A invasora ameixa asiática xa chegou ao río Mero |
14 de marzo de 2011. ADEGA vén de constatar a presenza da ameixa asiática (Corbicula fluminea) no río Mero, nun treito pertencente ao concello de Cambre. Trátase da poboación máis nor-occidental da Península Ibérica desta invasora. A ameixa asiática é un bivalvo de auga doce orixinario de Asia que penetrou en Galiza en 1989. Até o de agora a súa distribución limitábase á bacía do Miño mais o recente descubrimento na do Mero, sen conexión coa anterior, representa un preocupante avanzo desta invasora. ADEGA demanda da Xunta a posta en marcha de planos de prevención e erradicación das especies invasoras, especialmente as fluviais, que poñen en perigo a nosa biodiversidade autóctona e que, como a ameixa asiática ou o mexilón cebra, poden orixinar ademais importantes perdas económicas.
No último século, das 88 especies acuáticas invasoras rexistradas na península, 31 xa están presentes nos ríos galegos. O ritmo de invasión incrementouse a partires dos anos 90 do pasado século, cando a UE aprobou a libre circulación de persoas e mercadorías no seu territorio. Nos ríos galegos xa están presentes entre outras, a ameixa asiática (Corbicula fluminea), o caranguexo americano (Procambarus clarkii), o peixe mosquito (Gambusia holbrooki), o galápago de Florida (Trachemys scripta)- estes 4 no propio Mero e no LIC de Cecebre-, ou especies de plantas acuáticas como Elodea canadensis, ou xacinto de agua (Echhornia crassipes).
A biodiversidade fluvial galega, particularmente diversa en especies e con numerosos endemismos, está gravemente ameazada. Á contaminación e á degradación de hábitats provocado polos encoros hai que engadir tamén a competencia das especies invasoras, que poñen aos organismos autóctonos, mesmo a especies ameazadas como o escaso mexilón de río (Margaritifera margaritifera) ao borde da extinción. No Mero, augas abaixo do encoro de Cecebre, rexístrase unha densidade de 2120 individuos de Corbicula por metro cadrado. Neste mesmo río, augas arriba, atópanse dúas poboacións de mexilón de río, que de seguir así as cousas, teñen os días contados. Fronte a esta situación, que ten feito a administración ao respecto? Seguimos tendo a Rede Natura máis cativa de todo o estado, a Xunta segue desatendendo os continuos requerimentos da Comisión Europea para incluir máis superficie e protexer máis hábitats e adiando os instrumentos de xestión dos existentes. E polo que respeita ás especies protexidas, a Xunta no último Observatorio Galego da Biodiversidade dixo traballar nunha “estratexia” pero recoñeceu a imposibilidade de atender axeitadamente ás especies ameazadas "dado o seu número”, a "complexidade técnica" dos traballos e, sobre todo, pola falta de cartos (este ano, un 31% menos de orzamento para Conservación). Así as cousas, planos de conservación/recuperación (licitados en 2007 e 2008) malia a estar xa eleborados e entregados, seguen sen aprobarse. Cal é a razón da Xunta (ademáis do seu nulo interese pola nosa biodiversidade) para ocultar estes documentos e executar as medidas de conservación necesarias? |