Adega
INICIO Novas Os castros da Mariña, en risco pola industria do eucalipto e a irresponsabilidade da Xunta
Os castros da Mariña, en risco pola industria do eucalipto e a irresponsabilidade da Xunta PDF Imprimir Correo-e
Envia Os castros da Mariña, en risco pola industria do eucalipto e a irresponsabilidade da Xunta a FaceBookEnvia Os castros da Mariña, en risco pola industria do eucalipto e a irresponsabilidade da Xunta a Twitter

RPtalascastros1Lugo,  23 de xaneiro de 2013. Á ducia de denuncias contra a destrución de patrimonio arqueolóxico da Mariña de Lugo que tanto ADEGA como Mariñapatrimonio teñen presentado nos últimos dous anos, engádense agora outras 6 denuncias ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural contra novas agresións a 6 castros inventariados e protexidos da comarca, executadas co apoio da Xunta. Ambos colectivos advirten ás consellarías competentes en Medio Rural e Cultura que se seguen a actuar de xeito irresponsable, acudirán á Fiscalía.

castro agredido 0 copyDende o ano 2008 Mariñapatrimonio e ADEGA veñen denunciando todas as agresións e destrucións ao patrimonio cultural das que van tendo noticia. Até o día de hoxe levan presentado máis dunha ducia de denuncias, nove delas debidas a danos ocasionados polas cortas e posteriores repoboacións do monte con eucaliptos en xacementos arqueolóxicos; catro destes xacementos inventariados e, por tanto, protexidos pola lei.

Na Mariña, como no resto do territorio galego, a meirande parte do patrimonio arqueolóxico que se destrúe débese a actividades da industria do eucalipto. Un exemplo ben ilustrativo da magnitude que acada esta destrución témolo no concello de Xove. Este municipio é o único da Mariña cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado definitivamente, no que se poden consultar as fichas co patrimonio arqueolóxico do concello. Evidentemente non recolle todos os xacementos arqueolóxicos existentes, os cales se irán incorporando a medida que se descubran.

No catálogo arqueolóxico do PXOM de Xove atópanse 32 xacementos catalogados, dos cales 21 están plantados de eucalipto. Destes 21 xacementos, 4 xa non existen “posiblemente como consecuencia dos labores forestais”, tal e como recoñecen os técnicos que elaboraron o PXOM. O dramático desta situación é que no prazo duns vinte anos, que é o prazo da corta dos eucaliptos, terán desaparecido os 17 restantes.

castro agredido2A Lei de Patrimonio recolle que estes xacementos están protexidos e que, por tanto, está penada a súa destrución. A Xunta de Galicia é a encargada de protexer os xacementos e de sancionar as persoas que os destrúen. A maioría dos propietarios das parcelas onde se atopan xacementos arqueolóxicos descoñecen a súa existencia; no entanto, a Xunta, que coñece cando menos os xacementos incluídos no seu inventario, non informa aos propietarios/as para evitar que realicen actividades prohibidas en xacementos protexidos. A Xunta tampouco permite a consulta do inventario, malia a que é público, segundo recolle a lei. A mesma Xunta que prohibe o movemento de terras e calquera acción que poida danar un xacemento arqueolóxico protexido e inventariado é a que autoriza as cortas do monte de eucalipto e obriga aos propietarios á posterior repoboación nestes xacementos, labores que na actualidade se realizan con maquinaria pesada ocasionando graves danos no patrimonio.

castro agredido1A Xunta, que autoriza e prohibe asemade as cortas nos xacementos arqueolóxicos, debería autodenunciarse e automultarse de maneira exemplarizante por ser a responsable de centos de destrucións do patrimonio. Poida que deste xeito a Consellaría de Cultura informase á de Medio Rural onde hai xacementos e Medio Rural, pola súa banda, informase a Cultura onde se van facer talas, o que evitaría as constantes desfeitas do patrimonio de todos e todas. 

Mentres esta necesaria coordinación non exista, iremos vendo como os xacementos de Xove, igual que os do resto de Galicia, se van destruíndo.

Entre tanto, ADEGA e Mariñapatrimonio continúan co seu labor de denunciar as agresións contra o patrimonio cultural e veñen de presentar seis novas denuncias por posibles danos ao patrimonio cultural da Mariña, das que se achega a seguinte información:

Coto dos Castros

  • No xacemento arqueolóxico Coto dos Castros,Polígono 503- Parcela 287/290, concello de Mondoñedo e Polígono 3- Parcela 191/192 ,concello de Lourenzá (Lugo) foi efectuada unha tala do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala, comprobamos que na zona noroeste deste xacemento, nas parcelas 287/290 do polígono 503, foron destruídos totalmente 120m do sistema defensivo (parapeto e foxo). Os materiais do parapeto foron utilizados como recheo do foxo para achaiar e aumentar a superficie de plantación de eucaliptos.
  • Na zona suroeste, parcela 191/192 do polígono 3, como consecuencia doutra tala e repoboación, comprobamos que houbo remocións de terra con maquinaria pesada nun sector do parapeto.

Coto da Croa

  • No xacemento arqueolóxico O Coto da Croa, parroquia de Santa Cilla, concello de Foz (Lugo),foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala e repoboación, comprobamos que na parte intacta da croa, (outra parte fora destruída por unha canteira) abriuse con maquinaria pesada un acceso polo parapeto para entrar no interior da croa, que foi totalmente arada con profundos e anchos sucos, quedando á vista numerosos fragmentos de cerámica castrexa.

Castro Loureiro

  • No xacemento arqueolóxico Castro Loureiro, parroquia de Chavín, concello de Viveiro (Lugo) GA27066012 foi efectuada unha tala do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala, comprobamos a posible afectación deste xacemento protexido pola lei.

A Croa

  • No xacemento arqueolóxico A Croa, parroquia de Landrove de Viveiro , concello de Viveiro (Lugo)   GA27066011, foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala, comprobamos a posible afectación deste xacemento protexido pola lei.

 Os Castro de San Caetano

  • No xacemento arqueolóxico Os Castro de San Caetano, parroquia de Celeiro de Mariñaos concello de Barreiros (Lugo), foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala e repoboación, comprobamos que houbo remocións de terra con maquinaria pesada que abriu numerosos furados de 2m x 1,5m nun sector do parapeto deste castro protexido pola lei.

Os Castros

  • No xacemento arqueolóxico Os Castros, parroquia de San Pedro de Viveiro , concello de Viveiro (Lugo)   GA27066009, foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala e repoboación, comprobamos que houbo remocións de terra con maquinaria pesada que abriu numerosos furados por toda a superficie deste xacemento protexido pola lei.

ADEGA e Mariñapatrimonio advirten de que se a Xunta non comeza a actuar con responsabilidade en canto á autorización de cortas ou repoboacións sobre xacementos inventariados e protexidos, recorrerán á Fiscalía.

 Premer na seguinte ligazón para ver as imaxes das cortas:

https://picasaweb.google.com/101936272298621785797/OPATRIMONIOARQUEOLOXICODAMARINAENRISCOPOLAINDUSTRIADOEUCALIPTOEADESCOORDINACIONDAXUN

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA