ADEGA denuncia a tala de carballos na fraga de Cecebre, autorizada pola Xunta |
A Coruña, 14 de abril de 2011. ADEGA vén de denunciar a tala de especies autótonas (carballos e castiñeiros) na fraga de Cecebre (Cambre), tala que contou co beneplácito da Xunta. Ao permitila, a administración está a facerlle un fraco favor ao noso bosque autóctono, precisamente no Ano Internacional das Florestas. Os feitos parécennos especialmente graves, ao ser este espazo unha das fragas máis coñecidas do País: “A Fraga de Cecebre”, ou “O Bosque Animado”, que serviu de inspiración ao literato Wenceslao Fernández Flórez para o libro do mesmo titulo. Neste 14 de abril, actuacións coma esta, e declaracións coma as do conselleiro responsábel dos bosques, o Sr. Juárez, de que as queimas controladas son "convintes para os ecosistemas" poñen a xestión das nosas florestas ao nivel dunha república bananera.
Resultan contradictorias estas actuacións de talas indiscriminadas na zona na que nos estamos a referir, máxime cando dende o GDR As Mariñas–Betanzos (entidade da que forma parte o Concello de Cambre) estese a impulsar, financiado con cartos europeos, a creación dunha Reserva da Biosfera na contorna do Encoro de Cecebre, e a Fraga de Cecebre sería unha das súas “xoias”. É inadmisible que unha administración responsábel da superviviencia e xestión da biodiversidade permita a destrución e desaparición dunha importante masa de arbolado, con todo o que isto conleva de desequilibrio ecolóxico na zona, poñendo por riba do interese colectivo o interese particular, e sendo Galiza unha das zonas de Europa con menos territorio protexido pola Rede Natura.
Temén queremos por de manifesto a pouca sensibilidade de moitos dos concellos galegos, por non teren actuado xa na protección dos seus espazos de interese medioambiental con figuras xurídicas como os ENIL, que impedirían actuacións como a aquí denunciada. |