Xornadas "O monte como oportunidade sustentable fronte á crise" |
Dentro do conxunto de actividades organizadas por ADEGA na Campaña “Ponte no Medio, Móvete pólo Territorio” a prol dunha ordenación territorial sustentable, o vindeiro 4 de xuño desenvolverase na sala de conferencias do Edificio Multiusos de Melide unha xornada dedicada a analizar o papel do monte galego como oportunidade sostible fronte a crise. A actividade está programada conxuntamente coa ORGACCMM (Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común) e conta co patrocinio de Vicepresidencia da Deputación da Coruña. Baixa o Programa (469 Kb) da actividade. O acto de presentación terá lugar ás 10 da mañá a cargo da Alcaldesa de Melide, Mª Socorro Cea; o Vicepresidente da Deputación da Coruña, Pablo Villamar; a Vicepresidenta da Organización Galega de Comunidades de Montes, Pilar Santamaría e a Presidenta de ADEGA, Virxinia Rodríguez. Nunha primeira palestra falarase do “Monte como xerador de emprego” desde unha perspectiva histórica. Nela participarán Araceli Freire, premiada recentemente co galardón Xohana Torres polo seu traballo de investigación “O Monte é noso. Conflitividade social no medio rural galego durante o Franquismo”; Xosé Antonio Meixide, membro do CFEA-Guísamo, quen falará da formación como base para o emprego no monte; Mar Pérez Fra, membro do Departamento de Economía Aplicada da USC, disertará sobre a súa xestión e conservación no pasado e os cambios que houbo até os nosos días; e, Xosé Alfredo Pereiras, Presidente da ORGACCMM, abordará a necesidade dunha política sostible do monte como fonte de emprego e de vida. “O monte sustentable como oportunidade” será o título da segunda palestra. Nela intervirán Xabier Bruña, Vogal de Medio Rural de ADEGA, que analizará a necesidade da defensa da terra e dun uso equilibrado; Eloi Villade de OVICA-CMR que dará conta de modelos silvopastorais como exemplos de manexo sustentable do monte; e Xosé Manuel Yglesias Espiño, Presidente da CMVMC de Carballo, quen contará a experiencia de posta en valor deste monte comunal de Friol. A terceira palestra versará sobre “o monte como vertebrador territorial e social e como axente activo”. Sobre esta temática falará entre outros Damián Copena Rodríguez, docente da Universidade de Vigo e autor de varios estudos referidos ás instalacións eólicas nos montes galegos. Un dos comuneiros de Salcedo e Bairán, Felipe Castro, introducirá na mesa de coloquio a cuestión da recuperación etnográfica do monte. Pola súa banda, Xosé Dobarro Casal, Secretario da CMVMC de Zobra, fará fincapé na necesidade de reinvestir no monte como aposta social. E o Presidente da Mancomunidade de Pontecandelas, Alberto Lema, xunto con Santiago Suárez Blanco, expoñerán dous exemplos concretos de usos sustentables no monte, como a lonxa de madeira e parques intermedios e o aproveitamento gandeiro na Serra do Barbanza. A última palestra contará coas intervencións de representantes dalgunhas experiencias destacadas en Galiza en canto á xeración de emprego nos montes. Así, participarán desta o titular da explotación gandeira de Celanova, Roberto Álvarez González; Olga Otero Gómez, en representación do modelo asociativo da UXFOR Fonte das Meigas; Fuco Barreiro, membro da cooperativa Monte Cabalar de Val Miñor e Latino Rodríguez, como voceiro da mancomunidade do Val Miñor na que se puxo en marcha unha empresa de servizos. O peche das xornadas de montes “O monte: Oportunidade Sustentable fronte a Crise” virá da man de Xosé Alfredo Pereiras, Presidente da ORGACCMM e de Marcial Barral, vogal de montes de ADEGA. Proxecto financiado por: |