A Rede Natura, o novo polígono industrial de Feijóo |
7 de agosto de 2012. O documento definitivo do Plano Director da Rede Natura 2000 confirma as intencións da Xunta de "recurtar" tamén o patrimonio natural galego. Un documento que chega con 7 anos de retraso e que pretende, tralo verniz dunha falsa protección ambiental, "abrir o melón" da especulación nas 390.000 hectáreas da RN2000, a máis cativa en porcentaxe do estado. A Xunta abusa da discrecionalidade e das excepcións para permitir, por exemplo, construir piscifatorías, incineradoras, autoestradas, concentracións parcelarias e aumentar a edificabilidade nun 50% nas zonas de protección (26,4% do total). Para o resto da RN, practicamente hai barra libre: Plantacións de eucaliptos, queimas de montes, caza, rallys, introdución de especies exóticas ou transxénicas poden ser declaradas pola Xunta "compatíbeis" cos obxectivos de conservación destes espazos. Nen sequera os parques eólicos e encoros están excluidos: permítese unha ampliación de facto vía "modernización" e mesmo a minaría a ceo aberto, en teoría prohibida, pode seguir abrindo buracos en Rede Natura xa que fican excluídas da prohibición non só ás explotacións xa outorgadas senón tamén ás solicitadas. Na foto, un "depósito temporal" de vidro en pleno LIC Río Támega: un hábitat protexido reconvertido en polígono industrial. Facer do que debería ser unha excepción, regra; considerar como permitido o que debera ser autorizábel e como autorizábel o que debera estar prohibido, coa fin de baleirar de contido as proteccións ambientais, "pontear" a Directiva de Hábitats e arrogarse a potestade de autorizar discrecionalmente calquera cousa, é o espírito deste Plano de Deconstrución da Rede Natura. Con respeito ao documento de inicio apresentado en 2011, a redacción definitiva non amosa praticamente diferenzas, malia a térense apresentado ducias de alegacións ás que por certo, a Xunta deixou sen resposta. En canto aos contidos, e comezando pola zonificación, resulta paradoxal que logo de describir os distindos tipos de zonas recollidas nos instrumentos de xestión dos Parques Nacionais e Naturais (usualmente 4 ou 5), a Xunta as recurte a 3 no Plano Director (protección, conservación e uso xeral), prescindindo da zona de reserva para os territorios cos máximos valores ou necesidades de conservación en función da presenza de hábitats e especies raras, fráxiles, de grande singularidade ou moi ameazadas. Curiosamente, a mesma equipa técnica redactora (pero con outra dirección política) si contemplaba en 2008 unha zonificación en 4 áreas, cunha área de reserva e unha maior representación da zona de protección (xusto o duplo, 53,5% fronte a 26,4%). A seguir, a Xunta fusiona a zona de "uso restrinxido" coa de "uso moderado" (na proposta de 2008) e denomínaa "área de conservación". O resultado: rebaixa das cautelas ambientais nada menos que no 67,6% do territorio da Rede Natura Galega para permitir ou autorizar a discreción actividades non tradicionais, maila á presenza de hábitats prioritarios. No tocante ás medidas de xestión, a primeira na fronte: a Xunta considera usos autorizábeis en toda a Rede Natura "Todas aquelas actividades directamente relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública ou con outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde, ou ben que poidan ser obxectivamente consideradas como accións positivas de primordial importancia para o medio ambiente, sempre que cumpran co disposto no artigo 6 da DC 92/43/CEE." Isto significa que o que a Directiva de Hábitats e a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade considera unha excepción, a Xunta convírteo en regra, antepoñendo intereses económicos e políticos á obriga de conservar o patrimonio natural. Feijóo e Hernández xa usaron esta mesma trécola cando declararon por decreto a acuicultura de "interese público de primeira orde", coa intención de permitir a Pescanova facerse con Touriñán. Ábrese a porta para que de xeito discrecional e ao abeiro do que decida o Conselleiro de turno, actividades manifestamente agresivas e opostas aos obxectivos de conservación (piscifatorías, incineradoras, autoestradas, concentracións parcelarias, urbanizacións, plantacións de eucaliptos, queimas de montes, caza, rallys, introdución de especies exóticas ou transxénicas...) poidan ser declaradas "compatíbeis" e autorizadas pola Xunta, mesmo nas zonas de maior valor. Con este Plano Director, a Xunta pretende introducir a discrecionalidade, a arbitrariedade, o clientelismo e a especulación na xestión do noso patrimonio natural máis valioso e transformar a Rede Natura nun polígono industrial para beneficio dos especuladores amigos do poder, en perxuízo da poboación local e do uso sustentábel destes espazos. |