Lugo, 5 de abril de 2011. En relación coa recente aprobación en Burgos por parte do Consello de Patrimonio Histórico español da candidatura do Camiño Primitivo e Norte da Costa para a súa proclamación como Patrimonio Mundial pola UNESCO en 2012, o FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO, do que forma parte ADEGA e outra vintena de entidades e asociacións implicadas na protección e promoción da primeira vía xacobea do mundo ao seu paso polo territorio galego, acolle positivamentente esta candidatura e agarda que sirva de revulsivo para axilizar e efectivizar a protección do Camiño Primitivo e para recuperalo dos "atropellos" e ameazas que ten sufrido ao longo das últimas décadas.
O Foro do Camiño Primitivo quere facer achega das seguintes valoracións con respecto á presentación da candidatura do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade:
1º. A nosa acollida positiva e posicionamento maioritariamente favorábel a esta candidatura, así como o noso apoio decidido e colaboración expresa para unha feliz resolución da mesma, entendendo que se trata dunha oportunidade única e dun revulsivo importante logo de grandes esforzos para facer valer os dereitos históricos das vellas sendas cántabras do Norte a Compostela e ao Fisterre atlántico, na esperanza de que en todo caso teña efectos proveitosos no devir deste proxecto colectivo a medio e longo prazo, dándolle visibilidade á súa presenza internacional.
2º. Que esta candidatura conxunta e os traballos previos que a presentación da mesma conleva deica febreiro de 2012, deben server para reaxir con máis forza, corrixindo a deriva administrativa que en numerosas ocasións ten abocado ao ostracismo a defensa dos camiños do norte, axilizando dunha vez por todas a delimitación oficial da súa traza e territorio vinculado consonte coa verdade histórica, evitando adulteracións no seu itinerario, recuperando, defendendo e potenciando os seus antigos símbolos e valores culturais, ambientais e espirituais, protexendo o seu patrimonio material e intanxíbel fronte á voráxine da vida moderna e promovendo medidas de cohesión e promoción acordes co seu papel de camiño histórico de longo percorrido, implicando nese cometido ás administracións locais e comarcais.
3º. Que o entramado camiñeiro que deu como resultado o chamado Camiño Francés pola Meseta e que no seu día foi recoñecido coa máxima distinción da UNESCO, non pode obviar lexitimamente as súas raíces históricas en torno á corte asturiana, primeira capital da Reconquista, o seu ancestral entroncamento coas romerías do San Salvador de Oviedo a través dos camiños cántabros e astur-leoneses (“Quien va a Santiago y no al Salvador, visita al criado y olvida al señor”), a súa condición de corredor pioneiro e de salvagarda fronte á inestabilidade bélica nas primeiras e decisivas fases do fenómeno peregrinatorio a occidente, e por ende, o seu paso pola primeira cidade galega, o recinto murado de Lucus Augusti.
4º. O estreito vincallo desta rota histórica con outros tres elementos que ostentan a condición de Patrimonio da Humanidade en cada un dos seus polos urbanos, como son as cidades de Oviedo, Lugo (a través da súa muralla romana) e Compostela, o que reforza aínda máis o alto valor simbólico deste primeiro itinerario, sen o cal non se pode explicar tan vasto fenómeno humano sostido no tempo.
5º. Este anuncio coincide cos preparativos da efeméride pola cal se están a cumprir doce séculos (1200 anos) de percorrido d’El-Rei Afonso II desde a corte ovetense a través da vía primitiva que é berce e matriz esencial na estratexia político-espiritual e no prolífico decorrer dos antigos vieiros que conformaron a idea de Europa.
6º. Para a realización destas tarefas, os membros e entidades sociais que constitúen o Foro do Camiño Primitivo ofrecen a súa experiencia, coñecemento e traballo desinteresado, así como a súa disposición ao control e seguimento crítico e positivo das mesmas, mantendo unha posición vixiante para que este proceso non fique convertido nun mero recurso publicitario, ao tempo que fai un chamamento ás forzas políticas, grupos económicos, movementos culturais e á sociedade no seu conxunto para que emitan un pronunciamento claro en apoio da declaración de Patrimonio Mundial pola UNESCO para os nosos camiños a fin de lograr unha resolución unanimemente favorábel malia os condicionamentos negativos que sabemos que poden obrar na súa contra e que entendemos teñen a ver principalmente co desleixo existente nalgunhas instancias políticas e administrativas para a protección e posta en valor deste itinerario que aspira a ser oficialmente patrimonio da humanidade.
7º. O Foro do Camiño salienta o seu desexo de que esta candidatura e mesmo a consecuente proclamación servan de homenaxe a todas aquelas persoas que a título individual ou integrados en distintos colectivos teñen traballado arreo desde hai máis de vinte anos para lle facer ver á sociedade que este noso Camiño é o xermolo do que arrinca a prodixiosa eclosión da peregrinacións a Santiago de Galiza, recoñecemento que facemos extensíbel ao esforzo solidario que desde a comunidade asturiana viñeron sostendo valiosas personalidades e asociacións coas que colaboramos intensamente e sen as cales este esforzo tería sido inútil.
Ultreia et suseia! |