Compostela, 16 de abril de 2011. ADEGA ven de apresentar no Auditorio de Galiza a campaña “PONTE NO MEDIO, MÓVETE POLO TERRITORIO”. Pretende poñer freo aos proxectos especuladores co territorio galego e procurar unha alternativa sustentable de ordenación territorial a través dun movemento social de denuncia común. O MANIFESTO (243 Kb) que propón un decálogo de medidas concretas para a ordenación do territorio, foi asinado inicialmente por máis de 130 personalidades destacadas do mundo das artes, das letras e das ciencias de Galiza.
|
Ler máis...
|
13 de abril de 2011. Comeza a facerse xustiza cos nosos ríos. Fronte ao desleixo, cando non complicidade da Xunta coas desfeitas nos nosos ríos, o movemento ecoloxista vai conquerindo que a xustiza faga valer as leis que os defenden. Foi pola denuncia penal dos compañeiros de AEMS-Ríos con Vida, apoiada por ADEGA, que a Xunta non tivo máis remedio que obrigar a Ferroatlántica a devolver o caudal ecolóxico ao Xallas, incumprido sistematicamente durante 25 anos. Recuperamos deste xeito un pequeno caudal para a Fervenza do Ézaro mais durante os 365 días do ano e non só en vacacións. Tamén a denuncia de ADEGA, a Audiencia de Lugo ven de condear a penas de cárcere, multa e e inhabilitación profesional, aos donos dunha canteira en Riotorto por entullar a canle do río Turia. É unha mágoa que os nosos ríos teñan como única defensa a ecoloxistas e veciños mentras a administración é cómplice das desfeitas.
|
Ler máis...
|
9 de abril de 2011. Ante a situación de guerra en Libia, e o que esta a acontecer en outros países como Iemen, Bahrein, Costa de Marfil… ADEGA quere facer diante da opinión publica as seguintes consideracións: Os países occidentais estiveron apoiando a Gadafi, por intereses económicos e xeoestratéxicos. De feito os avións militares, as fragatas e as armas vendéronas os países invasores. A resolución do Consello de Seguridade da ONU utiliza o argumento de defensa da poboación civil, que son os que agora están a morrer. Non é unha intervención en favor da democracia, senón que responde os intereses xeoestratéxicos e económicos.
|
Ler máis...
|
Lugo, 5 de abril de 2011. En relación coa recente aprobación en Burgos por parte do Consello de Patrimonio Histórico español da candidatura do Camiño Primitivo e Norte da Costa para a súa proclamación como Patrimonio Mundial pola UNESCO en 2012, o FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO, do que forma parte ADEGA e outra vintena de entidades e asociacións implicadas na protección e promoción da primeira vía xacobea do mundo ao seu paso polo territorio galego, acolle positivamentente esta candidatura e agarda que sirva de revulsivo para axilizar e efectivizar a protección do Camiño Primitivo e para recuperalo dos "atropellos" e ameazas que ten sufrido ao longo das últimas décadas.
|
Ler máis...
|
|
A Coruña, 14 de abril de 2011. ADEGA vén de denunciar a tala de especies autótonas (carballos e castiñeiros) na fraga de Cecebre (Cambre), tala que contou co beneplácito da Xunta. Ao permitila, a administración está a facerlle un fraco favor ao noso bosque autóctono, precisamente no Ano Internacional das Florestas. Os feitos parécennos especialmente graves, ao ser este espazo unha das fragas máis coñecidas do País: “A Fraga de Cecebre”, ou “O Bosque Animado”, que serviu de inspiración ao literato Wenceslao Fernández Flórez para o libro do mesmo titulo. Neste 14 de abril, actuacións coma esta, e declaracións coma as do conselleiro responsábel dos bosques, o Sr. Juárez, de que as queimas controladas son "convintes para os ecosistemas" poñen a xestión das nosas florestas ao nivel dunha república bananera.
|
Ler máis...
|
11 de abril de 2011. Cando a administración usa o lume como "instrumento preventivo" evidencia unha preocupante falta de medios, de ideas ou o que é mais grave, de interese por xestionar os nosos montes cun mínimo de sustentabilidade. Ao aplicar esta política, a Xunta fai súas as teses de G. W. Bush: se non hai árbores que queimar, acabáronse os lumes. As queimas "controladas" ou "preventivas" son ante todo iso, incendios. En absoluto son xustificábeis como método de desbroce, para o fomento de pasteiros ou para "a mellora do hábitat de animais silvestres, especialmente mamíferos e aves" (sic), como chegaron a dicir. Mais o que xa resulta incomprensíbel é como se permiten estes procedementos cunha climatoloxía adversa e sen o dispositivo de extinción plenamente operativo.
|
Ler máis...
|
7 de abril de 2011. A deconstrución do noso patrimonio natural reactívase cos primeiros proxectos derivados do concurso eólico do PP. Nas últimas semanas, unha enxurrada de parques eólicos están a "coller sitio" sobre espazos de alto valor natural, antes de que Europa obrigue á Xunta a ampliar con urxencia a cativa Rede Natura galega. Tal é o caso dos tres proxectos na área d'O Pindo, e do recente parque eólico do Alto da Croa, en Vimianzo e Dumbría. Estas instalacións afectan a humidais inventariados, especies e hábitats prioritarios, para os que a UE obriga a establecer medidas de epecial conservación. Se a Xunta persiste en entregar o noso patrimonio natural máis valioso aos seus amigos en troques de protexelo, Europa podería retirar subvencións ou mesmo impoñer fortes multas, que pagariamos todos/as. Vaites coa boa xestión e a austeridade!
|
Ler máis...
|
Marzo de 2011. RoteiRíos é un programa de itinerarios organizado polo Proxecto Ríos que pretende unir ríos e persoas, achegando os cursos fluviais á cidadanía nun ambiente lúdico así como dar a coñecer o patrimonio natural, cultural e social asociado. Nste 2011 imos pola cuarta edición e a temática escollida é a restauración fluvial. Pretendemos dar a coñecer á cidadanía actuacións que se teñen feito nesta materia e que seguiran criterios ambientais, sendo o obxectivo principal a recuperación do ecosistema. Moitas veces as actuacións nos cauces e ribeiras supoñen unha agresión ao medio e o seu suposto beneficio está moi lonxe de acadar a recuperación do ecosistema, previamente degradado polas actuacións humanas.
|
Ler máis...
|
|