Lugo, 8 de novembro de 2010. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Xunta aínda non tomaron medidas para frear a expansión dunha especie invasora, o cangrexo vermello americano, na Lagoa de Riocaldo (Begonte), apesar de recibir xa hai dous meses a denuncia de ADEGA e o apoio a esta denuncia do INLUDES (Instituto Lucense de Desenvolvemento) . A proliferación desta especie, que afecta a un Lugar de Interese Comunitario, zona de Rede Natura e Reserva da Biosfera, agravouse desde que a empresa ERIMSA abriu unha canle de evacuación de auga fóra da lagoa para a extracción de áridos.
Hai preto de dous meses ADEGA denunciaba diante da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e do SEPRONA a situación deplorable da Lagoa de Riocaldo (Begonte) provocada pola intervención da empresa ERIMSA para a extracción de áridos. Alén da alteración hídrica que está a xerar no humidal, a empresa mineira abriu unha canle de evacuación das augas da lagoa para controlar os excesos de nivel no humidal e así facilitar a súa actividade extractiva. Como consecuencia, a través desta canle, estase a acelerar a propagación da praga do caranguexo vermello americano, presente na Lagoa de Riocaldo.
Esta especie é invasora e está recoñecida como a principal causa da desaparición do caranguexo autóctono (Austramopotamobius pallii), catalogado como especie protexida no Catálogo de Especies Ameazadas de Galiza. Así pois, os trasvases de auga da lagoa de Riocaldo promovidos pola empresa Erimsa están a contaminar con esta especie invasora outros medios acuáticos da zona, como o río Ladra, afluente do Miño, favorecendo unha maior e máis acelerada proliferación do crustáceo no conxunto da rede lagoar da Terra Chá e da bacía do Miño. A propagación desta especie invasora adquire maior gravidade, se cabe, tendo en conta que a zona afectada pertence á Reserva da Biosfera Terras do Miño e se atopa dentro dunha ZEVN (Zona de Especiais Valores Naturais) e do LIC (Lugar de Interese Comunitario) Parga-Ladra-Támoga, por tanto zona de Rede Natura.
Por estes motivos, hai dous meses ADEGA solicitou á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que investigase se o trasvase de augas contaba co permiso deste organismo e instábao a que tomase medidas para frear con urxencia a derivación da auga infectada con esta especie invasora cara a outros medio acuáticos. Sen embargo, polo de agora, ADEGA non recibiu contestación algunha da Confederación nin proba de que se teña efectuado ningunha investigación ao respecto.
ADEGA tamén puxo en coñecemento destes feitos ao INLUDES, entidade dependente da Deputación Provincial de Lugo e responsable da custodia e vixianza da Reserva da Biosfera Terras do Miño e, nomeadamente da zona coñecida como Pozo do Ollo, onde realiza labores de conservación, próxima á Lagoa de Riocaldo. En resposta ao noso requirimento, os responsables do INLUDES informaron a ADEGA de que no mes de marzo este organismo xa presentara ante a Confederación, o Seprona e a Xunta de Galicia, outra denuncia similar a de ADEGA pola afección que estaba a supoñer na contorna a intervención de ERIMSA na Lagoa de Riocaldo. Daquela o INLUDES sinalaba afectacións sobre os hábitats e especies protexidos pola Directiva Hábitats e a alteración e diminución do nivel hídrico do Pozo do Ollo. Tampouco a día de hoxe, este organismo ten recibido resposta algunha ante á súa chamada de atención.
Agora ADEGA reitera a súa petición á Confederación e á Xunta (con competencia sobre os espazos e especies protexidas) e solicítalles que tomen en serio tanto as nosas denuncias como as do INLUDES con respecto ao estado da Lagoa de Riocaldo en Begonte e que actúen urxentemente para manter a integridade do lugar e favorecer a súa conservación e protección fronte actuacións agresivas co entorno, tal e como contemplan as leis nesta materia. |