SOGAMA + Incineración = Cancro. A ecuación dos residuos do PP, outra volta confirmada por estudos científicos |
28 de decembro de 2012. SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente), a entidade semipública que xestiona o 82% dos refugallos urbanos do país mediante a incineración e o vertido é unha das empresas máis contaminantes de Galiza, e tamén unha das máis perigosas para a saúde. Un recente estudo de investigadores/as do Instituto de Saúde Carlos III de Madrid, publicado na revista Environmental International, conclúe que a poboación que reside preto das incineradoras ten un maior risco de padecer cancro. Porén, e malia a que este sistema é máis nocivo, caro, contaminante e insolidario que a compostaxe, o PP persiste en defendelo contra toda lóxica. A pregunta é: Quen se lucra cos refugallos a costa da nosa saúde?
NOTA: Por desgraza, esta nova non é unha brincadeira!
As incineradoras, como a situada no “complexo ambiental” de SOGAMA en Cerceda, revélanse segundo os expertos como potentes emisores de substancias carcinóxenas: Dioxinas, arsénico, cromo, benceno, hidrocarburos aromáticos policíclicos, cadmio, chumbo, tetracloroetileno, hexaclorobenceno, niquel e naftaleno, entre outros centos de tóxicos. Segundo o rexistro estatal de emisións e fontes contaminantes (PRTR) SOGAMA verteu á auga e á atmosfera uns 15 kg de mercurio, 13,7 de arsénico, 5,5 de cadmio, e 21 ,4 de fenois no último periodo declarado. E isto só é a punta do iceberg: Neste rexistro, non se recollen as emisións monóxido de carbono, dióxido de xofre, outros metais pesados alén do mercurio, nen tampouco as dioxinas e furanos, substancias moi tóxicas producidas pola incineración. Na incineradora quéimanse tamén produtos farmacéuticos (máis de 4.000Tm ao ano), prática perigosa para a saúde polas emisións das substancias químicas procedentes dos medicamentos. Entre os tumores que, segundo o estudo do Instituto Carlos III, poden producirse debido a cercanía das incineradoras atópase o de estómago, o de pulmón, o de pleura, o de ril e o de ovario. Ademais estes cancros poden manifestarse con maior probabilidade nas persoas que viven a menos de cinco kilómetros destes emprazamentos, tal é o caso de numerosos veciños de Cerceda, parroquias de Carral, Ordes… A ciencia dá outra volta máis argumentos para abandonar a incineración como sistema para o tratamento dos residuos. Ademais de ser unha fraude de lei é un desbaldimento económico, unha hipoteca ambiental e un risco certo para cidadanía, destrúe máis portos de traballo dos que cria. Irónicamente SOGAMA ten como lema “Traballamos, educamos e actuamos por un futuro sostible” É este o futuro que nos prometen? Dende o movemento ecoloxista levamos décadas reclamando un novo modelo de xestión de residuos para Galiza, un sistema descentralizado baseado na redución, a separación dos residuos orgánicos (que para SOGAMA non son reciclábeis!!), e a compostaxe, para camiñarmos, como o resto de Europa, cara unha sociedade da reciclaxe. Ti tamén podes colaborar a conquerir este obxectivo asinando e recollendo apoios para a ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) contra a incineración e a prol da compostaxe. Non fiques parado/a adgardando a seres envelenado/a! Máis información: Maria R. Lafuente, vogal de residuos de ADEGA (628378804)
Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA (981570099) |