Adega
INICIO Novas A Xunta autorizou dragar a ría de Ferrol agochando os seus propios informes ambientais en contra

ADEGA - Ferrolterra

VIDEOS ADEGA-Ferrolterra

EUME: carbonato por un tubo!

JavaScript is disabled!
To display this content, you need a JavaScript capable browser.

A Xunta autorizou dragar a ría de Ferrol agochando os seus propios informes ambientais en contra PDF Imprimir Correo-e
Envia A Xunta autorizou dragar a ría de Ferrol agochando os seus propios informes ambientais en contra a FaceBookEnvia A Xunta autorizou dragar a ría de Ferrol agochando os seus propios informes ambientais en contra a Twitter
dragadoferrol27 de xuño de 2012. Logo de ter denunciado diante da Fiscalía e da Comisión Europea as irregularidades cometidas pola Xunta e o Ministerio no dragado da ría de Ferrol, o Valedor do Pobo vén de achegar a ADEGA unha información chave que demostra até onde chega a chafallada administrativa neste asunto. O Valedor destapa un pdfinforme técnico do Servizo de Conservación da Natureza (2,87 MB) reiteradamente ocultado pola Xunta, que considera o dragado "ambientalmente incompatible coa conservación dos hábitats e especies presentes", nunha área (LIC Costa Ártabra) parte da Rede Natura 2000. Primeiro, Xunta e Portos aproban un proxecto sen os informes preceitivos. Logo de comezadas as obras a Xunta cociña unha autorización ambiental para "salvar a cara" baseada nun suposto informe técnico, documento que non figura no expediente. E finalmente, coas obras xa rematadas aparece o devandito informe que, curiosamente, recomendaba a non execución da obra polos seus impactos sobre hábitats e especies en perigo de extinción.

Crónica das irregularidades do proxecto “Mellora dos calados da canle de entrada ao interior da Ria de Ferrol-A Coruña no LIC Costa Ártabra ES-1110002”

ANTECEDENTES

1. En relación co proxecto de “Mellora dos calados da canle de entrada ao interior da Ria de Ferrol- A Coruña no LIC Costa Ártabra ES-1110002” promovido pola Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, ADEGA xa indicara a existencia de irregularidades no procedemento de avaliación e de autorización do proxecto e na dificultade de acceder á documentación ambiental na Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DXCN), feito que provocou unha solicitude de amparo perante o Valedor do Pobo. As irregularidades que percibía ADEGA baseábanse en que a DIA -Declaración de Impacto Ambiental- (Resolución de 13 de decembro de 2010, da Secretaría de Estado de Cambio Climático, pola que se formula declaración de impacto ambiental do proxecto Mellora dos calados na canle de entrada ao interior da ría de Ferrol, A Coruña), publicada no BOE do 3 de xaneiro de 2011 polo órgano ambiental (Ministerio de Medio Ambiente) minimiza ou oculta os efectos negativos de determinados impactos, e sobre todo os efectos sobre determinadas especies protexidas. A avaliación efectuada e finalmente recollida na resolución do Ministerio, carece do informe perceptivo que debería emitir o órgano responsable da xestión da Rede Natura 2000 en Galiza, isto é, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

A necesidade deste informe perceptivo queda recollida no artigo 4.3 do RDL 1/2008 de Avaliación de Impacto Ambiental que recolle "Cando corresponda á Administración Xeral do Estado formular a declaración de impacto ambiental regulada nesta Lei, será consultado preceptivamente o órgano ambiental da comunidade autónoma onde se ubique territorialmente o proxecto". Este punto cúmprese en parte, na DIA páx. 554, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente "INFORMA POSITIVAMENTE o proxecto e recorda a necesidade de solicitar informe á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia ademais da necesaria autorización da Consellería de Medio Rural por ser un espazo ZEPVN". De xeito que a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente emite un informe incompleto a sabendas que falta o da D.X. de Conservación da Natureza.

É dicir, a propia DIA do proxecto aprobada polo Ministerio recolle que a D.X. de Conservación da Natureza, que é a responsábel na xestión dos espazos naturais protexidos da CCAA, NON INTERVEU NO PROCEDEMENTO DE AVALIACIÓN AMBIENTAL dunha obra que se ía desenvolver nun espazo natural protexido da Rede Natura.

2. Ante esta situación ADEGA intentou acceder ao expediente, sendo a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao a que nos remitiu copia dunha Resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza do 5/10/2011 (curiosamente de data de saída da Xunta do 10 de outubro de 2011 e de entrada na Autoridade Portuaria do 7 de outubro!?), duns días antes de comezar a obra. Na devandita resolución trancríbese un informe favorábel do Xefe do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña onde fai referencia, por 3 veces, a un "Informe do biólogo deste Servizo Provincial do 23 de xullo de 2010", informe que solicitamos á Autoridade Portuaria e que nos dixo non ter.

Solicitado o citado informe do 23/07/2010 á DX Conservación da Natureza non obtivemos contestación. Polo que pedímolo através da Fiscalía de M. A. do TSXG e do Valedor do Pobo. Finalmente, o Valedor do Pobo remitiunos copia este informe.

CONCLUSIÓNS

Á vista do informe do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña do 23/07/2010 e de toda a documentación xerada neste proxecto, pódese concluír:

1. O procedemento de EIA foi totalmente irregular. A DIA emítese polo Ministerio de Medio Ambiente (BOE 03/02/2011) sen o correspondente informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza, organismo competente na xestión dos espazos naturais protexidos na CCAA.

Como acabamos de comprobar, a non inclusión do informe na DIA non supón que o devandito informe non existira. Todo o contrario: Este informe é o que finalmente obtivemos através do Valedor do Pobo. Trátase do informe do 23/07/2010, asinado polo Xefe de Servizo de Conservacion da Natureza da Coruña, Don Carlos Muñoz Martínez, a partir da valoración efectuada polo biológo deste Servizo, Don Marco Sotelo Acuña, sobre os valores do medio e a presenza de hábitats e especies protexidas de flora e fauna.

A non inclusión deste informe no procedemento de avaliación ambiental viría motivada polas súas conclusións, nas que se indican que as actuacións proxectadas pola Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao resultan: "ambientalmente incompatible coa conservación dos hábitats e ás especies presentes na zona de estudio, tanto dentro como fora da Rede Natura 2000".

2. Na DIA (BOE 03/02/2011) indícase que para a execución das actuacións o promotor deberá contar coa autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, así como coa elaboración e aprobación dun calendario de actuacións. En relación con este segundo procedemento, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite unha Resolución con data do 5/10/2011, autorizando as actuacións e o seu calendario. Nesta Resolución de autorización do 5/10/2011 transcríbese un segundo informe favorábel do Xefe de Servizo de Conservación da Coruña, Don Carlos Muñoz Martínez, elaborado o 14/09/2011. Este segundo informe do Servizo Provincial, favorábel, baséase exclusiva e sorprendentemente nas determinacións e conclusións incluídas no primeiro informe deste mesmo Servizo Provincial do 23/07/2010 que consideraba as actuacións como "ambientalmente incompatíbeis". Asombrosamente o informe do 14/09/2011 recolle que se "informan favorábelmente" estas mesmas actuacións, o que leva consigo unha "resolución favorábel" por parte da DXCN.

Á espera do que ditamine o Fiscal de Medio Ambiente do TSXG, logo de que dende ADEGA lle fagamos chegar a información subministrada polo Valedor do Pobo, pensamos que estes feitos poderían ser constitutivos dun delicto de prevaricación, con consecuencias negativas sobre a conservación dun espazo natural protexido, dos seus hábitats e das súas especies. Este procedemento irregular vulneraría as determinacións formuladas na normativas de avaliación de impacto ambiental, na Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Directiva 92/43 CEE (de Hábitats). Dúas administracións que consciente e intencionadamente deturpan un procedemento e toleran unha vulneración das leis ambientais terían que render contas perante a xustiza. Os responsábeis dos organismos implicados nesta chafallada deberían ser inmediatamente cesados: Como se pode esixir á cidadanía o acatamento das leis se eles son os primeiros en incumprilas?

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA