Adega
INICIO Últimas novas Cando a administración prende lume ao monte, algo falla na política forestal
Cando a administración prende lume ao monte, algo falla na política forestal PDF Imprimir Correo-e
Envia Cando a administración prende lume ao monte, algo falla na política forestal a FaceBookEnvia Cando a administración prende lume ao monte, algo falla na política forestal a Twitter
11 de abril de 2011. Cando a administración usa o lume como "instrumento preventivo" evidencia unha preocupante falta de medios, de ideas ou o que é mais grave, de interese por xestionar os nosos montes cun mínimo de sustentabilidade. Ao aplicar esta política, a Xunta fai súas as teses de G. W. Bush: se non hai árbores que queimar, acabáronse os lumes. As queimas "controladas" ou "preventivas" son ante todo iso, incendios. En absoluto son xustificábeis como método de desbroce, para o fomento de pasteiros ou para "a mellora do hábitat de animais silvestres, especialmente mamíferos e aves" (sic), como chegaron a dicir. Mais o que xa resulta incomprensíbel é como se permiten estes procedementos cunha climatoloxía adversa e sen o dispositivo de extinción plenamente operativo.

Un incendio forestal, independente da súa orixe e suposta "utilidade" degrada valiosos solos que tardan milleiros de anos en formarse, perdéndose fertilidade. Increméntase tamén o risco de erosión, favorecendo a escorrentía e diminuindo a infiltración da auga, chave para o subministro de moitas poboacións. E por suposo, a biodiversidade, incluindo hábitats e especies moi fráxiles e amezados, vese gravemente afectada. Tense tamén demonstrado que os incendios incrementan os arrastres cara os ríos e as rías causando a perda de diversidade acuática e mesmo graves danos a especies comerciais. Portanto, o lume é máis problema que solución, e non só afecta aos ecosistemas forestais. De ningún xeito pode ser usado de masivamente como instrumento.

ADEGA critica a escasa coerencia dunha administración que, ano tras ano, segue permitindo ou fomentando a transformación mediante queimas dos usos do monte, logo de ter manifestado a sua intención de reducir o lume como instrumento de desbroce e limpeza.  Por outra banda, fomentar a sistemática eliminación do mato e a súa transformación en pasteiros ou superficie forestada, oponse á multifuncionalidade: esquece que o mato e os hábitats de monte baixo, moitos deles comunidades vexetais protexidas pola UE, cumpren unha importante función ecolóxica. A súa eliminación sistemática, e por riba usando o lume como instrumento, non só é un atentado ambiental senón que tamén coarta outros aproveitamentos compatíbeis do monte (silvopastoreo, aproveitamento de cogomelos, apicultura, turismo de natureza, biomasa, caza, etc.)

ADEGA esixe da administración o abandono do lume como instrumento de traballo e o reforzamento dos labores preventivos nos montes en época de baixo risco. Estes traballos (desbroces, cortalumes, barreiras de frondosas, etc.) deberían ser sempre selectivos e efectuados de xeito que se respecten os valores ambientais do monte e as comunidades que nel viven.

Queremos pensar que estas queimas autorizadas ou efectuadas pola propia admistración en condicións adversas e sen os medios necesarios para as controlar, non respostan ás presións de determinados sectores que en non poucas ocasións teñen feito do lume o instrumento preferente para defender e mesmo impoñer os seus intereses. Que tería pasado se no lume de Bande tivera acontecido algunha desgraza persoal? A quen pediría entón responsabilidades o Sr. Feijóo?
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA