Cimeira de Cancún: o clima non está para vacacións! |
10 de decembro de 2010. A cimeira do clima de Cancún vai camiño de ser outro fracaso como o de Copenhagen en 2009. A posibilidade dun acordo global ambicioso e vencellante que substitúa ao protocolo de Quioto (remata en 2012) alónxase, enfrontándonos a un "abismo climático" letal para o planeta. Á falla de compromiso da UE, que chega a Cancún coas mesmas propostas para 2020 (redución do 20%) que fixo hai dous anos, e á incoerencia que supón a recente prórroga das axudas ao carbón até 2018; úneselles a reticencia de EE.UU. a asumir obrigas e a negativa de China, India e Brasil, todos eles fóra de Quioto, a aceptar acordos serios e vencellantes. A sensación é de que, novamente, un compromiso serio na loita contra o cambio climático terá que agardar até Durban 2011 (tal como aconteceu en Bali 2008 e Copenhagen 2009).
Polo que respeita ao case extinto Protocolo de Quioto, Galiza e España sempre amosaron unha insubmisión descarada, ou millor dito, unha submisión escandalosa ao lobby do CO2. O estado veu sendo sistemáticamente o maior incumpridor de Quioto da UE, aínda que nos últimos tres anos as misións baixaron mais grazas á crise. Tanto España como a UE manteñen a este respeito unha postura cínica e de comenencia: acoden ás cimeiras internacionais como principais valedoras de acordos climáticos serios e vencellantes e acaban pregándose aos intereses dos EE.UU e ás demandas dos países que, fóra de Quioto, non queren escoitar falar compromisos nen de reducións efectivas das emisións. O escandaloso decreto do carbón, que vai perpetuar as axudas públicas ás auténticas fábricas do cambio climático (prorrogadas ademais até 2018!) é outra proba da falla de coerencia e seriedade do estado e da UE. Eis a receita que goberno español, o principal "moroso do clima" europeo, prepara para combater a mudanza climática: máis subvencións ao carbón (45€ por megawatio producido, 720 millóns de € en 2010); e máis axudas ao sector automobilístico (as emisións dos coches aumentaron en España un 75% máis que a media europea). Carbón e coches fronte ao cambio climático: brillante.
Mentres, en Galiza a Xunta mantén no esquecemento o Plano de Acción contra o Cambio Climático do bipartito, xa de por si pouco ambicioso e desenfocado. Iso sí, Feijóo repescou o Plano Director de Estradas de Galiza, doulle un refritido, e lanzouno como o pomposo Plano MOVE (Plano de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica). En esencia, máis do mesmo: máis coches, asfalto e formigón e menos tren, intermodalidade, eficiencia e sustentabilidade. E no tocante á incineración dos residuos, o modelo que aplica SOGAMA e que deita millóns de toneladas de CO2 á atmosfera, a Xunta pensa en hipertrofiar o sistema abrindo máis incineradoras (a cambio de megawatios para os amigos) e aumentando a capacidade do vertedoiro de SOGAMA (máis lixo actual sen tratar enriba do lixo "histórico" sen tratar). Así as cousas, os colectivos ecoloxistas e sociais, erixidos ao noso pesar na voz planeta, dicímoslles aos mandatarios locais e mundiais reunidos en Cancún: o clima non está para vacacións. Deben deixar de representar aos intereses dos mercados e traballar a prol da cidadanía e do planeta. Cousa farto difícil cando os mesmos responsábeis e cómplices da catástrofe climática que nos ameaza pretenden ser quenes tomen as decisións para facerlle fronte. Temos motivos máis que dabondo para o escepticismo con esta reunión de Cancún, xa que mentres haxa quen teña cartos ou poder para seguir a contaminar, e a cidadanía sigámosllo a permitir, os tratados serán só papel mollado. |