Ferrol, febreiro de 2012. Membros do Parlamento Europeo xiraron visita á ría de Ferrol e á planta de gas de Mugardos para comprobar in situ a contaminación da ría e os proxectos agresivos que nela se desenvolven. Tralas denuncias presentadas por diversos colectivos como varias confrarías e o Comité Cidadán de Emerxencia (do que fai parte ADEGA), os membros do Parlamento Europeo visitaron as rías galegas, e en concreto poideron comprobar na ría de Ferrol a grave contaminación, a ausenza de depuración e o alto nível de lodos, así como as irregularidades e perigos da planta de gas de Mugardos. En poucos meses terán elaborado un informe ao respeito pero a impresión que levaron da situación foi que as denuncias presentadas tiñan suficiente fundamento. |
ADEGA-Lugo fará este domingo día 17, o seu roteiro polas terras do Inicio. Esta andaina, que se enmarca no programa de roteiros 2012-2013 adicado á Galiza Máxica, realizarase pola chamada Ruta das Fontiñas, na que podemos observar castros con gravuras de peixes e cabalos. Logo, de camiño ao Incio, veremos auténticos monumentos naturais, como o Carballo de Piteiro. Nesta ocasión contaremos con dúas guías de excepción, Tereixa e Marica Campo. Lembrade que para participar deberedes chamar previamente a ADEGA-Lugo (982240299).
|
Ler máis...
|
12 de febreiro de 2013. Coincidindo coa visita dunha delegación do Parlamento Europeo á Galiza para examinar in situ as denuncias por contaminación das rías, ADEGA quere lanzar unha mensaxe de alarma pero tamén de responsabilidade á sociedade galega sobre o estado das nosas rías. De alarma porque estes privilexiados ecosistemas mariños están seriamente amezados pola irresponsabilidade e a cobiza de quenes só ven neles unha fonte ilimitada de recursos para explotar ou unha cañeira na que deitar todo tipo de refugallos, sen reparar nas consecuencias. Sobrepesca, verteduras urbanas e industriais, mareas negras, acidificación polo exceso de emisións de CO2... Na Galiza, cun dos mares máis fecundos do planeta, seguimos ao cabo en protección das nosas rías, polo que dende ADEGA esiximos a elaboración urxente dun Plano Estratéxico contra a contaminación mariña e a declaración das rías galegas como Reservas da Biosfera.
|
Ler máis...
|
Lugo, 6 de febreiro de 2013. ADEGA e Asociación Dignidade de Lugo, cuxos obxectivos educativos se dirixen á mocidade en riso de pobreza e/ou exclusión social, veñen de asinar un convenio de colaboración para desenvolver durante este mes de febreiro unha xeira de actividades de sensibilización na natureza. Unha delas terá lugar no equipamento ambiental de ADEGA, a Eira da Xoana, situado na parroquia de Ramil (Agolada).Trátase do primeiro acordo de coperación entre as dúas entidades co propósito de achegar os valores do coidado natural aos rapaces e rapazas desfavorecidas, así como crear novas redes de colaboración entre o tecido asociativo galego. Esta nova sinerxia contribúe a fomentar a solidariedade e coperación na sociedade civil.
|
Ler máis...
|
|
14 de febreiro de 2013. Hernández vén de publicitar os 680 postos de traballo que supostamente criará o repotenciamento de tres centrais hidroeléctricas no Xallas. Á marxe da particular aritmética que usan certos políticos para contabilizar empregados (e desempregados), dende ADEGA preguntámonos a que vén agora facer públicas unhas resolucións publicadas hai case 1 ano, en abril de 2012, e polas que a Xunta autorizaba a Villar Mir instalar 3 novas turbinas no río, aumentando nun 200% o caudal chuchado ao Xallas. Estes proxectos, tramitados dende a era Fraga (2002) caducaron en 2009, e a Xunta xa con Feijóo, en troques de declarar a súa caducidade, amplioulles o prazo para executar as obras. Resulta curioso que o tardío anuncio de Hernández coincida coas revelación dos "papeis" do ex-tesoureiro do PP Luis Bárcenas nos que se recollen pagos das empresas de Villar-Mir ao PP por valor de 530.000€. Sr. Hernández, excusatio non petita...
|
Ler máis...
|
ADEGA convoca unha actividade de voluntariado ambiental en colaboración coa Asociación para a Defensa do Val do Liñares, que se celebrará o sábado 16 de febreiro, dentro do proxecto de creación dunha rede de Custodia Fluvial nas Bacías do Ulla Umia e Lérez. A actividade se desenvolverá no concello da Estrada na parroquia de Lagartóns. A introdución de especies exóticas invasoras é, despois da destrución de hábitats, a ameaza máis importante na perda de biodiversidade e unha das principais causas de extinción de especies autóctonas.
|
Ler máis...
|
8 de febreiro de 2013. O Tribunal do Contencioso-Administrativo nº1 de Lugo vén de desestimar unha demanda da empresa mineira Erimsa (Explotación de Rocas Industriales y Minerales) contra o concello da Pastoriza pola que reclamaba que se considerase adquirida por silencio administrativo positivo a licenza urbanística e de actividade para posta en marcha da explotación mineira Alicia nº 5917 neste concello. O tribunal considera que non é posible a adquisición de licenza por silencio administrativo porque o impide a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUG) ao tratarse de solo cualificado como rústico de especial protección agropecuaria. Segundo a LOUG neste tipo de solos non está permitida a actividade mineira, motivo polo que o tribunal desestima o recurso de Erimsa.
|
Ler máis...
|
6 de febreiro de 2013. Con motivo do “Día Mundial dos Humidais” celebrado esta pasado 2 de febreiro, a Xunta declarou 9 lagoas como “zonas sensibles” dentro do Plano Hidrolóxico Galiza-Costa, incidindo en que estes humidais, entre os que se atopa A Frouxeira, están segundo a Xunta "entre os ambientes máis ameazados pola drenaxe, a contaminación e a sobreexplotación dos seus recursos". Porén, resulta bochornoso que en pleno inverno, o humidal da Frouxeira estea case sen auga, presentando unha marcada alteración do seu ciclo hidrolóxico, e que tal estado débase precisamente a que a D. X. de Conservación da Natureza abríu recentemente unha canle de desaugue con bulldózers e pás. Estas aperturas perpetradas á marxe da lei e reiteradamente denunciadas por ADEGA levaron á práctica desecación da lagoa en plena tempada de chuvias. Hai que ter cara para engadir outra figura de protección á Frouxeira cando a propia Xunta viola sistemáticamente as 4 xa existentes (LIC, ZEPA, ZEPVN, e Ramsar).
|
Ler máis...
|
|