Bombeo Salas-Cunchas: Como lavar megawatios nucleares na Limia con encoros franquistas |
11 de xaneiro de 2013. ADEGA vén de apresentar alegacións ao proxecto de GN-Fenosa de unir mediante unha central de bombeo soterrada os encoros de Salas e As Cunchas, na baixa Limia. 74 meses de obras, máis de un millón de metros cúbicos de entullos repartidos pola reserva da Biosfera Gerês-Xurés a razón de 327 viaxes de camión diarias; baixadas de caudal ao mínimo durante meses nos dous encoros; riscos de eutrofización; eliminación física de 153 hectáreas de hábitats protexidos de e impactos sobre endemismos e especies en perigo de extinción. Todo para que GN-Fenosa siga espremendo dúas concesións franquistas (1949 e 1942) até esgotar os 99 anos de vixencia e, de paso, rendibilizar convertendo en "verde" a electricidade (mesmo nuclear) que non pode colocar no mercado ao prezo que lle convén cando a demanda é baixa. Un "lavado" en toda regra de megawatios suxos co timo do bombeo. Que por que ex-presidentes e ex-ministros acaban en eléctricas? ALEGACIÓNS 1. Encol das características e a xustificación do proxecto A empresa promotora pretende xustificar a realización deste proxecto atendendo ás seguintes razóns: -“Xestión de vales e puntas de demanda”: Preténdese facer ver que a electricidade que non se consome nun momento dado “pérdese”, esquecendo que paralelamente á xestión da demanda (que debería ir orientada cara a súa redución), deberiase xestionar tamén a oferta reducindo a xeración de enerxía cando non se precise. Porén, a empresa emprega o conceito de eficiencia enerxética de xeito interesado e perverso: Esquece que previa á eficiencia está o aforro e que unha parte do aforro consiste en non producir enerxía se esta non vai ser consumida, habida conta de que na súa produción, incluidas as fontes renovábeis, xéranse nmportantes impactos ambientais, e que na súa distribución á rede pode perderse até o 30% da enerxía xerada. Portanto, dende o punto de vista da eficiencia ecolóxica, a millor enerxía non é a renovábel, senón a que non é preciso producir. GN-Fenosa non ten pensado reducir a súa xeración de enerxía (este proxecto é unha mostra moi clara), nen sequera no actual contexto de crise económica na que, segundo reza a documentación presentada, constátase un “retraso da demanda”. Ben ao contrario, a empresa pretende mesmo aumentar esta produción co único e pouco disimulado obxectivo de “rendibilizar” unha enerxía que nun momento dado non pode colocar no mercado, en lugar de aforrar a súa xeración. -“Puntas ocasionais na produción de renovábeis”: Esta é a tradicional xustificación de moitas centrais de bombeo: Aportar “constancia” ao subministro fronte ás “irregularidades” na produción que teñan algunhas renovábeis, especialmente a eólica. A este respeito, GN-Fenosa non descoñece que o actual parque da xeración enerxética estatal está composto por un “mix” de varias fontes, mesmo renovábeis con subministro moi previsíbel e estábel (hidroeléctrica, solar,) e que algunhas das “non renovábeis” tradicionalmente consideradas como as garantistas do sistema de subministro pola súa estabilidade, están suxeitas tamén a variacións e indeterminacións que poderían comprometer a súa continuidade. Razóns económicas, políticas etc. poden condicionar de xeito determinante os prezos e a dispoñibilidade destas enerxías no mercado, alén dos posíbeis accidentes que poderían obrigar, como aconteceu en Xapón despois de Fukushima, ao apagado de todas as nucleares. E tamén a respeito da estabilidade, non foi esta a xustificación empregada polo governo español en 2010 para aprobar o Decreto 134/2010 de axudas ao carbón, que primaba queima de carbón estatal fronte ao importado e os ciclos combinados? A mesma GN-Fenosa na documentación do proxecto non oculta, ao referirse ao rexime de funcionamento da central de bombeo, cal vai ser o ciclo de operacións: Pódese apreciar que lonxe de atender aos motivos conxunturais aducidos pola empresa como xustificación para o bombeo (atender a puntas ocasionais na produción de renovábeis) o rexime de funcionamento (bombeo de fin de semana e os días de diario turbinado pola mañán e bombeo pola noite) deixa claro o verdadeiro obxectivo do proxecto: Colocar no mercado cando a demanda (e o prezo) é máis alto (horario laboral) a enerxía acumulada mediante bombeo no encoro superior, turbinándoa en momentos de baixa demanda (noites e fins de semana). Ulas as supostas puntas de produción das renovábeis? Ou é que o vento sopra máis pola noite que polo día? Logo de desmontado o argumento da “febleza” do subministro das renovábeis e da necesidade de xestionar os excedentes, cómpre avaliar cal é a procedencia desta enerxía que, mediante bombeo, quere armacenarse nun encoro. A este respeito, confírmase outra volta o que ADEGA e outras organizacións ecoloxistas vimos denunciando a respeito das centrais de bombeo: Na documentación deste proxecto cítase que “a electricidade armacenada nos intres de menor demanda virá xeralmente dun ‘mix’ de xeración baixo en C –eólica e nuclear- con menor participación dos ciclos combinados de gas”. Portanto, non són unicamente as renovábeis as responsábeis deste “exceso” de produción non colocado. Tamén as nucleares e as centrais de gas (megawatios suxos) contribúen a xerar a electricidade (non renovábel e contaminante) que é usada para bombear auga en periodos de baixa demanda e que é despois, ao ser turbinada, é convintemente “lavada” en megawatios “limpos” e colocada no mercado a un prezo superior e mesmo primado con axudas públicas. Por outra banda, GN-Fenosa alude en varias ocasións ao aumento da produción eólica tanto a nível galego como estatal. A nível galego, dos 2325 MW licitados pola actual Xunta no último concurso (2010) apenas só se instalou un 2%a día de hoxe, e a nível estatal, a supresión das primas aos novos proxectos renovábeis supuxo un brusco parón no desenvolvemento destas enerxías. -“Autoabastecemento”: Outro argumento vencellado á dependencia eléctrica do “exterior” do estado español. No entanto, GN-Fenosa non considera o ámeto galego, no que pretende desenvolver os seus proxectos, como a referenza válida neste caso. Por que non entón o ámeto peninsular ou eurpoeo? De facelo, e considerando a suficiencia eléctrica galega, comprobaría que o noso país é excedentario na produción de electricidade e que a demanda industrial e urbana está por baixo da capacidade de produción das centrais do país. A este respeito, o conceito de autoabastecemento cómpre ligalo ao do aforro e a eficiencia. Ao do aforro porque, como xa se dixo, a millor enerxía é a que non é necesario producir, e tendo a acadado Galiza a suficiencia eléctrica (por certo cunha importante porcentaxe de renovábeis, ao contrario que outros lugares do estado) non precisaría producir máis. E á eficiencia, porque alén de que no proceso de bombeo existe un déficit enerxético neto de arredor do 30%, a electricidade producida por este e outros proxectos similares non vai ser consumida polo tecido económico galego senón que será exportada á meseta, sufrindo perdas durante o transporte de até o 30%. -“Cumprimento do Protocolo de Quioto”: O incumprimento sistemático por parte do estado español das condicións fixadas polo Protocolo de Quioto non vén dunha baixa xeración de enerxía procedente de fontes renovábeis. Vén da non diminución (agás nestes últimos 2 anos, e debido á crise económica e á caída do consumo) das fontes que queiman combustíbeis fóseis. A este respeito, tanto no estado como en Galiza non se produxo unha substitución ó “alternatividade” (de aí precisamente a denominación das renovábeis como altarnativas) entre as enerxías limpas e as suxas: ben ao contrario, incrementáronse ambas. Portanto, a cuestión non debería ser cantas emisións de CO2 va “aforrar” a construción destas centrais de bombeo, senón cantos dos megawatios producidos en Galiza con carbón e gas van ser substituidos (e consecuentemente cantos grupos térmicos van deixar de emitir) ao poñer en marcha este proxecto. A resposta é ben sinxela: 0 (cero). E por certo, no seu balanzo de gases, GN-Fenosa só fai referenza ás supostas (ficticias, como acabamos de amosar) emisións “evitadas”. Esquécese de cuantificar os gases emitidos pola combustión dos motores que durante os 74 meses de obras vai emitir a maquinaria, especialmente os camións de gran tonelaxe que transportarán os entullos (1.175.000 m3) até as entulleiras a razón de 327 viaxes diarias. 2. Encol das afeccións aos hábitats e aos espazos naturais As obras proxectadas desenvólvense totalmente dentro da “zona de transición” da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés e parcialmente na “zona tampón” (toma no encoro de Salas). Afectan tamén neste punto á proposta de ampliación da Rede Natura 2000 (Xunta de Galiza, 2011) dentro do espazo LIC-ZEPA-ZEPVN Baixa Limia-Serra do Xurés. Polo que atinxe ás afeccións á Reserva da Biosfera, cómpre lembrar que na “zona tampón”, e tratándose dun territorio cun valor de conservación alto en canto á representatividade, extensión e naturalidade dos hábitats presentes, só serían compatíbeis os usos tradicionais do solo e o turismo ambiental. Polo que atinxe á zona de transición da reserva, na que se desenvolve a prática totalidade das obras proxectadas, subliñar que o seu obxectivo é promocionar actividades compatíbeis co desenvolvemento sustentábel e favorecer ás poblacións locais xunto coa conservación e revalorización da naturaeza e da biodiversidade. Ningún deste obxectivos propostos para ambas as dúas zonas da Reserva da Biosfera son compatíbeis coas obras proxectadas. Polo que atinxe aos hábitats naturais, as obras afectan directa ou indirectamente aos seguintes hábitats: 3110; 3150; 3260; *4020: 4030; 4090; *7110; 7140; 8230; 91E0; 9230 e 9260. Suporán a eliminación física de máis de 153 hectáreas de hábitats naturais cun alto grao de naturalidade e bo estado de conservación, principalnente debido ás 7 zonas de depósito proxectadas para os 1.175.000 m3 de entullos. Desta superficie e “eliminar”, 20,30 Ha corresponden a hábitats frondosas, fundamentalmente 9230 Carballeiras galaico-portuguesas e *91E0, Bosques aluviais con Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior. Este último hábitat está considerado como de conservación prioritaria pola Directiva 92/43 CEE e a lexislación estatal e galega que a traspón. Cómpre sinalar que a Comisión Europea considerou insuficiente a designación de espazos que fixo o estado español a respeito do hábitat *91E0 na rexión bioxeográfica mediterránea. O proxecto encádrase precisamente nunha zona de transición entre esta rexión e a atlántica. Outros hábitats eliminados físicamente polas obras son as 84,87 Ha de breixeiras, fundamentalmente 4030 (breixeiras secas europeas), cun índice de naturalidade elevado e unha cobertura alta; e as 35 Ha de rochedos silíceos e pasteiros (hábitat 8230, incluindo manchas de *3170 –estanques temporais mediterráneos-), charcas e prados obxecto por certo dun aproveitamento compatíbel (pastoreo extensivo) dentro da Reserva da Biosfera. A isto habería que engadir as radicais modificacións paisaxísticas que implicaría a criazón dos 7 parques de depósito para os entullos e áridos provintes das excavacións (superficie total 1,8 millóns de m2) espallados por 3 concellos (Muíños, Calvos de Randín e Lobeira) e dentro da Reserva da Biosfera. Para ADEGA non é aceptábel portanto nin a valoración do impacto sobre estes hábitats que efactúa GN-Fenosa (impacto moderado) nin as peregrinas xustificacións que, por exemplo fai ao respeito da eliminación de case 85 hectáreas de breixeiras (4030) suprimidas polas obras: ter unha “ampla distribución e querencia polo territorio galego”. 3. Encol das afeccións ás especies protexidas O proxecto afecta potencialmente a 23 especies incluidas no catálogo Español de Especies Ameazadas e/ou no Catálogo Galego, 8 delas consideradas “vulnerábeis” e 5 “en perigo de extinción”. Alén das afeccións ás especies ameazadas, cómpre subliñar os graves impactos que ao noso entender poden sufrir as especies catalogadas como “en perigo de extinción” e cuxa distribución (área de presenza, cría ou campeo) coincide coa área das obras, a saber: Armeria humilis subsp. odorata; Eryngium duriaiei subsp. juresianum (endemismos do noroeste peninsular); Milvus milvuos e Aquila chrisaetos. Polo que respeita aos taxóns botánicos, non pode descartarse alegremente como di a empresa no inventario ambiental do proxecto a presenza destas especies por non telas atopado durante as prospeccións de campo. A fenoloxía destas especies ou o rango temporal/espacial da prospección pode determinar que durante o traballo de campo non foran visíbeis ou non poideran ser correctamente identificadas. Porén, a súa reducida distribución xeográfica, coincidente coa área do proxecto, debería xustificar as máximas cautelas (principio de Precaución) por cando a destrución accidental dunha pequena poboación podería ocasionar danos irreversíbeis á especie a nível mundial. No referido ás especies animais (aves) en perigo de extinción afectadas polas obras, a bibliografía amosa que na área cercana ás obras hai presenza confirmada de milano real (Milvus milvus), probablemente en campeo e aguia real (Aquila crhysaetos), con núcleos reprodutores próximos, dun total de 6-10 parellas en todo o país. Precisamente, a respeito da aguia real, está en marcha dende 2001 un proxecto de reintrodución no Xurés que, como amosa a documentación do Plano de Recuperación desta especie citada no EIA, acolle dentro do territorio de campeo parte da ubicación das obras (canalisacións), do trazado da liña eléctrica de evacuación e dos lugares de depósito dos áridos de escavación. Neste senso, e apelando tanto ao principio de Precaución como á diversa lexislación ambiental que consagra a estritra protección desta especie, consideramos que tanto durante a fase de obras (voaduras, movemento de terras e maquinaria) como durante a fase de explotación (colisión co tendido eléctrico de evacuación) os impactos sobre esta especie deberían considerarse como “críticos”. Outras especies presentes na área das obras e potencialmente afectadas por elas, particularmente polas liñas de evacuación, serían a aguia cobreira (Circaetus gallicus, vulnerábel no CGEA) e a tartaraña cincenta (Circus pigargus, vulnerábel no CGEA e no CEEA). 4. Encol das afeccións á calidade das augas e ao potencial ecolóxico dos encoros Durante a fase de construción da obra, estimada en 74 meses (máis de 6 anos), as variacións dos níveis tanto do encoro de Salas como do das Cunchas provocarán graves impactos aos hábitats e especies fluviais. Así, está previsto que o descenso de nível no encoro de Salas deixe durante 175 días (case 6 meses) a lámina de auga moi por baixo do nível medio do encoro, e destes, 150 días por baixo do caudal mínimo. Polo que atinxe ao encoro das Cunchas, o nível reducirase en 2 periodos de 50 e 151 días (en total case 7 meses) chegando a acadar un caudal preto do mínimo histórico absoluto. Estas radicais variacións no nível dos encoros durante un periodo de tempo tan prolongado, unidas ás oscilacións propias da fase de de operación, farán que os impactos sobre os hábitats fluviais e as especies asociadas a estes deberan ser consideradas críticas, máxime tratándose dun territorio declarado Reserva da Biosfera e en parte (encoro de Salas) incluido dentro da proposta de ampliación do LIC-ZEPA-ZEPVN-PN da Baixa Limia-Serra do Xurés. Posteriormente, durante a fase de operación da central reversíbel, as augas dos encoros das Cunchas e Salas misturaranse. Habida conta do mal estado ecolóxico do encoro das Cunchas, fortemente eutrofizado debido ás verteduras da actividade agrogandeira, e aos continuos episodios de floración de cianobacterias tóxicas, resulta moi posíbel que se traslade a contaminación por cianobacterias ao encoro de salas. Este encoro, malia a ter un estado ecolñoxico sensibelmente mellor que o das Cunchas, amosa xa episodios periódicos de eutrofización con periodos de floración explosiva de algas (entre as que xa se detectaron dende 2001 cianobacterias). A inxección neste encoro de millóns de metros cúbicos de augas eutrofizadas (con níveis moi altos de nitratos-nitritos) cunha alta carga de cianobacterias procedentes do encoro das Cunchas, vai sen ningunha dúbida a empeorar o seu estado ecolóxico, reducindo o seu potencial. Polo que atinxe ao encoro das Cunchas, poñemos en dúbida as conclusións do estudo hidrolóxico aportado pola empresa no senso de predecir, através de simulación, unha relativa millora do seu potencial ecolóxico (aínda que seguiría fortemente eutrofizado) debido aos aportes de augas procedentes do encoro de Salas, aumentando o osíxeno disolto. Tendo en conta a elevada indeterminación nos cálculos de determinados parámetros (P total, disco de Secchi e resposta algal) que reflicten os modelos empregados, que non consideran os aportes de caudais “naturais” aos encoros (no caso do das Cunchas, augas con alta carga eutrofizante debida á actividade agrogandeira intensiva), o efecto de millora do potencial ecolóxico sería case despreciábel: augas máis osixenadas e altos níveis de nutrintes darían lugar a novos episodios de floración explosiva de algas, especialmente durante o periodo de estratificación. En conclusión, coa posta en marcha do proxecto non só non milloraría o preocupante estado ecolóxico no encoro das Cunchas (acaso transitoriamente e durante os periodos de “enchido”), senón que empeoraría substancialmente o estado do de Salas impedindo a consecución do “Bon Potencial Ecolóxico” que establece a Directiva Marco da Auga para 2015. Por todo o anteriormente exposto, dende ADEGA SOLICITAMOS que se teñan en conta as presentes alegacións e que por parte desta administración non se autorice o proxecto de “CENTRAL REVERSIBLE SALAS-CONCHAS”, denegando tamén solicitude de modificación das concesións dos aproveitamentos dos ríos Salas e Limia (salto de Salas e das Cunchas) feita pola peticionaria. |