A Xunta demora a ampliación da Rede Natura mentres permite a eliminación de hábitats prioritarios nas novas áreas |
29 de xaneiro de 2013. Alén de tentar converter a escasa Rede Natura galega (a máis cativa do estado en porcentaxe) nun polígono industrial mediante un Plano Director que da barra libre a eucaliptos, caza, eólicos, encoros e canteiras, a prevista ampliación de Feijóo e Hernández, pendente dende 2011, demórase sine die. Casualidade? Semella que non. Nestes dous anos, e nos espazos a incluir na prevista ampliación, autorizáronse todo tipo de actividades agresivas que mesmo chegaron a eliminar fisicamente hábitats coa máxima protección europea: Plantacións de piñeiros sobre turbeiras; de eucaliptos sobre flora endémica; rozas con maquinaria pesada sobre dunas; canteiras e minas sobre humidais; dragados; grandes encoros... A estes exemplos de desleixo e feitos consumados engádese agora un novo caso: A tala dun bosque húmido atlántico no concello das Pontes, xusto nunha área proposta para ampliar a Rede Natura (LIC Río Sor). Alén da tala desta fraga no concello das Pontes, ADEGA puido constatar tamén outras recentes agresións ao bosque atlántico húmido da comarca, como a tala da Fraga de Ambosores (concello de Ourol), substituida por repoboacións con pirófitas e pasteiros, ou xa fóra da comarca, a degradación acelerada da Devesa do Anllares (Mazaricos) debido a talas, apertura de pistas e á construción de 3 minicentrais aprobadas definitivamente por Feijóo en 2012. Dáse a circunstancia de que a Comisión Europea, instou en varias ocasións ao estado español a aumentar a extensión de diversos hábitats insuficientemente representados na actual Rede Natura 2000, e en consecuencia, propoñer novas áreas protexidas. Moitas destas "insuficiencias" corresponden á Rede Natura Galega e, particularmente, aos hábitats de turbeiras (código N2000 *7110), aos queirogais húmidos (cód. *4020) e a bosques caducifolios, os dous primeiros considerados de protección prioritaria. Precisamente a presenza destes tres hábitats é a razón pola que se propuxo a criazón dun novo LIC (Río Sor, 7933 Ha) nos concellos de As Pontes, Ortigueira, Mañón, Ourol e Muras. Mais esta proposta de ampliación da Rede Natura, elaborada durante o bipartito (2008) e incorporada, anque mutilada, polo PP en 2011, nunca chegou a facerse efectiva. Namentras, o desleixo institucional fomentou unha carreira desenfreada por saquear e arramplar cos valores naturais de moitas áreas denantes de que Europa obrigue á Xunta a protexelas definitivamente. En moitos casos, esta protección chegará xa tarde. Por este motivo ADEGA esixe á Xunta a blindaxe de todos os espazos incluidos na proposta de ampliación da RN 2000 que está a tramitar, impedindo determinadas manobras especulativas e actuacións agresivas, como o caso destas talas en espazos con hábitats prioritarios, especies protexidas ou biodiversidade endémica gravemente ameazada. O contrario, significaría continuar a ser cómplices da desfeita. |