A Fiscalía admite a trámite a denuncia pola ampliación do aeroporto de Alvedro |
A Coruña, 22 de novembro de 2010. A denuncia interposta pola asociación veciñal O Noso Burgo, A Confraría d'A Coruña e ADEGA pola ampliación de Alvedro foi admitida a trámite pola fiscalía especializada en asuntos medioambientais do TSXG. Os colectivos denunciantes vímonos na obriga de acudir á xustiza debido ao estado de indefensión no que ficamos fronte a administración, que nen sequera molestouse en contestar ás alegacións feitas fai xa case dous anos. A denuncia fai especial fincapé no feito de que o Ministerio de Medio Ambiente tivera que pedirlle até tres veces unha verdadeira xustificación da obra ao promotor, neste caso AENA, que alén de non dar resposta, aprobou finalmente o proxecto.
Outro dos puntos sospeitosos é que a pesares de recoñecerse por parte do Ministerio da afección da obra na Ría do Burgo non se establecen medidas concretas que aseguren a correcta protección que merece este espazo natural. E lánzase a curiosa mensaxe dende o Ministerio de Medio Ambiente de que como o estado desta ría non é óptimo é mellor darlle o estoque final que colaborar na súa recuperación esixida pola Unión Europea.
|