Adega
INICIO Últimas novas Cancún, panos quentes para paliar o quecemento global?
Cancún, panos quentes para paliar o quecemento global? PDF Imprimir Correo-e
Envia Cancún, panos quentes para paliar o quecemento global? a FaceBookEnvia Cancún, panos quentes para paliar o quecemento global? a Twitter
13 de decembro de 2010. Este sábado en Cancún aprobouse, coa soa oposición de Bolivia, un acordo sobre o clima (non vencellante) que vai ficar so a supervisión da ONU. Bolivia non quixo asinar este acordo porque ve nel unha compoñenda demasiado compracente para algúns estados. Para Bolivia a aceptación da inevitavilidade dunha suba de 2ºC para o Planeta pon en risco a moitos estados que son illas e a moitos outros ribeiráns (coma Holanda ou Bangladesh) porque o mar continuará a subir inexorabelmente polo derretemento das masas de xeo. Segundo recoñece o painel de expertos da ONU para o cambio climático (IPCC) o feito de que a T da Terra aumente 2º C supón unha probabilidade do 50% dun impacto irreversíbel para a vida no Planeta. Os representantes de Bolivia fan esta pregunta: quen enviaría aos fillos nun autobús que tivese un 50% de probabilidades de ter un accidente irreversíbel?. Xulgo que a pose de Bolivia esixindo medidas máis drásticas, con base aos datos fornecidos polos expertos do IPPC é máis que razoábel.
Un artigo de Adela Figueroa, ex-presidenta de ADEGA e vogal de transportes

Coido que o problema está en que, se ben sabemos que o cambio climático é un feito irrefutábel, aínda non cremos que realmente nos vaia afectar. Por ese motivo non estamos aínda en pé de loita para esixirmos aos gobernos que tomen medidas eficaces para minorar este proceso. Ou será porque pensamos que se as medidas as toman outros, aforramos nós o esforzo?

Bolivia, que nos últimos 20 anos xá ten perdido un terzo dos seus nevados, di que para eles a meta é garantir que de aquí a fin de século, ningún dos estados que están no cumio de Cancún desapareza, como  podería ser cos estados insulares. Non me parece de pouca importancia esta demanda.

O acordo de Cancun inclúe un Fondo Verde Climático que vai canalizar as axudas económicas, controlado por 12 países do grupo dos "ricos" e 12 do grupo dos "pobres". Mais Bolivia pon isto en cuestión, pois non se definen cais van ser a fontes de financiamento.

Moitas ONGs teñen saudado este acordo de Cancún, por considerar que ten a virtude do consenso xeral e máis porque define liñas  estratéxicas como actuacións a curto e longo prazo. Entre estas últimas estarían reducir a deforestación, asunto do que se leva falado demasiado e actuado pouco ou nada. Mais este acordo só ten aberto boas perspectivas, mais nada, sen compromisos vencellantes, polos que haberá que agardar a Durban en 2011.

Para controlar o deterioro da atmosfera da Terra compre axir con máis contundencia e enerxía sobre todas as fontes de emisións de gases de efecto invernadoiro, principalmente os transportes e as térmicas. Mais, como se pode unir iso co apoio as centrais térmicas de carbón como acaba de decidir a Unión Europea, e que o Goberno de España presenta como un logro perante os traballadores?.

Co Cambio Climático non valen panos quentes. Xá está a quecer abondo a Terra. Irían mandar eses traballadores aos seus fillos nun avión que só tivese o 50% de aterrar con garantías?. O Goberno da España e a Unión Europea terán que tomar medidas correctas para arranxar a situación  dos traballadores do carbón. Non aquelas que axuden a pór máis en risco o Planeta.

Polo que respeita aos transportes, sería necesaria unha normativa GLOBAL e potente, que obrigase a reducir as súas emisións, como sería a de promocionar os camiños de ferro electrificados e outros transportes públicos. Pola contra, o Goberno galego, nunha medida populista, vai dar máis axudas para a merca de automóbiles. Iso podería desactivar temporalmente un conflito laboral (como as axudas ao carbón) mais colabora a complicar máis a situación do planeta.

Polo que parece Cancún confórmase con ser só o limiar da próxima cimeira do Clima en Durban, Sudáfrica. Xa que logo este incipiente e tépedo acordo é só unha porta que fica aberta.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA