2 de febreiro, DÍA MUNDIAL DOS HUMIDAIS. Nesta data adoptouse en 1971 a convención internacional Ramsar para a conservación e o uso racional dos humidais. Os ecosistemas húmidos son parte da nosa riqueza natural e grazas a eles recibimos servizos por valor de millóns de euros (de xeito totalmente gratuíto). O lema deste ano, "Os humidais coidan da auga", fai fincapé no papel fundamental que teñen os humidais na dispoñibilidade e boa calidade das augas. Dende ADEGA quixemos ir máis aló, e atender tamén aos pequenos humidais (menores dunha hectárea) que non están protexidos pola convención Ramsar. Eis a razón do proxecto "CHARCAS CON VIDA" que ADEGA apresenta este 2 de febreiro en Pontevedra. Malia ser unha peza chave para a conservación do noso patrimonio natural e cultural, son hábitats descoñecidos, infravalorados e sometidos a un rápido proceso de degradación e desaparición.
|
Ler máis...
|
29 de xaneiro de 2013. Alén de tentar converter a escasa Rede Natura galega (a máis cativa do estado en porcentaxe) nun polígono industrial mediante un Plano Director que da barra libre a eucaliptos, caza, eólicos, encoros e canteiras, a prevista ampliación de Feijóo e Hernández, pendente dende 2011, demórase sine die. Casualidade? Semella que non. Nestes dous anos, e nos espazos a incluir na prevista ampliación, autorizáronse todo tipo de actividades agresivas que mesmo chegaron a eliminar fisicamente hábitats coa máxima protección europea: Plantacións de piñeiros sobre turbeiras; de eucaliptos sobre flora endémica; rozas con maquinaria pesada sobre dunas; canteiras e minas sobre humidais; dragados; grandes encoros... A estes exemplos de desleixo e feitos consumados engádese agora un novo caso: A tala dun bosque húmido atlántico no concello das Pontes, xusto nunha área proposta para ampliar a Rede Natura (LIC Río Sor).
|
Ler máis...
|
Lugo, 23 de xaneiro de 2013. Á ducia de denuncias contra a destrución de patrimonio arqueolóxico da Mariña de Lugo que tanto ADEGA como Mariñapatrimonio teñen presentado nos últimos dous anos, engádense agora outras 6 denuncias ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural contra novas agresións a 6 castros inventariados e protexidos da comarca, executadas co apoio da Xunta. Ambos colectivos advirten ás consellarías competentes en Medio Rural e Cultura que se seguen a actuar de xeito irresponsable, acudirán á Fiscalía.
|
Ler máis...
|
Lugo, 22 de xaneiro de 2013. ADEGA-Lugo vén de presentar alegacións á Ordenanza Municipal de Circulación de Lugo, dentro do prazo marcado pola administración local para esta fin. Pese a que un dos obxectivos fundamentais desta ordenanza debe ser o de regular a circulación de ciclos e bicicletas na zona urbana, cremos que supón aínda máis restricións para o uso destes vehículos ecolóxicos na cidade. Así pois, advírtese neste documento a falla de máis zonas habilitadas para o uso da bicicleta e pouca vontade de permitir que peóns e bicicletas compartan un mesmo espazo, cando é algo lóxico e normal en cidades civilizadas e avanzadas.
|
Ler máis...
|
|
31 de xaneiro de 2013. ADEGA está a exercer a acusación particular no proceso penal contra un funcionario (J.T.M.) acusado pola Fiscalía de "antepoñer os criterios comerciais aos ambientais", e emitir informes favorábeis á construción dunha piscifatoría en Rinlo (Ribadeo) na RN2000 e sobre hábitats prioritarios. Esta obra, promovida por Ramón Álvarez-Cascos, foi paralisada e denunciada por ADEGA en 2005-6, e finalmente declarada ilegal polo TSXG en 2009, que anulou a DIA e o acordo do Consello da Xunta de Fraga. Tras procesar tamén por prevaricación ao daquela Dir. Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental J.M. Álvarez-Campana, a Fiscalía acusa agora ao funcionario, daquela xefe do servizo de Conservación e Biodiversidade por motivos similares. Dende ADEGA queremos lanzar un aviso a quenes dende a administración, e ignorando a obriga de cumprir as leis que protexen a nosa biodiversidade máis fráxil, avalan cos seus informes proxectos manifestamente incompatíbeis coa conservación destes valores. Prevaricar contra o ambiente non pode quedar impune!
|
Ler máis...
|
Xaneiro de 2012. O informe do estado de saúde dos ríos galegos que presenta o Proxecto Ríos establece unha fotografía do estado ecolóxico dos nosos ríos a partires das análises realizadas polo voluntariado participante. Preséntanse os resultados das inspeccións, a metodoloxía empregada na realización do informe e as actividades máis importantes desenvolvidas durante 2012. Os resultados das inspeccións amosan que o 45% dos ríos están nun estado moi bo; o 34,5% bo; o 12,5% moderado e o 8% deficiente. Obsérvase un descenso moderado dos treitos con estado "moi bo" e "bo" respecto aos anos 2010 e 2011, que pasa dun 82% a un 80% así como un aumento dos de calidade "deficiente".
|
Ler máis...
|
Compostela, xaneiro de 2012. Os orzamentos da Xunta para 2013, polo que atinxe aos investimentos en actuacións ambientais, afúndense un 62% con respeito aos orzamentos de 2009. Destacan especialmente os 0 (cero) euros que investirá en 2013 Xunta de Feijóo na loita contra o cambio climático, os 0€ adicados á erradicar as especies invasoras, 0€ tamén para as Axendas 21 Locais ou 0€ para educación ambiental. Xa nin falamos das axudas ás entidades ambientalistas, cuxo papel como axentes da participación pública e garantes da transparencia ambiental énos recoñecido en diversas Directivas e leis estatais e autonómicas. Non só pretenden calarnos adicando, como durante toda a era Feijóo, 0€ para actividades e funcionamento, senón que levan meses sen convocar os organismos consultivos (Consello Galego de Medio Ambiente e Observatorio Galego da Biodiversidade) nos que temos representación, incumprindo as súas propias normas de funcionamento. Mensaxe a Feijóo: Nen así conseguirá calarnos!
|
Ler máis...
|
22 de xaneiro de 2013. Este día presentouse o proxecto "Charcas con Vida" no concello de Pontrevedra. Custodia do territorio, educación ambiental e voluntariado ambiental únense neste proxecto para dar a coñecer os pequenos humidais de Galiza, contribuíndo á conservación do patrimonio e da natureza. A iniciativa ten como obxectivo divulgar a importancia das charcas como espazos de alto valor patrimonial, tanto cultural como natural, e fomentar comportamentos e prácticas que axuden ao seu coñecemento e conservación. O vindeiro 2 de febreiro (Día Mundial dos Humidais) ADEGA celebrará unhas xornadas no Pazo da Cultura de Pontevedra sobre a importancia da conservación das charcas. Baixa o PROGRAMA(0,7 MB).
|
Ler máis...
|
|