Adega
INICIO Novas de EA ADEGA apoia o manifesto da SGEA a favor da Educación Ambiental en Galiza
ADEGA apoia o manifesto da SGEA a favor da Educación Ambiental en Galiza PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA apoia o manifesto da SGEA a favor da Educación Ambiental en Galiza a FaceBookEnvia ADEGA apoia o manifesto da SGEA a favor da Educación Ambiental en Galiza a Twitter
3 de febreiro de 2011. O pasado 1 de decembro de 2010 a Sociedade Galega de Educación Ambiental deu a coñecer o manifesto “NON Á DESAPARICIÓN DA EDUCACIÓN AMBIENTAL EN GALICIA”. Este documento, que fai repaso da preocupante situación da Educación Ambiental na nosa comunidade e recolle as propostas e peticións do sector, foi remitido a colectivos, empresas e particulares ao tempo que era pendurado na páxina da SGEA. Durante os dous meses en que o sistema de recollida de adhesións estivo en funcionamento, máis de 1000 persoas e entidades amosaron o seu apoio e subscribiron o manifesto; consideramos que a campaña de difusión e recollida de adhesións foi un éxito.

Mais o noso traballo non remata aquí.

A Xunta de Galicia, como órgano de goberno autonómico, é a administración con competencias en Educación Ambiental na nosa comunidade. Máis concretamente, son as Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Medio Rural e Educación, as que, directa ou indirectamente teñen a responsabilidade de desenvolver as iniciativas, programas e proxectos de Educación Ambiental en Galicia; e como consecuencia, son tamén as responsábeis da súa precaria situación.

A SGEA é unha entidade sen ánimo de lucro que recolle entre os seus fins a creación e o mantemento de vías de conexión coas administracións públicas. Con este espírito construtivo queremos agora facer chegar ás citadas administracións e ao Presidente da Xunta de Galicia o manifesto e a vontade de traballar conxuntamente na mellora da situación da Educación Ambiental en Galicia.

Tal e como xa manifestamos en numerosas ocasións, asumimos que a actual situación económica dificulta o investimento de recursos en calquera sector; porén, ante a actual crise ambiental (moito máis preocupante que a económica...) nunca coma nestes momentos resulta máis transcendente, imperioso e necesario fortalecer e potenciar os instrumentos sociais e a Educación Ambiental.

Confiemos en que, a pesar das numerosas agresións ao medio das que en boa medida son responsables as administracións públicas, os seus gobernos escoite a preocupación da sociedade pola posta en marcha dos instrumentos educativos e de intervención social necesarios para a construción dunha sociedade máis xusta, responsable e respectuosa co medio ambiente.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA