Adega
INICIO Últimas novas 22 de maio, Día da Biodiversidade: Galiza, á cola na xestión de hábitats e especies protexidas
22 de maio, Día da Biodiversidade: Galiza, á cola na xestión de hábitats e especies protexidas PDF Imprimir Correo-e
Envia 22 de maio, Día da Biodiversidade: Galiza, á cola na xestión de hábitats e especies protexidas a FaceBookEnvia 22 de maio, Día da Biodiversidade: Galiza, á cola na xestión de hábitats e especies protexidas a Twitter
logoBIO-2010En decembro de 2000 a Asemblea Xeral da ONU designou o 22 de maio como Día Mundial da Biodiversidade, para comemorar a sinatura en 1992 da Convención Internacional para a Diversidade Biolóxica en Nairobi (Kenia). Este ano, o lema é "Biodiversidade, desenvolvemento e alivio da pobreza", para subliñar o papel da conservación e boa xestión da biodiversidade no benestar humano. Fronte ao discurso interesado de que o progreso (sobre todo o de algúns) está enfrontado á protección ambiental, a conservación da biodiversidade pode e debe ser motor do desenvolvemento sustentábel, comezando polos propios habitantes dos lugares protexidos.

En Galiza, o territorio cunha das meirandes biodiversidades de Europa, as administracións non souberon estar á altura: ridícula superficie protexida, ausenza de planos de xestión de espazos e especies, proxectos agresivos en espazos de alto valor natural...

Mentres, o número de especies en perigo e de hábitats ameazados continúa a medrar malia á cada vez máis ampla lexislación proteccionista. A conservación da diversidade natural fica sempre ao cabo das prioridades reais e dos compromisos orzamentarios das administracións. Galiza segue tendo a menor superficie en Rede Natura 2000 de todas as autonomías (o 12%) moi por baixo da media estatal (25%), e a prometida ampliación presentada pola Xunta en 2008 non acaba de chegar.
Por outra banda, os instrumentos de xestión dos espazos protexidos, chave para garantir a conservación e o uso sustentábel seguen ausentes: o retraso na redacción e aprobación dos PORN (Planos de Ordenamento dos Recursos Naturais) e PRUX (Planos Reitores de Uso e Xestión) é escandaloso, por no falar dos Planos de Conservación e Recuperación das especies ameazadas, práticamente inexistentes, e do feble compromiso na loita contra as especies invasoras.
Estes documentos, que debería redactar a Xunta nun prazo de dous anos após da declaración de espazo protexido, son vencellantes para todas as administracións con competencias (hidráulicas, de costas, enerxéticas, etc.). A día de hoxe, practicamente ningún espazo da Rede Natura conta con PRUX e mesmo no Parque Nacional das Illas Atlánticas (2002), ou os parques naturais das Fragas do Eume (1997) e Corrubedo (1992) están logo de moitos anos aínda en redacción.
"Non vimos a prohibir, senón a ordenar" proclamaron Feijóo e Hernández a respeito do litoral. Mais a realidade dos espazos protexidos é que por non estaren ordeados, só están protexidos no papel, polo que nosa biodiversidade e o noso patrimonio natural fican ao abeiro dos intereses económicos.
Deste xeito, proxectos acuícolas, eólicos, mineiros ou hidráulicos, ao non estar expresamente excluidos nos preceitivos PRUX (porque non existen) poden implantarse en espazos protexidos cunha simples declaración de impacto favorábel, moitas delas de dubidoso rigor e con escandalosas omisións. Tal aconteceu cos aproveitamentos hidroeléctricos do Sil (Santo Estevo II), coa liña de alta tensión Trives-Aparecida, coas canteiras e parques eólicos do Xistral ou coas piscifatorías de Cabo Vilán, Rinlo, e Touriñán.
E nos espazos que deberían integrarse na Rede Natura, segundo a proposta que a Xunta elaborou en 2007, proxectos como canteiras e minas van reducindo as posibilidades de contarmos cunha Rede Natura coerente, á altura da nosa riqueza natural.
ADEGA demanda da Xunta de Galiza que aprobe xa a proposta de ampliación da Rede Natura redactada en 2008 e declare unha moratoria para as actividades extractivas, parques eólicos, piscifatorías e demáis aproveitamentos industriais e infraestruturas mentres non se aproban os preceitivos instrumentos de xestión e o Plano Director destes espazos.
O contrario suporía unha escandalosa complicidade da administración coa política dos feitos consumados e un intolerábel agravio comparativo para a cidadanía en xeral e os habitantes dos espazos protexidos que ven como limítanse os seus usos e impídese o seu desenvolvemento mentres piscifatorías, canteiras, encoros e eólicos teñen patente de corso para arramplar coa nosa biodiversidade.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA