Adega
INICIO Novas Os hábitats máis valiosos, ao capricho das eólicas coa connivencia da Xunta
Os hábitats máis valiosos, ao capricho das eólicas coa connivencia da Xunta PDF Imprimir Correo-e
Envia Os hábitats máis valiosos, ao capricho das eólicas coa connivencia da Xunta a FaceBookEnvia Os hábitats máis valiosos, ao capricho das eólicas coa connivencia da Xunta a Twitter
A_Croa_II7 de abril de 2011. A deconstrución do noso patrimonio natural reactívase cos primeiros proxectos derivados do concurso eólico do PP. Nas últimas semanas, unha enxurrada de parques eólicos están a "coller sitio" sobre espazos de alto valor natural, antes de que Europa obrigue á Xunta a ampliar con urxencia a cativa Rede Natura galega. Tal é o caso dos tres proxectos na área d'O Pindo, e do recente parque eólico do Alto da Croa, en Vimianzo e Dumbría. Estas instalacións afectan a humidais inventariados, especies e hábitats prioritarios, para os que a UE obriga a establecer medidas de epecial conservación. Se a Xunta persiste en entregar o noso patrimonio natural máis valioso aos seus amigos en troques de protexelo, Europa podería retirar subvencións ou mesmo impoñer fortes multas, que pagariamos todos/as. Vaites coa boa xestión e a austeridade!

As obras do Parque Eólico “Alto da Croa II” consisten na instalación 7 aeroxeradores de 2MW de potencia unitaria repartidos entre os concellos de Dumbría e Vimianzo, aos que hai que engadir a apertura dos viais de servizo, as zanxas para a evacuación da electricidade, gabias e demáis instalacións complementarias da obra.

Todas estas intervencións afectarán a unha importante superficie de hábitats de interese europeo, fundamentalmente breixais secos e húmidos (códigos 4030 e 4020*) así como a comunidades higroturbosas (códigos 6410 e 7140*). [O símbolo * designa a aqueles hábitats considerados prioritarios e para os estados membros deben adoptar medidas especiais de conservación].

A Comisión Europea vén de actualizar recentemente as súas conclusións sobre a representatividade dos hábitats e especies recollidos na Directiva 92/43/CE do Consello. Polo que atinxe a Galiza, o propio comisario Potocnik en resposta a unha pregunta do grupo Verdes-ALE (código E-000364/2011) sobre o estado da Rede Natura galega, a inexistenza de planos de conservación e a escasa representatividade de determinados hábitats, afirmaba: No referente a España, as conclusións indican que os tipos de hábitat de interese comunitario *7110 «Turbeira alta activa» e *7140 «Turbeiras de transición e flotantes» non están suficientemente representados na rexión de Galicia”. A maiores, o comisario engadía “A Comisión xa comunicou a España estas conclusións e a necesidade de designar novos lugares de importancia comunitaria para correxir a deficiencia detectada e completar a Rede Natura 2000”.

ADEGA entende que a Xunta de Galiza, en aplicación do principio de subsidiariedade e en uso das competencias que lle son propias debería atender os requerimentos da Comisión Europea e propoñer ao estado a ampliación da actual Rede Natura 2000, cando menos para dar cumprimento ás eivas detectadas pola CE no tocante á escasa representatividade de determinados hábitats, particularmente as turbeiras. E dado que as instalacións e obras propostas afectan a este tipo de hábitats húmidos (7140*) así como a outros (breixais atlánticos húmidos, códs. 4020* e/ou 4040*) cuxa conservación é prioritaria, non deberían autorizarse instalacións que comprometan a conservación destes valores naturais. A este respeito, a Xunta de Galiza debería tamén, en aplicación do artigo 6.4 da Directiva 92/43/CE do Consello elevar consulta á Comisión Europea e xustificar que proxecto resposte a “…consideracións relacionadas coa salúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, previa consulta a la Comisión, outras razones imperiosas de interés público de primera orde”.

Propoñemos tamén que a administración asigne a potencia solicitada por Gamesa para este novo parque (14MW) a outros desta empresa xa construidos, nos que mediante o repotenciamento, poidase substituir algúns dos aeroxeradores máis antigos (de 0,4, 0,6 MW) polos de 2MW, sen necesidade de ocupar máis terreo e mesmo reducindo a densidade das máquinas, un factor chave na intensidade das afeccións. Cómpre sinalar que o repotenciamento supón, segundo o art. 34.1.f da Lei 8/2009 pola que se regula o aproveitamento eólico en Galiza, un criterio de discriminación positiva para os proxectos eólicos, que tamén beneficia ás empresas mediante unha bonificación do canon (art. 16.1 e 2), polo que ADEGA entende que sendo posíbel este, e consonte tamén ao recollido no Preámbulo da lei 8/2009, debería priorizarse por parte da administración.

Se a Xunta persiste en desouvir os requerimentos da UE para ampliar a Rede Natura e desenvolver os instrumentos de xestión destes espazos, e segue permitindo a ocupación de valiosos hábitats por eólicos, canteiras, piscifatorías, etc. quedará demostrada a escandalosa connivencia dunha administración pública cos intrereses privados de promotores sen escrúpulos que só buscan o enriquecimento rápido especulando cos nosos recursos.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal

quilmasbanner2.gif



ADEGA