Plan sectorial de Barreiros: a Xunta quere branquear as ilegalidades do concello con cartos públicos |
Lugo, 14 de febreiro de 2011. ADEGA vén de apresentar ALEGACIÓNS (266 Kb) ao chamado “Plan sectorial para a mellora do saneamento, abastecemento de auga e redes viarias dos concellos de Barreiros”, no que solicita á Xunta o rexeitamento absoluto deste planeamento e a continuación dos expedientes de infracción urbanística abertos na lexislatura anterior (coa apertura de novos cando haxa lugar) con vistas á reposición da legalidade urbanística e á depuración das responsabilidades, e que dé traslado de tais infraccións á Xustiza por se fosen constitutivas de delicto. Porén, a Xunta non só pretende mediante un Plano Sectorial legalizar os chanchullos de Barreiros, senón que vai utilizar cartos públicos (máis de 14 millóns de €) para, en plena crise, violar a Lei do Solo e blanquear as -presuntas- infraccións urbanísticas de alcaldes e promotores amigos.
Barreiros é un concello da Costa de Lugo cunha franxa costeira duns 8 quilómetros, que, nas súas oito parroquias, catro delas con litoral (San Cosme de Barreiros, Benquerencia, San Miguel de Reinante e San Pedro de Reinante), ten unha extensión total de 72 km2 e unha poboación actual (segundo datos do 2009) de 3.244 habitantes respecto da cal é oportuno destacar que, -pese ao “boom” turístico que vén experimentando todo o litoral a partires dos anos 80-, vén sufrindo un continuado decrecemento: desde os 4.134 habitantes do ano 1981 aos 3.250 do 2004 e os 3.144 do ano 2009. Estas expectativas de poboación contradinse co outorgamento de licenzas urbanísticas por parte do Concello desde xaneiro de 2006 ata febreiro de 2007 para máis de 3.500 vivendas nas catro parroquias litorais, nun momento ademais no que a Xunta instaba a frear a degradación do litoral e no que, a través do Decreto 15/2007, ordenaba a suspensión das Normas Subsidiarias de Barreiros. Sirva de ilustración que o Colexio de Arquitectos de Lugo tiña visado durante o ano 2006 proxectos urbanísticos de máis de 6.500 novas vivendas no mesmo municipio, freadas en parte pola intervención da Administración autonómica. Ademais, resulta escandaloso que tal crecemento se produza nun concello cuxo planeamento urbanístico do ano 1994 está sen adaptar á legalidade vixente e que, desde os anos 80, vén presentando graves carencias no que ao saneamento, abastecemento de auga e subministro eléctrico se refire. A este escándalo súmase o de construír nun solo que, como moito, non podería pasar legalmente da categoría de solo urbano non consolidado sen que as parcelas tiveran adquirido a condición de solar (Lei 9/2002. Artigo 20), é dicir, sen contar con “acceso por vía pública pavimentada e servizos urbanos de abastecemento de auga potable, evacuación de augas residuais á rede de saneamento, subministración de enerxía eléctrica, iluminación pública, en condicións de caudal e potencia adecuadas para os usos permitidos” (Lei 9/2002. Artigo 16). Alén disto, as licenzas foron outorgadas aos promotores sen que estes:
Todo isto podería constituír un delicto contra a facenda e o patrimonio público e por trato de favor fronte a todos os demais proxectos obrigados a cumprir coa legalidade que, de ningunha maneira, debería quedar impune. Ante estes feitos, ADEGA sostén que este “Plan sectorial para a mellora do saneamento, abastecemento de auga e redes viarias dos concellos de Barreiros” está exclusivamente creado para “branquear” toda esta lista de ilegalidades e irregularidades urbanísticas e para dotar a toda esta explosión urbana, -imposible de xustificar desde criterios de evolución e crecemento poboacional-, dos servizos básicos de saneamento, abastecemento de auga potábel e de rede viaria (queda o subministro eléctrico para mellor ocasión) que, como se dixo, era preceptivo ter antes da concesión da licenza e antes de iniciarse a edificación.
A CARGO DE FONDOS PÚBLICOS Se xa todo o citado constitúe un escándalo, xa non quedan cualificativos cos que describir o descaro do goberno da Xunta, -que debera ter como primeira premisa a defensa da facenda pública e do patrimonio de todas e todos nós-, ao propoñer sen rubor algún que (a pesares da actual conxuntura de grave crise económica á que esta especulación urbanística tanto ten contribuído) todas estas infraestruturas se executen a cargo dos fundos públicos (máis de 14 millóns de euros). Ou que, a maiores, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, -que é a encargada de vixiar a aplicación da legalidade urbanística-, as queira realizar mediante a utilización fraudulenta dunha lexislación de ordenación do territorio para así asegurarse a prevalenza do Plan Sectorial sobre as disposicións da Lei do solo, cando ademais hai de por medio unha denuncia do Ministerio Fiscal ante o Xulgado de Mondoñedo (de decembro do 2009) contra o Concello de Barreiros por presunta e continuada infracción urbanística. Dende ADEGA estamos seguros de que o mar e o litoral, coas súa auga, a súa biodiversidade, as súas praias e a súa paisaxe, son o primeiro recurso ambiental e económico dos concellos da costa. A todas e a todos nos corresponde asumir a responsabilidade de conservalo para o goce das xeracións actuais e futuras. Neste empeño ADEGA comprométese ao persoarse na causa aberta no Xulgado de Mondoñedo pola denuncia da Fiscalía. Para máis información: Daniel López Vispo (619808662), Froilán Pallín (606364291).
|