"Charcas con Vida", novo proxecto de ADEGA que une custodia, EA e voluntariado |
22 de xaneiro de 2013. Este día presentouse o proxecto "Charcas con Vida" no concello de Pontrevedra. Custodia do territorio, educación ambiental e voluntariado ambiental únense neste proxecto para dar a coñecer os pequenos humidais de Galiza, contribuíndo á conservación do patrimonio e da natureza. A iniciativa ten como obxectivo divulgar a importancia das charcas como espazos de alto valor patrimonial, tanto cultural como natural, e fomentar comportamentos e prácticas que axuden ao seu coñecemento e conservación. O vindeiro 2 de febreiro (Día Mundial dos Humidais) ADEGA celebrará unhas xornadas no Pazo da Cultura de Pontevedra sobre a importancia da conservación das charcas. Baixa o PROGRAMA(0,7 MB). O pasado mes de decembro a Fundación Biodiversidade (Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño) publicou a resolución final da convocatoria de axudas para a realización de actividades no ámbito da biodiversidade, o cambio climático e o desenvolvemento sostible. ADEGA foi unha das 4 entidades galegas (xunta co CEIDA, CEMMA e Lonxanet) seleccionadas, co seu proxecto Charcas con Vida. Para o desenvolvemento do proxecto ADEGA asinará proximamente un convenio de colaboración co CIBIO (Centro de Investigaçao em Biodiversidade e Recursos Genéticos) entidade que desenvolve un programa semellante (Charcos com vida) en Portugal e coa cal se traballará en rede para conseguir obxectivos comúns e intercambio de contidos. No encontro que se celebrará en Pontevedra participarán diferentes representantes de entidades relacionadas coa conservación e investigación destes espazos naturais procendentes de Menorca, Portugal e Galiza. Finalmente presentarase a inicitiva Charcas con vida. Será un evento financiado polo concello de Pontevedra. |