Xunta e concellos ignoran as alertas pola excesiva contaminación das cidades |
10 de febreiro de 2010. Os episodios de grave contaminación que sofren Madrid e Barcelona non son descoñecidos en Galiza. A finais de 2010, ADEGA facía público datos compilados polo experto en contaminación Ramón Varela, que apontaban a que todas as cidades sobrepasaron os límites legais de NOx (xerados polo tráfico e a combustión de derivados do petróleo) no ar que respiramos. Lonxe de tomar nota, a Xunta e algúns concellos optaron por desmentir (eran cifras oficiais), ignorar ou manipular datos. Á ridícula rede de control galega (só 9 estacións, por 72 de Euskadi, 68 de Catalunya ou 23 de Madrid) hai que engadir a manipulación interesada: reubicación dos medidores a zonas máis "ventiladas" ou a censura da información que a Xunta distribúe na web. Casualidade? Porén, o máis grave é que as administracións seguen sen tomar medidas para diminuir o tráfico e promover unha mobilidade máis sustentábel. Ben ao contrario: máis vías de alta capacidade, máis subvencións á merca de veículos... Semella que en Galiza, só a meteoroloxía está a facer algo por respirarmos un aire millor!
Informe Manipulación_NOx_XUNTA (20 Kb)
Datos de febreiro de 2011, compilados por Ramón Varela a partires de información oficial: Ourense: á cabeza da contaminación por óxidos de nitróxeno nas cidades galegas: Ourense superou o umbral máximo de 200 ug/m3 (lexislación vixente) en varias ocasións durante este mes de febreiro. Así o día 2 de febreiro superouno durante 5 horas; o día 7 superou durante outras 5 horas o nivel máximo horario chegando en algún momento a 591,81 ug/m3, e o día 8 voltou a superar durante 8 horas, 6 delas seguidas, os 200 ug/m3 chegando até 432,92 ug/m3. Debemos lembrar que a lexislación só permite superar 18 veces ao ano o nivel de 200 ug/m3, polo que Ourense só nos primeiros días do que levamos de mes xa cubriu o permitido para todo o ano, pero ademáis durante o mes de xaneiro tamén superou varias veces o nivel permitido por lei. Ao superarse os 400 ug/m3 o día 7/02/2011 durante 3 horas as autoridades municipais e autonómicas debían ter alertado publicamente a poboación para que en especial as persoas sensíbeis tomaran as precaucións axeitadas. Outras cidades como Santiago, Pontevedra, Vigo, en algún momento durante este mes tamén superaron os niveis máximos horarios pero só 3 veces (3 horas) Vigo, 5 veces Pontevedra e 6 veces Santiago. Ferrol e Lugo son as cidades que menos veces superaron os niveis de óxidos de nitróxeno desde principios de ano e van a cabeza da calidade do aire ate este momento. Nota: son máximos horarios. Ao pasar de situación anticiclónica a ciclónica, coa situación nova de chuvia a contaminación disminuiu moito dende este día 9. |