Adega
INICIO Novas ADEGA e outras 15 organizacións rexeitan a limpeza da Muralla de Lugo en época de nidificación
ADEGA e outras 15 organizacións rexeitan a limpeza da Muralla de Lugo en época de nidificación PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA e outras 15 organizacións rexeitan a limpeza da Muralla de Lugo en época de nidificación a FaceBookEnvia ADEGA e outras 15 organizacións rexeitan a limpeza da Muralla de Lugo en época de nidificación a Twitter

vencello_1Lugo, a 16 de maio de 2011. ADEGA e outros 15 colectivos sociais, culturais e ambientalistas de Lugo, así coma un gran número de cidadáns, vimos de solicitar ao Concello de Lugo e á Dirección Xeral de Patrimonio a paralización inmediata dos labores de limpeza de vexetación da Muralla Romana que se están a realizar durante o período de nidificación de diferentes especies de aves que empregan o noso monumento, Patrimonio da Humanidade, para tal fin.

A solicitude foi presentada no rexistro do concello e da Xunta a nome de ADEGA, SGHN, Cova da Terra, AENDA, Asociación polo Movimento Radiofónico Lugués (A.MO.RA.L.), Asociación Cultural In Bocca al Lupo, Associaçom Cultural Alto Minho, FPG, Granxa Escola de Barreiros S.L, Asoc. Pola Defensa do Parque Rosalía, Grupo Ecoloxista LUITA VERDE, Parápono Teatro, Radio Clavi, SAUDARTE Saúde e Arte,  Sociedade Ornitolóxica Lucus Augusti e a asociación Cultural Vagalume Enxebre.

vencello_2Non só o Cirrio ou Anduriñón Negro (Apus apus), senón tamén os Ferreiriños (Parus sp.), Ribeirentos (Phoenicurus ochruros), Paporrubos (Erithacus rubecula), e outros paseriformes empregan a Muralla de Lugo para sacar adiante a súa prole, coa importancia que isto comporta para o conxunto da cidade, xa que a maioría destas especies son un dos mellores insecticidas naturais dos que dispoñemos en Lugo, ao mesmo tempo que enchen de cor e son os nosos ceos.

É por isto que solicitamos ante o Concello de Lugo e á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta a inmediata paralización dos labores de limpeza nas paredes da Muralla onde aniñan estas aves, entendendo que a limpeza do adarve non apresenta riscos para as mesmas. Tamén solicitamos coñecer a metodoloxía empregada para a realización desta limpeza, xa que, ano tras ano contemplamos que se realizan a man e con herbicidas, pero descoñecemos por completo o tipo de productos químicos que se empregan para tal fin e os riscos que estes productos químicos poden ter para a saúde humana, da fauna salvaxe (aves, insectos polinizadores...), dos nosos animais domésticos e da propia conservación da Muralla.

limpeza_murallaEntendemos que a conservación da Muralla e a preservación da vida natural na nosa cidade deben ser actividades compatíbeis, polo que reclamamos das autoridades competentes a correcta planificación das labores de limpeza, e non só da Muralla, senon tamén das beiras das vías públicas e outros espazos comúns que, casualmente, sempre se realizan durante o periodo de cria da fauna salvaxe e con métodos pouco respectuosos para o medio ambiente.

Consideramos que, en xeral, calquera administración pública debería ter en conta, non só os factores económicos á hora da xestión do noso Patrimonio Público, senón tamén valores tanxíbeis e intanxíbeis como os paisaxísiticos, ecolóxicos, sonoros, culturais, educativos, etc., de cara a construír unha sociedade integrada e respetuosa co seu medio.

De non obter resposta satisfactoria as nosas demandas, as organizacións mencionadas poñeremos estes feitos en coñecemento da SEO/Birdlife e da UNESCO, para que estuden a legalidade e/ou compatibilidade das accións de mantemento do Muralla coa conservación de especies salvaxes protexidas e a propia declaración da mesma como Patrimonio da Humanidade. Así mesmo, estudaremos a adopción doutras medidas de presión necesarias para conquerir a paralización dos labores de limpeza que podan afectar á fauna salvaxe.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
galizamaxica

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA