ADEGA solicita á Xunta que decrete a caducidade de tres minicentrais de Ferroatlántica no Xallas |
9 de xuño de 2010. O prazo para executar as obras das minicentrais de Fervenza II, Ponte Olveira II e Novo Castrelo que Villar Mir tiña concedidos no Xallas, caducou en xullo de 2009. Tratáse de tres novos aproveitamentos hidroeléctricos cuxa tramitación inciouse en 2002, aprobáronse co goberno de Fraga en funcións en 2005 e autorizáronse pola consellaría de Industria en xullo de 2007. Daquela, fixouse un periodo de 24 meses para a execución das obras, que rematou en xullo de 2009. Ao parecer, Ferroatlántica pedíu a ampliación deste prazo, que a actual Xunta está a tramitar. ADEGA solicita á Consellaría de Industria que non amplíe este prazo e a Augas de Galiza que decrete a caducidade das concesións. O Xallas é o río con maior potencia instalada nas bacías da Xunta, e nos últimos 20 kilómetros fica completamente enaxenado a Villar Mir con 5 aproveitamentos e 4 encoros. Non e hora xa de restituirlle parte da súa dignidade?
Se a Xunta concede a ampliación do prazo de execución das obras non só estará certificando a morte definitiva dun río e a deterioración da devesa de Anllares,o bosque atlántico máis occidental de Europa (precisamente no ano da Biodiversidade), violará tamén a Lei de Protección dos Ríos Galegos e o espírito da Directiva Marco da Auga. Amosará tamén unha escandalosa connivencia cunha empresa responsábel da catástrofe do encoro da Fervenza (2007) e dos continuos incumprimentos do caudal ecolóxico e o réxime de desaugamentos no Xallas, facendo súas as pretensións de Ferroatlántica: “...Con ello el caudal de aproximadamente 32 m3/s que hoy recorre el río de forma improductiva, recorrería en serie las nuevas turbinas” (Memoria dos proxectos).
A xustificación das obras que fai a empresa, usando os postos de traballo como escudos humanos, non se sostén. Abonda con ver a evolución da plantilla nas súas fatorías da costa da Morte dende 1986-89, data de construción do encoro de Santa Uxía, daquela con máis de 500 traballadores, sendo escasamente 300 na actualidade con 5 minicentrais no río. Ulos empregos?
Os kilowatios hidráulicos do Xallas só son para Villar Mir unha fonte de liquidez para acometer gorentosas operacións especulativas en Madrid. E se facemos balanzo, como cuantificar o lucro cesante que para a Costa da Morte e Galiza en xeral tivo a enaxenación dun río, o secuestro dunha marabilla natural (a fervenza do Ézaro) e o estragamento da ría de Corcubión pola contaminación da fatoría de Cee?
En 1986-89 a construción do encoro de Santa Uxía por "Cubiertas y MZOV" na desembocadura do Xallas supuxo un dos primeiros traballos para un enxeñeiro recén chegado a Galiza, Agustín Hernández-Fernández de Rojas. Foi esta unha das agresións máis salvaxes ao noso patrimonio natural e que, para vergoña nosa, fixo de Galiza o único país do mundo cun accidente xeográfico a tempo parcial. Hoxe, dende a súa responsabilidade institucional como Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Sr. Hernández ten a oportunidade de non acrescentar esta afrenta e de restituir parte da súa dignidade ao Xallas, denegando a prórroga a Ferroatlántica e declarando a caducidade das novas concesións. |