O ámbito de actuación de ADEGA abrangue todo o país, polo que a súa estrutura atópase organizada en Delegacións locais que teñen competencias sobre a súa demarcación, traballando sempre en coordenación coa Delegación Nacional, encargada de prestar apoio ás iniciativas locais e desenvolver o traballo que supere as demarcacións locais.
Ten tres órganos decisorios: a Asemblea Xeral, A Xunta Directiva Xeral e a Comisión Permanente, sendo o primeiro o máximo órgano de Goberno
A Asemblea Xeral, á que poden asistir todos os socios e socias con voz e con voto, é o máximo órgano de goberno de ADEGA. A Asemblea Xeral, que se reúne de forma ordinaria unha vez ao ano, establece as liñas de actuación da asociación, debate os balances de actividades e económico e elixe os membros da Xunta Directiva Xeral, cuxo mandato é de dous anos.
A Xunta Directiva Xeral é o principal órgano de goberno entre asemblea easemblea. Está formada polo/a presidente/a, o/a vicepresidente/a, o/a secretario/a xeral, o/a vicesecretario/a xeral, o/a tesoureira, representantes das delegacións e vocais responsábeis da coordinación das diferentes áreas de traballo.
A Comisión Permanente, elixida tamén pola Asemblea Xeral, está constituída por algúns membros da Xunta Directiva Xeral e encárgase de dirixir a xestión cotiá da asociación.
Todos os cargos da Xunta Directiva Xeral e da Comisión Permanente son elixidos por períodos bianuais renovábeis
|
|
ADEGA é unha asociación independente e democrática. Todos os socios e socias de ADEGA poden participar, a través das asembleas, na definición das posicións da asociación e no establecemento da súas liñas de actuación. |
|
ADEGA realiza múltiples accións para protestar contra as agresións ambientais, incluíndo accións directas non violentas. Na imaxe recóllese unha protesta contra a celebración dunha competición de trial no interior do espazo natural da fervenza do Toxa (Silleda) |
|