A APLU paralisa a actividade de ERIMSA en Begonte por estar na Rede Natura |
Lugo, 5 de maio de 2011. A consecuencia dunha denuncia presentada por ADEGA en xuño de 2009, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística vén de emitir un Informe APLU dándonos a razón e recoñecendo que a actividade extractiva de ERIMSA en Begonte é ilegal por executarse sobre solo de especial protección de espazos naturais e no LIC Ladra-Parga-Támoga. Tamén recoñece o fallo que a empresa carece de autorización urbanística da Xunta e de licenza municipal para esta actividade. Por estes motivos, a APLU dispuxo a suspensión da actividade ordenando á empresa que, no prazo de tres meses, presente a oportuna solicitude de autorización ante a Xunta, por se a actividade puidera ser legalizable. ADEGA desbota esta posibilidade.
Apesar desta resolución da APLU, ADEGA critica a escasa dilixencia da Axencia de Legalidade Urbanística que, a pesar do exhaustivo informe do SEPRONA, necesitou practicamente de dous anos para poder confirmar a actuación ilegal de ERIMSA nun espazo da Rede Natura. Isto fai sospeitar que se trata dun informe que, a última hora, pretende salvar a responsabilidade da Administración e da propia empresa ante a denuncia xudicial que ten instruído o Xulgado de Vilalba e que está, actualmente, pendente de xuízo. A este respecto, ADEGA insiste en que a Administración está a permitir que a actividade mineira incumpra a lexislación vixente e que acade o inaceptable privilexio fronte ao resto de cidadáns e propietarios de poder actuar en calquera tipo de solo, sen ningunha autorización ou con autorizacións, desde o punto de vista administrativo, totalmente contrarias á legalidade vixente. Por outra parte, resulta indignante que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística considere que tal actividade en Rede Natura poida ser legalizable a través dun acordo do Consello da Xunta e segundo a disposición duodécima segunda da Lei do Solo. Alén de soportar as sucesivas modificacións desta disposición transitoria para adaptar a Lei do Solo ás continuas ilegalidades que viñan practicando (e seguen a practicar) os empresarios a minaría, semella que agora esta disposición tamén se pode interpretar segundo conveña. No obstante, esta disposición duodécima segunda aínda segue dicindo: “A implantación de novas explotacións e actividades extractivas, así como a ampliación das existentes en calquera categoría de chan rústico especialmente protexido, non poderá realizarse en tanto non sexa aprobado definitivamente o correspondente plan sectorial de actividades extractivas de Galicia, ou proxecto sectorial, que será formulado e tramitado polo conselleiro ou conselleira competente en materia de minas”. A propia Axencia de Protección da Legalidade Urbanística recoñece no seu informe que a actividade extractiva que se denuncia dentro da Rede Natura non tivo lugar até os anos 2007-2009, é dicir, que se trataría dunha ampliación da actividade e, polo tanto, non pode ser legalizable mentres non haxa aprobado un Plan Sectorial de Actividades extractivas ou proxecto sectorial. Así pois, ou ben a APLU contradí o seu propio informe no que se recoñece que tal actividade en Rede Natura é posterior á Lei do Solo; ou ben, entende erroneamente que o Consello da Xunta está por riba da legalidade vixente. Ademais, por tratarse dunha actividade que afecta a un Lugar de Importancia Comunitaria da Rede Natura 2000, haberá tamén que aterse ao disposto na Directiva 92/43/CEE e na Lei 42/2007 sobre a protección dos hábitats prioritarios e/ou de importancia comunitaria: “4. Calquera plan, programa ou proxecto que, sen ter relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesario para a mesma, poida afectar de forma apreciable aos citados lugares, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans ou proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións no lugar, que se realizará de acordo coas normas que sexan de aplicación, co establecido na lexislación básica estatal e nas normas adicionais de protección ditadas polas Comunidades autónomas, tendo en conta os obxectivos de conservación de devandito lugar […]. Os órganos competentes para aprobar ou autorizar os plans, programas ou proxectos só poderán manifestar a súa conformidade cos mesmos tras haberse asegurado de que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión e, se procede, tras habelo sometido a información pública.” Agardamos desde ADEGA que na Dirección Xeral de Urbanismo e na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas se teña un criterio máis aceptable de respecto polo territorio, polos espazos, polo solo protexido e pola legalidade e a xustiza social. De non ser así, calquera esforzo e traballo en elaborar e tramitar Directrices de Ordenación do Territorio ou Plans de Ordenación dos Recursos Naturais da Rede Natura sería inútil ou, mesmo o recentemente anunciado Plano Director da Rede Natura en Galiza, sería inútil, alén de constituír un malgasto de recursos e fondos públicos. En todo caso, confiamos en que a Administración de Xustiza, non só sexa capaz de restituír a legalidade urbanística, senón tamén de sancionar conforme a dereito as responsabilidades penais que puideran ter habido na consumación desta ilegalidade.
|