ERVA e ADEGA rexeitan as batidas do xabarín en época de cría e na Rede Natura |
3 de maio de 2011. Os grupos ecoloxistas ERVA e ADEGA queremos denunciar ante a opinión pública a regresión en materia de política de xestión e conservación da fauna que supón, en primeiro lugar, a negativa da Xunta a compensar os danos do porco bravo e, en segundo lugar, o impulso da celebración de batidas para controlar a poboación desta especie en época de cría e mesmo dentro de zonas protexidas. A política de facto de non pagar as compensacións, cuxos expedientes están paralisados desde finais do ano pasado, está en relación co recorte do gasto público no contexto da crise que padecemos. Esta actitude revela a política regresiva do goberno autonómico en materia de conservación. O intento morno da Xunta de derivar a responsabilidade económica dos danos aos TECOR finalmente concretouse, por electoralismo, na renuncia de Medio Rural a implicar ás sociedades cinexéticas, nas que residiría unha parte da responsabilidade como así ven recollido na Lei de Caza. É chamativo que se sigan inspeccionando danos aos cultivos por parte da gardería de conservación, se no existen fondos públicos para pagalos. Algúns expedientes levan sen pagar dous anos, coa única intención e de acalar aos afectados e evitar protestas antes das eleccións. Tal é o xeito de conducirse do actual director xeral de conservación que antepón as cuestión partidistas á verdadeira solución dos problemas existentes vencellados á actividade cinexética. Como consecuencia, a única actuación que lle resta a Medio Rural é a aplicación das excepcionalidades contempladas na Lei de Caza. Estas excepcións son norma na xestión do porco bravo dende 2009, e acandan maior gravedade neste ano. A celebración sistemática de batidas en época de cría das especies salvaxes non teñen xustificación debido á falla de información demográfica rigorosa sobre as poboacións de xabarín. Estas batidas, nas que se irrompe no monte con cans, teñen unha incidencia negativa sobre a fauna cinexética e non cinexética, ao posibilitar que se malogren as crías das distintas especies de mamíferos e aves que comparten o habitat co porco bravo. Especies de aves de presa como a tartaraña cincenta, a gatafornela (ambas as dúuas ameazadas) ou a avenoiteira, outras aves como a perdiz e mamíferos como a lebre, o coello ou o lobo vense afectadas por esta irrupción en plena época de crecimento das crías. Nen sequera se contempla que as prácticas cinexéticas autorizadas nesta época sexan modalidades máis selectivas (tipo esperas nocturnas) e non xeralistas (ganchos e monterías). As batidas nesta época, ao coincidir coas estacións de máximo risco de incendios e derivarse boa parte do persoal á realización de labores de extinción poden contribuir ademais a fomentar o furtivismo, xa que non hai sificiente persoal para controlar os milleiros de batidas que poden organizar. A aplicación desta manga ancha coas batidas, cobra maior gravidade nos espazos protexidos da Rede Natura 2000 ou cando para o caso, revísase a condición de terrenos vedados criados precisamente criar refuxios de fauna e garantir a persistencia das poboacións. Por estas razóns, ERVA e ADEGA reclamamos da Xunta que, denantes de seguir autorizando batidas en época de cría, clarifique o modelo de pagamento dos danos do xabarín, ben através da responsabilización dos TECOR ou ben por medio dos orzamentos públicos da Xunta. Apostamos pola aplicación dunha política integral e transversal de xestión do xabarín do medio rural, diversificando as política forestal, agraria e gandeira para mellorar a sustentabilidade e harmonizar as políticas produtivas coa conservación da natureza. As solucións deben ser consensuadas por todas as partes e non como se está a facer na actualidade: o borrador da nova Lei de Caza contén importantes medidas que están a ser negociadas e consensuadas co lobby da escopeta. |