Decreto do carbón: freo e marcha atrás na loita contra o cambio climático |
14 de outubro de 2010. O decreto que subvenciona a queima de carbón estatal é unha fraude á cidadanía e ao ambiente que pagaremos todos/as. A recente convalidadión por parte da Comisión Europea do decreto español 134/2010 de axudas ao carbón, que vai primar a queima de carbón estatal fronte ao importado e os ciclos combinados, é a confirmación do retroceso xeralizado das políticas activas de loita contra o cambio climático. A substitución da electricidade suxa do carbón, independentemente da procedencia deste, debería ser unha prioridade na loita contra o cambio climático. A normativa aprobada polo goberno español e refrendada pola CE non é máis que un subsidio encoberto ás térmicas máis contaminantes que contradí a estratexia “Europa 2020” e non garante o futuro dos traballadores do sector alén do 31 de decembro de 2014.
A fundamentación do goberno estatal para xustificar o trasvase de fondos públicos ás térmicas tampouco se sostén: garantir o subministro para evitar restricións enerxéticas é unha falsidade, xa que a medida só afecta au 9% da produción de electricidade da que o estado español é exportador neto! A realidade é que esta subvención encoberta, que favorece a unhas 10 térmicas de carbón garantindolles prioridade de acceso ao sistema e un prezo estábel e superior ao do mercado, só resposta a intereses políticos para evitar a conflitividade social nun sector chamado á reconversión urxente. A decisión da CE sobre o decreto español do carbón bota tamén por terra a credibilidade e os compromisos ambientais da UE e de España, xa ben pouco críbeis. A contaminación e as emisións de CO2, óxidos de xofre e nitróxeno veranse incrementadas; os investimentos en eficiencia e enerxías renovabeis diminuirán, aumentando o paro nun sector emerxente, e a cidadanía acabará pagando por duplicado este agasallo do estado ás térmicas: primeiro mediante as subvencións directas e logo pola “recuperación” destas através da factura da luz, incluidas as compensacións ás eléctricas "perxudicadas". ADEGA propón que cos cartos públicos entregados ás térmicas polo estado en época de crise e co aforro en mercar máis dereitos de emisión de CO2, deberiase afrontar a reconversión dun sector enerxético, o da minaría e as térmicas de carbón, insustentábel e obsoleto, apostando pola alternatividade, o aforro, a suficiencia e a eficiencia enerxética. |