Plantacións de piñeiro destrúen turbeiras co máximo nível de protección en plena Rede Natura do Xistral |
5 de novembro de 2012. Nos montes de A Balsa, concello de Muras (Lugo) en plena Serra do Xistral, unha recente plantación de piñeiros vén de afectar a máis de 10 hectáreas de hábitats protexidos. Trátase de hábitats de interese prioritario (turbeiras e matogueiras húmidas) e varios de interese comunitario en pleno LIC do Xistral, que deberían de gozar do máximo nivel de protección, e que agora fican derramados e substituidos por monocultivos de piñeiro. Lamentabelmente non se trata dun caso illado, xa que no Xistral prosperan numerosas plantacións de piñeiro e eucalipto inexplicabelmente autorizadas pola Xunta, que engaden o seu impacto aos máis de 100 km de pistas dos parques eólicos presentes nesta serra. Curiosamente o Plano Director da Rede Natura presentado pola Xunta esixe unha avaliación de impacto cando se prevea unha "afección significativa" á Rede Natura: E destruir os nosos hábitats máis valiosos non é suficientementre "significativo" para Hernández e Borregón? Entre os hábitats afectados atópanse o de interese prioritario 7110* (turbeiras altas activas), o hábitat de interese comunitario 7140 (turbeiras de transición) e o hábitat comunitario 7150 (depresións sobre substratos turbosos con vexetación pioneira colonizadora), todos formando parte dun conxunto de moi elevado valor ecolóxico dado o seu grado de naturalidade e escasa alteración. Estimamos que a parte afectada directamente pola plantación é dunhas 1,5 ha discontinuas destruídas total ou parcialmente, cun impacto de severo a crítico con respecto á integridade da estrutura do conxunto pola posíbel afectación á dinámica hídrica dos vasos ou turbeiras que conforman a parte máis baixa desta unidade.
Tamén resultaron afectados outros dous hábitats de matogueira, o de interese prioritario 4020* (matogueiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix) e o de interese comunitario 4030 (matogueiras secas europeas). Consideramos que os danos supoñen a afectación severa, con destrución e levantamento de toda a cobertura vexetal de matogueira, polo desbrozado mecanizado acompañado do roturado das liñas de plantación, e que afectan entorno a 11 ha en continuo. Tamén resultou afectado o hábitat forestal de interese comunitario 9230 (carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica) no seu borde exterior e de expansión, en case 0,5 ha lineais.
Nos últimos anos estas e outras prácticas agresivas xeralizáronse dentro deste espazo, pero tamén noutros lugares de interese comunitario (Costa da Morte, Careón, Courel, Ancares, Candán, Cando, Macizo Central...) e nunha lista máis longa. Resulta paradoxal que algunhas destas plantacións estean mesmo financiadas con fondos europeos, polo que finalmente a Xunta fai un gasto dobre e contraposto ao obxectivo destes fondos, pois por un lado detrae de axudas que deberan ir destinadas á conservación da Rede Natura 2000, e por outro destina os cartos á iniciativas que destrúen os valores naturais desta Rede. Cómpre lembrar que estas prácticas espúreas, caso das axudas a repoboacións na Costa da Morte sobre os cantís con matogueira atlántica entre Cuño e Viseo, no concello de Muxía, están sendo investigadas xudicialmente por fraude.
Lembrar tamén que o pomposo e inútil Plano Director da Rede Natura 2000 presentado pola Xunta establece que as novas plantacións sobre humidais e matogueiras están suxeitas a autorización, e deben ser sometidas a Avaliación de Impacto Ambiental cando poidan xerar unha "afección significativa" sobre os hábitats protexidos. Está claro que neste caso, e ao igual que cos desbroces con maquinaria pesada sobre humidais e dunas fixas, a Dirección Xeral de Conservación non considera "afección significativa" a destrución dos hábitats con maior grao de protección na lexislación europea e estatal. Non nos estrana, pois a Xunta chegou a regulamentar administrativamente estas prácticas agresivas mediante instrucións técnicas ocultas e manifestamente ilegais, que permiten a progresiva e silandeira "demolición controlada" do noso patrimonio natural máis valioso.
ADEGA solicita da Dirección Xeral da Conservación da Natureza que paralice de inmediato os traballos de forestación no Xistral, e que informe sobre se estas actuacións contan coas autorizacións preceitivas, cais son os fundamentos normativos e administrativos nos que se basean, quenes foron os responsábeis técnicos e os seus superiores xerárquicos, e se as prácticas denunciadas contan con axudas da administración procedentes de fondos europeos. Dende ADEGA formularemos denuncia perante a Comisión Europea para que investigue estes feitos e a implicación da Xunta neste flagrante incumprimento da Directiva 92/43CEE de Hábitats. |