Adega
INICIO Últimas novas Plano Director de Acuicultura: as industrias apuntan e a Xunta dispara
Plano Director de Acuicultura: as industrias apuntan e a Xunta dispara PDF Imprimir Correo-e
Envia Plano Director de Acuicultura: as industrias apuntan e a Xunta dispara a FaceBookEnvia Plano Director de Acuicultura: as industrias apuntan e a Xunta dispara a Twitter
2 de maio de 2011. O documento de inicio do Plano Director de Acuicultura é o instrumento legal que vai permitir á patronal do peixe plano asaltar a Rede Natura, comezando por Touriñán. Toda a costa é susceptíbel de albergar piscifatorías: non hai zonas de exclusión. A planificación resposta únicamente ás necesidades da industria e non as características e valores do medio receptor, o que queda demostrado ao comprobar que só os criterios técnicos (altura, distancia á costa, etc.) son os únicos excluintes, quedando a “adecuación económica, social e o potencial sostible” para un “segundo paso” como "recomendacións". Tendo en conta ademais que “o réxime de acceso á propiedade dos terreos corresponderá á iniciativa privada e que as actuacións levaranse a cabo por expropiación forzosa só no caso que sexa necesario” fica claro o sentido deste PDA: a industria propón e a administración dispón. Baixa as Achegas inicio PDA (147 Kb)

ACHEGAS DE ADEGA AO DOCUMENTO DE INICIO DO PLANO DIRECTOR DE ACUICULTURA

1. Encol do CONTEXTO:

O Documento de Inicio do Plano Director de Acuicultura (en diante PDA) comeza facendo referenza ao contexto mundial, europeo, estatal e galego da actividade acuícola. Cítase a un informe da FAO que aponta á necesidade de incrementar a produción de alimentos nun 70% para o 2050, para concluir que, en opinión da Xunta, a acuicultura pode asumir ese papel. Deixando a un lado a cuestión de que para atallar a fame no mundo non é tan importante incrementar a produción de alimentos, controlada maioritariamente por grandes corporacións transnacionais, como rematar coa especulación e sobre todo mellorar o seu reparto para garantir o acceso da poboación aos alimentos, supoñer que o incremento da acuicultura vai ser chave na consecución destes este obxectivos, parécenos como mínimo inxenuo e desenfocado, cando non demagóxico.

Mais ainda, a Xunta pretende que a acuicultura industrial en terra (maioritariamente de peixes planos), obxecto deste Plano Director, sexa o principal proxeso xerador de alimentos para conquerir os obxectivos da FAO. A este respeito, e á marxe de que a administración pretende tomar unha parte moi pequena en termos económicos e de emprego (piscifatorías en terra) polo todo (acuicultura e cultivos mariños) a proipa FAO, no documento “Orientacións para o ordenamento medioambiental do desenvolvemento da acuicultura costeira” sinala entre os dez principios para o ordenamento sustentábel do sector:

- Consultar coa poboación local e todos os participantes.
- Planificar a pequena escala, proxectos flexíbeis.
- Deixar que a xente tome as decisións.
- As solucións deben axustarse estrictamente ás necesidades locais.
- Manter ao mínimo os investimentos externos para reducir a dependencia. As axudas, suplementos e tecnoloxías inapropiadas no son sustentábeis.
- Edificar sobre o que a xente está facendo ben. Adoptaranse novas ideas só se non son contrarias á práctica local.
- Avaliar os impactos: deberianse examinar os aspectos económicos, sociais, culturais e ambientais.
- Considerar insumos e resultados. Os proyectos non poden estar enfocados a un único resultado, como a produtividade.
- Manter ou mellorar o nivel de vida dos participantes.

No entanto, e polo que se desprende deste documento de inicio, preténdese desenvolver a acuicultura industrial en terra partindo das necesidades do sector dominado por dúas grandes transnacionais (Stolt Sea Farm, do grupo Stolt-Nielsen Limited, e Pescanova). Planificar grandes instalacións e macropolígonos; obviar a poboación local e a realidade socioeconómica do sector, dominado polos cultivos mariños e a pesca de baixura; adicar cuantiosas subvencións públicas ao sector da acuicultura terrestre; e planificar exclusivamente co obxecto de que as empresas incrementen a produción de peixes planos, son obxectivos que contradín frontalmente, na nosa opinión, as recomendacións da FAO.

O presente Plano Director de Acuicultura pretende “definir as directrices para a instalación de establecementos de cultivos mariños en zona terrestre”. No entanto, no contexto socieconomico galego, as cifras indican que a acuicultura terrestre ten unha moi unha baixa representatividade dentro do sector acuícola: así dunha produción total de 236.580 Tm, a acuicultura industrial de peixe supón un 3,7% (8.753 Tm, 7.433 delas de rodaballo). E termos de emprego, os postos de traballo no total do sector (calculados como a tempo completo e durante todo o ano) supoñen 3.974. Para a acuicultura de peixe, no documento de inicio non se subministran cifras de emprego. No entanto, e asumindo unha relación de emprego similar á da produción, isto é do 3,4% sobre o total (malia que a acuicultura industrial ten obxectivamente unha menor xeración de emprego por cantidade de produto no mercado), a acuicultura industrial de peixe (fundamentalmente rodaballo) xera en toda Galiza 147 empregos, calculados como a tempo completo e durante todo o ano.

Reiteramos pois o alegado no seu momento ao Plano Sectorial de Acuicultura (2007), no senso de que que a elaboración dun plano sectorial non está xustificado posto que ordena só unha pequena parte (a acuicultura mariña en terra) da actividade acuícola, esquecendo ao groso do sector. Ademais, non contribúe a poñer en valor os recursos mariños do litoral galego, xera poucos postos de traballo e está dominado por unhas poucas corporacións transnacionais. Portanto, neste Plano Director non está en absoluto xustificado a declaración automática de utilidade pública e interese social dos proxectos autorizados aos efectos de expropiación forzosa. Este feito supón ao noso entender un atentado contra os usos e o interese público dun espazo tan sensíbel como é o litoral, e un agravio comparativo co sector produtivo autóctono que ten na pesca de baixura, o marisqueo e os parques de cultivo mariños a súa principal fonte de recursos.

2. Encol do MARCO XURÍDICO:

O Documento de Inicio do PDA fai neste apartado referenza á súa fundamentación legal, comezando polos sucesivos planos sectoriais aprobados en 2005 e 2007, e xustificando a súa razón de ser nos requerimentos das DOT (Directrices de Ordenamento do Territorio) e do POL (Plano de Ordenamento do Litoral). Menciónase tamén, no tocante á protección do ambiente, a Directiva 92/43/CEE de Hábitats que consagra, xunto coa Directiva de Aves, a Rede Natura 2000. Efectivamente, no artigo 6 da Directiva 92/43/CEE fálase da obrigatoriedade de establecer medidas de conservación através de diversos instrumentos. No entanto, a inclusión deste referenza á Directiva de Hábitats na fundamentación xurídica do Plano Director de Acuicultura, como se este fóra o instrumento ao que se refire o artigo 6, carece de sentido. Este Plano Director en absoluto pode equipararse e moito menos substiuir a un plano de xestión específico ou integrado para un espazo da Rede Natura 2000, ao que precisamente debería estar sometido.

Cómpre lembrar que os LICs e ZEPAs da Rede Natura 2000 foron declarados pola Xunta en 2004 Zonas de Especial Conservación (ZEC) consonte á Lei 9/2001 de Conservación da Natureza. A este respeito, e dacordo cos apartados 1 e 2 do artigo 4, letras d) e f) do artigo 5 e apartados 1, 2 e 3 do artigo 31 da Lei de Conservación da Natureza, as actividades nos espazos protexidos, neste caso no litoral, deben supeditarse ao establecido polos Planos de Ordeamento dos Recursos Naturais (PORNs) e/ou os Planos de Conservación (PC) pendentes de elaboración e aprobación na maioría dos espazos naturais protexidos e inexistentes para os espazos da Rede Natura. Neste senso, a administración debería agardar á elaboración desas ferramentas de xestión denantes de aprobar instrumentos como este PDA que vai ter incidencia sobre territorio con protección ambiental. A este respeito, son ben claros os apartados 3 e 4 do artigo 6 da Lei 9/2001:

3. Os plans de ordenación dos recursos naturais aos que se refire a presente Lei prevalecerán sobre calesquera outros instrumentos de ordenación territorial ou física, constituindo as suas disposicións un límite para estes, cuxas determinacións no poderán alterar ou modificar aquelas e se aplicarán, en todo caso, prevalecendo sobre os instrumentos de ordenación preexistentes.”
4. As previsións dos plans de ordenación dos recursos naturais terán carácter vinculante para calesquera outras actuacións, plans ou programas sectoriais en todas as materias ás que se refire o apartado 2 do presente artigo e revestirán carácter indicativo en todo o demáis”.

Tamén é determinante o artigo 39 da mesma Lei:

39. Os planos de conservación serán vinculantes, tanto para as Administraciones Públicas como os particulares, prevalecerán sobre o planexamento urbanístico e a súa aprobación conlevará a revisión dos plans territoriais ou sectoriais incompatibles cos mesmos”.

Portanto, sexan cais sexan as determinacións e/ou recomendacións contidas neste PDA, cando as instalacións acuícolas afecten a espazos protexidos, incluida a Rede Natura 2000, o PDA, a planificación sectorial, o planexamento urbanístico e mesmo o POL, quedarán sometido ás determinacións que conteñan os preceitivos instrumentos de xestión e mesmo deberán ser modificados para aterse a eles.

No tocante aos hábitats e especies recollidas nos anexos I e II da Directiva de Hábitats, cómpre lembrar tamén que o artigo 6 desta directiva establece no seu punto 4:

4. …No caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritarios, unicamente poderanse alegar consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde. Neste último caso, através da canle correspondente, haberá que consultar, previamente, á Comisión Europea.

Portanto, calisquera proposta de ubicación, delimitación ou ordeamento que o PDA poida establecer con respeito a un determinado espazo costeiro que albergue hábitats considerados de protección prioritaria ficará sen efecto mentres non se desenvolva o procedemento recollido na Directiva 92/43/CEE e no Real Decreto 1997/1995 que a traspón.

3. Encol dos OBXECTIVOS, ALCANCE E CONTIDO DO PLANEXAMENTO E PROPOSTAS E DOS EFECTOS AMBIENTAIS:

Entre os obxectivos específicos do PDA para acadar o obxectivo xeral de definir as directrices para a instalacións de fatorías acuícolas en zona terrestre non está o de establecer zonas de exclusión. Fálase unicamente de fixar criterios de compatibilidade para as plantas centrados nos procesos e características destas instalacións e non nos valores intrínsecos do medio receptor. Isto significa que de entrada, toda a costa é considerada apta de entrada para o desenvolvemento acuícola, e é en función das propias características das plantas e da súa afección nos lugares nos que se pretenden implantar, polo que poden ser compatíbeis ou non. Esta concepción do territorio e dos seus valores (naturais, paisaxísticos, ecosociais, culturais…) como supeditados aos usos potenciais e non ao revés, amosa unha visión caduca e interesadamente sesgada da xestión territorial. Introdúcense elementos de discrecionalidade na interpretación que a administración pode facer dos diferentes criterios e variábeis para declarar unha instalación compatíbel ou non.

Ao parecer, estes criterios para o desenvolvemento da acuicultura enunciados en diversos documentos da Comisión Europea (por exemplo no documento COM(2009) 162 final), e catalogados como “ecolóxicos, paisaxísticos, económicos e sociais”, deberán cruzarse cos resultados dun estudo “Estudo da adecuación do territorio para a implantación de parques acuícolas nas costas de Galicia” redactado polo Grupo de Recursos Mariños e Pesqueiras da UDC para chegar ás ubicacións finais. Este estudo da UDC fai unha “análise espacial” e conclúe valorando a adecuación do terreo para a implantación das fábricas en base a uns criterios de viabilidade (técnica, económica, ambiental e social). Sen ter lido este estudo xa que non foi incluido neste documento de inicio, chama a atención que entre os criterios de viabilidade ambiental considéranse só como únicas variábeis a “distancia á costa” e a “capacidade do enclave para abastecerse con enerxías renovábeis”. Non hai mención como variábeis relevantes nos criterios da presenza de espazos protexidos, paisaxes singulares, hábitats ou especies ameazadas, etc. Máis aínda, na análise realizada neste estudo contémplase a exclusión de determinadas áreas por razóns físiográficas e técnicas, nunca ambientais. E como resultado da aplicación dos “criterios de viabilidade ambiental” obtense un chamado “índice de potencial enerxético sostible”.

Resulta pois patente que a clasificación da zona costeira en base a estes indicadores resposta únicamente ás necesidades da industria e non as características e valores do medio receptor, feito que queda demostrado ao comprobar que só os criterios técnicos (altura, distancia á costa, etc.) son os únicos excluintes, quedando a “adecuación económica, social e o potencial sostible” para un “segundo paso” e en todo caso, sen ser excluintes. A proposta resultante de “zonas aptas” fica pois trucada dende o inicio, pois son só os condicionamentos relacionados coa viabilidade empresarial os que determinan de entrada a consideración dunha zona como apta para a acuicultura. A maiores, o feito de que as ubicacións preferentes teñan que ser “o máis baixas posíbeis e con maior superficie plana posíbel”, ou dito doutro xeito, deban ocupar a primeira liña de costa, a franxa máis sensíbel e con maior valor paisaxístico, ambiental e turístico, indica claramente a vocación deste PDA: a entrega á patronal acuícola, concretamente á do peixe plano, que polas características do proceso produtivo precisa de enormes superficies, dos millores espazos de costa.

Polo que respeita ao modelo de desenvolvemento industrial, este PDA aposta pola concentración de instalacións en grandes polígonos. Este modelo que aumenta o impacto paisaxístico e ambiental, está orientado a favorecer ás industrias xa implantadas, maioritariamente transnacionais, que reforzarán a súa presenza no sector e aforrarán custos, acadando vantaxes na competencia coas empresas pequenas. Este modelo contradí as recomendacións da FAO que no antedito documento “Orientacións para o ordenamento medioambiental do desenvolvemento da acuicultura costeira” propón “planificar a pequena escala proxectos flexíbeis”.

A esta “torta” precociñada xa ao gusto da patronal do peixe plano engádenselle finalmente os criterios ecolóxicos, paisaxísticos, económicos e sociais recomendados pola Comisión Europea, mais outra volta de xeito discrecional. Serán as empresas as que tendo en conta as seguintes “recomendacións” poidan dispoñer medidas de adecuación ambiental e social e a administración quen interprete se estas son suficientes:

-Deberanse respectar, no posible, os parques naturais, as zonas incluidas na Rede natuira 2000 e outras figuras de protección.
-Debería protexerse no posible as zonas de especial valor paisaxístico.
-Deberán coidarse ao máximo as actuacións en zonas de interese social.
-Deberanse respectar as zonas turísticas.

4. Encol do ÁMETO DE APLICACIÓN E TRAMITACIÓN:

Non fica claro se a declaración de utilidade pública e interese social dos terreos situados nos emprazamentos aptos que implicará a aprobación do PDA polo Consello da Xunta, refírese ás zonas aptas resultado da análise territorial efectuada pola UDC no seu estudo ou a unha posterior declaración froito de aplicar, como recomenda a Comisión Europea, os criterios ecolóxicos, paisaxísticos, sociais e económicos. Esta diferenza é importante, por canto pode acontecer que previamente á aprobación (ou non) dunha determinada instalación (que require proxecto sectorial, estudo de impacto e demais informes preceitivos, como por exemplo o da D. X de Costas) os terreos conten xa coa utilidade pública, paso este que debería producirse tras a tramitación e no seu caso aprobación por parte da Xunta dun proxecto concreto e non antes.

Tendo en conta ademais que “o réxime de acceso á propiedade dos terreos corresponderá á iniciativa privada e que as actuacións levaranse a cabo por expropiación forzosa só no caso que sexa necesario” as industrias contarían xa cunha reserva de terreos libres de cargas mesmo antes de ter o seu proxecto aprobado, ou sequera de iniciar a súa tramitación, co que a negociación cos propietarios das terras ficaría deturpada a favor dos intereses do promotor.

Por todo o anterior, a Asociación parta a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) solicita que se teñan en conta as anteditas achegas ao Documento de Inicio do Plano Director de Acuicultura na redacción do Documento de Referenza.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA