenosa siga espremendo dúas concesións franquistas (1949 e 1942) até esgotar os 99 anos de vixencia e, de paso, rendibilizar convertendo en "verde" a electricidade (mesmo nuclear) que non pode colocar no mercado ao prezo que lle convén cando a demanda é baixa. Un "lavado" en toda regra de megawatios suxos co timo do bombeo. Que por que ex-presidentes e ex-ministros acaban en eléctricas?
|
Ler máis...
|
|
8 de xaneiro de 2013. A delegación de Ourense de ADEGA vén de apresentar alegacións ao proxecto de investigación do dereito mineiro 5258 Wolfran Aurense reclamado pola empresa "Minas y Geología S.L." nos concellos de Castrelo do Miño, Cartelle, Arnoia e Ramirás. Trátase do enésimo intento dunha empresa mineira (cun capital social de 12.000€) para especular cos nosos recursos natrurais e lucrarse co alto prezo destes minerais (litio, estaño, wolframio, terras raras -tántalo e nioibio-). Ao seu paso, deixará unha terra ferida derramando os valores naturais que manteñen aos sectores produtivos tradicionais da comarca do Ribeiro. En tempos de crise, tamén hai que escoller: Tolerar a desfeita e ficar coas migallas do saqueo mentres dure (3-4 anos) ou respectar a terra para seguir a vivir dela. Apostar polo lucro pasaxeiro das terras raras e ficar sen terra, ou apostar polo viño e a conservación do patrimonio e mantela.
|
Ler máis...
|
Ourense, 30 xullo de 2012.- Esta imaxe, recollida por membros de ADEGA-Ourense, é graficamente explicativa da vertedura de milleiros de botellas e garrafas dunha coñecida marca de augas minerais nas beiras do río Támega, (ES 113005-Lugar de Interés Río Támega), concretamente nas veigas do concello de Oímbra, na comarca ourensá de Monterrei. Esta vertedura é moi ilustrativa da falta de educación ambiental que practican moitos responsábeis de empresas, pois o que eles desbotan como residuos (as botellas), teñen obriga de trasladalas a unha planta de reciclaxe de vidro co que poderían ter un novo uso evitando este impresionante atentado a un espazo da Rede Natura 2000 e a un espazo de ribeira. |
7 de outubro, Día Mundial das Aves. O pasado ano ADEGA denunciaba a construción dun "heliporto turístico" no cámping "Canón do Sil" dentro do LIC Canón do Sil e da contorna de protección do mosteiro de Sta. Cristina. Esta área acubilla algunhas das últimas parellas reprodutoras de aguia real (Aquila chrysaetos) do país, especie en perigo de extinción. Os "voos turísticos" dos helicópteros polos canóns do Sil en plena área de cría da aguia real, poderían incidir de xeito crítico sobre esta especie, polo que solicitamos á Xunta que iniciara unha investigación. Agora vimos de saber polo Valedor do Pobo as "xestións" desenvolvidas pola Xunta como resultado da nosa denuncia: Iniciar un expediente sancionador... e deixalo caducar; negarse a facilitar información tanto a ADEGA como ao Valedor e impedir a persoación da nosa entidade no expediente sancionador contra Aeronaves del Noroeste SL. Para o Valedor, a actuación da Xunta "resulta claramente perxudicial par o ben xurídico protexido [a aguia real] pola norma sancionadora que quedou sen efectividade". É así como a Xunta coida do noso patrimonio natural? Descarrega a Resposta Valedor HELIPORTO SIL (1.56MB)
|
Ler máis...
|
9 de xaneiro de 2012. Malia á prohibición expresa contida no Plano Director da Rede Natura, aprobado o pasado ano pola Xunta, a maquinaria da depredación ambiental segue en marcha. Desta volta, trátase dunha canteira en pleno corazón do parque natural da Serra da Enciña da Lastra, no concello de Rubiá (Ourense). Dáse a casualidade de que ademáis, a área afectada está catalogada como ZEPVN, LIC e ZEPA, sendo parte da Rede Natura galega. Dado que a actividade mineira non está permitida nun Parque Natural, e que esta actividade está expresamente excluida polo Plano Director da Rede Natura, dende ADEGA preguntámonos que fai unha administración tramitando un permiso contrario á lexislación vixente. Se a Rede Natura fora algo máis que un ente virtual declarado por imperativo legal de Europa, no que a Xunta non acredita o máis mínimo, non intentarían "coar" estes proxectos agresivos mentres a administración mira para outro lado.
|
Ler máis...
|
|
|
|
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 Seguinte > Final >>
|
Páxina 1 de 4 |