Tres novos parques eólicos sobre hábitats prioritarios e humidais ameazan ao macizo do Pindo |
10 de marzo de 2011. ADEGA vén de apresentar alegacións a tres parques eólicos que cercarán o macizo do Monte Pindo con máis aeroxeradores, pistas, gabias, conducións eléctricas e estacións de transformación. Mazaricos, Dumbría, Carnota e Muros repártense 13 muíños, os maiores de 100m de alto, sobre unha das paisaxes mais representativas do país, salferida de mámoas e pertróglifos e enriba de hábitats prioritarios. A devesa de Anllares, o bosque atlántico máis occidental de Europa, vai ter como compaña ademais de novas minicentrais un parque eólico a menos de 1km (A Ruña). Na zona SW do macizo do Pindo, sobrancearán sobre a silueta do monte e a praia de Carnota outros dous parques (Alto das Agras e ampliación de Virxe), xusto enriba da proposta de ampliación do LIC Carnota-Monte Pindo, sobre hábitats prioritarios e humidais inventariados. Con razón a Xunta denegou un Parque Natural no Pindo e demórase tanto en ampliar a Rede Natura: primeiro deben coller sitio eólicos e canteiras.
Os tres parques eólicos, solicitados por Eurovento, non corresponden aos outorgados no recente concurso aberto tras a aprobación da Lei Eólica 8/2009, senón a Planos Eólicos Empresariais aprobados durante a era Fraga que aínda non desenvolveran toda a potencia concedida daquela. A empresa, aténdose á Orde de 20 de xaneiro de 2010, e logo de que as súas dolicitudes foran aceitadas (Resolución de 30 de abril de 2010 da Consellaría de Industria), inicia os trámites para a avaliación de impacto ambiental xa que estas tres instalacións sitúanse a menos de 2km doutros parques. Trátanse pois de parques que veñen das adxudicacións do fraguismo, que como temos denunciado repetidas veces, derivan dun plano eólico caduco, insustentábel e neo-colonial, aprobado por un governo que mesmo chegou a declarar (Decreto 302/2001) a compatibilidade dos parques eólicos coa Rede Natura e a paisaxe galega.
Unha das instalacións (Parque Eólico A Ruña, ao NE do Pindo) está proposta sobre unha área con alta densidade de xacementos arqueolóxicos que ademais sitúase a menos de 2km do Camiño de de Santiago. A menos de 1km está tamén a devesa de Anllares, o reduto (nunca millor dito) de bosque atlántico máis occidental de Europa, nas beiras do maltreito Xallas, o río con maior densidade de aproveitamentos hidroeléctricos de Galiza.
Os outros dous parques (Alto das Agras e ampliación de Virxe) sitúanse ao SW do macizo do Pindo, nunhas chans e outeiros nos que tamén abundan mámoas e petróglifos. A súa ubicación coincide ademais coa zona de ampliación do LIC Carnota-Monte Pindo, proposta polo anterior governo para atender ás demandas da Comisión Europea e ampliar a representatividade das turbeiras e dos breixais atlánticos (hábitats prioritarios) na raquítica Rede Natura galega. A maiores, pistas, gabias e torretas emprazaranse sobre tres humidais catalogados. O mes pasado a Xunta chamaba a atención sobre a importancia de conservar os humidais, nun percorrido conselleril con rapaces por Corrubedo. Pos ben, agora a administración pode amosar a súa coerencia e compromiso rexeitando estes proxectos e, de paso, incluindo na rede galega de espazos protexidos aos máis de 1100 humidais do país. Eurovento recoñece os impactos ambientais (sobre todo paisaxísticos) das obras nos seus documentos previos, mais excúsase en que estes proxectos execútanse ao carón de parques máis grandes xa construidos (e sobre danos xa feitos), e que só pretende completar a potencia concedida no seu momento. Se a administración admite este argumento, incorriría outra volta na política do "total, se xa está todo desfeito, un pouco máis...", curmán da do "ti vai facendo". Así, cacho a cacho (alguén pensou nas sinerxias?) imos perdendo o millor do noso patrimonio natural.
Con todo, Xunta e Eurovento teñen a posibilidade de conciliar os dereitos empresariais coa conservación: mediante o repotenciamento. Asignando a potencia destes novos parques (33MW) a outros desta empresa xa construidos ,nos que substituindo algunhas das "vellas" máquinas de 0,6 MW por outras de 3MW ou máis, poderiase ocupar menos terreo e reducir a densidade de muíños, un factor chave no impacto paisaxístico e sobre a avifauna. |