8 de febreiro de 2010. De seguido reproducimos íntegro o contido da entrevista á Presidenta de ADEGA publicada por Galicia Confidencial, e na que a nosa compañeira Virxinia Rodríguez fai repaso das propostas e opinións de ADEGA encol dos temas ambientais máis recentes: a nova SOGAMA e o Plano de Resíduos do PP; as consecuencias da crise; o decreto do carbón e a repercusión nas térmicas galegas; a relación coa plataforma "Galiza Non Se Vende"; os premios Osíxeno e Dioxina e a proposta de Parque Natural para o monte Pindo...
CUESTIONARIO Á PRESIDENTA DE ADEGA PARA GC: 1.- Recentemente Adega cualifica de "fracaso absoluto" o modelo Sogama. Porén, a Xunta xa confirmou que haberá unha "Sogama no Sur". Como avalía Adega esta nova planta? Como a confirmación de que a redución e a reciclaxe, así como os criterios de eficiencia, aforro, e mínimo impacto, consagradas polas estratexias europeas e as políticas de xestión de RSUs dos países máis avanzados, están ausentes do Plano de Residuos que promove a Xunta. A aposta pola incineración do PP é unha fuxida cara adiante: vaise repetir o fracaso de SOGAMA e a Feijóo non lle importará desbaldir centos de millóns de euros nun sistema -a incineración- anticuado, caro e contaminante con tal de beneficiar ás empresas amigas. 2.- Que lle parece que aínda non se anunciase a súa ubicación, e que non se vaia anunciar até despois das eleccións locais? Tedes algunha sospeita de se recuperá o proxecto do Ribeiro? O secretismo da ubicación da incineradora do Sur resposta únicamente á estratexia política que convén a Feijóo: evitar conflitos en vésperas dunhas eleccións municipais. Onde se víu que un complexo industrial -a incineradora do Sur- de 230 millóns de €, a metade do orzamento total do Plano de Residuos, non teña unha ubicación definida cando é precisamente a ubicación xeográfica un factor chave para a viabilidade desta infraestrutura? Precisamente a comarca do Ribeiro, pola súa ubicación e comunicacións é a máis que probábel destinataria da incineradora. Cómpre lembrar que o controvertido "parque medioambiental" do Ribeiro, proxectado polo anterior governo para tirar beneficio da reciclaxe, desbotaba a incineración e o tratamento de refugallos tóxicos, ao contrario da SOGAMA II que se proxecta agora... 3.- Un dos argumentos máis comúns ao redor da crise é que unha das vítimas da recesión é a preocupación polo medio ambiente. Até que punto notou Adega a crise no número de afiliados ou no seu nivel de implicación? A actual crise económica ten unha forte compoñente ambiental na súa orixe, como tamén nas súas consecuencias. Se de por si o medio ambiente ten moi pouco peso na sociedade e nas políticas públicas, coa crise a situación agrávase. ADEGA, como todos os movementos sociais, notou esta desmobilización consecuencia do pesimismo dunha sociedade que ve moi lonxe a saída do túnel. Porén, as crises non deixan de ser oportunidades que cómpre aproveitar para ir mudando os paradigmas, e hai xente que está dando paso e asumindo un compromiso activo con esta mudanza social, incluído o activismo ecoloxista. 4.- Esta fin de semana houbo incidentes en León. Os mineiros locais protestaban na conferencia do PP porque a Xunta recurriu o decreto do carbón. Cerceda e As Pontes viviron importantes manifestacións a prol de que se siga queimando carbón de fóra. Que opina Adega sobre o decreto? O decreto do carbón supón unha marcha atrás na loita contra o cambio climático. É unha subvención encuberta ás empresas máis contaminantes para evitar a os custos sociais e políticos de reconverter un sector obsoleto. Evidencia tamén o pouco peso e a virtualidade dalgunhas políticas europeas (curiosamente ambientais, sempre supeditadas a "forzas maiores") cando baten cos intereses económicos dalgúns estados. Dito isto, o cerne do debate non debería estar na procedencia do carbón -se nacional ou importado-, ou que insumo subvencionar, senón na necesidade de abandonar canto antes a produción da electricidade en base ao carbón, independentemente da procedencia deste, como paso inexcusábel na loita contra o cambio climático. 5.- Deben seguir traballando as centrais térmicas de Cerceda e As Pontes? ADEGA sempre reclamou o abandono da produción de electricidade nas térmicas e a compensación por parte das empresas e do estado da inmensa débeda ecolóxica contraida co ambiente e a cidadanía galega. Despois de décadas contaminando a caño libre queimando lignito galego e logo de rematado este, as térmicas instalaron ciclos combinados de gas e carbón importado, con menor xeración de contaminación que o autóctono. Agora co decreto o goberno español pretende non só non asumir esa débeda ecolóxica con Galiza, senón favorecer con cartos públicos instalacións moito máis contaminantes que os ciclos de gas, en detrimento das instalacións que as usan. Así as cousas e co decreto en vigor, a pregunta é si deberían pechar Cerceda e As Pontes mentres instalacións máis contaminantes e obsoletas reciben cartos públicos. Ecoloxistas si, pero non inxenuos... Nós sempre o tivemos claro: a produción das térmicas debería substituirse por aforro, eficiencia e renovábeis, procurando unha transición progresiva (neste senso, o gas sería un paso intermedio) para non cargar sobre a poboación local os custos da transición. 6.- Nunha recente nota Adega critica como se esvaen os "tépedos avanzos ambientais da etapa anterior". Adega recoñece así avances cando o bipartito, que porén tivo que soportar unha forte mobilización de parte do ecoloxismo, nomeadamente a través da plataforma Galiza non se Vende. Coa vantaxe que dá xulgar as cousas coa perspectiva do tempo, e tendo en conta que Adega non participou en GnsV, como valora todo aquel movemento de protesta durante o bipartito? ADEGA foi unha das entidades fundadoras da rede Galiza Non Se Vende durante o goberno do bipartito. Nesta etapa lideramos importantes mobilizacións sociais, por exemplo contra o plano acuícola. Á defensa dos postulados ecoloxistas unimos tamén a vontade de diálogo e a negociación, xa que ao contrario do que ocorre co actual goberno, enfronte había unha administración coa que podías falar. Normas como o Plano de Residuos, que puña data de caducidade a SOGAMA, a criazón do Catálogo de Especies Ameazadas, unha proposta de mínimos para a ampliación da Rede Natura e a blindaxe desta fronte aos muíños, a aprobación da ILP dos ríos e a paralización das minicentrais, ou a lei dos 500m, entre outras, tiveron moito que ver cos nosos esforzos. Evidentemente non foron suficientes xa que a sociedade galega agardaba máis, e máis rápido, do goberno bipartito, pero eran pequenos pasos -algúns históricos- na boa dirección. Lamentábelmente, algúns colectivos de GNSV comezaron a utilizar a rede como vehículo de loita política, algo moi respectábel, pero máis propio doutros foros. Especialmente preocupante era o discurso de "todos son iguais", que tivo moito que ver coa volta dos que levaban -estes si, de xeito comprobado- 16 anos facendo políticas devastadoras para o ambiente. 7.- Como sentou na organización que Xaquín Marín rexeitase o premio 'Osíxeno' alegando que o periódico no que publica, La Voz, recibía o galardón negativo, o 'Dioxina'? A admiración e o respecto polo traballo e a traxectoria de Xaquín Marín son incuestionábeis para ADEGA. É ben merecente desta distinción como valedor da nosa cultura e comunicador das problemáticas ambientais dende o humor e a retranca. Lamentamos moito que rexeite este modesto premio pero como é lóxico temos que respectar a súa decisión. ADEGA pretendeu deixar claro que o "Dioxina" concedíase ao presidente e editor de "La Voz" como responsábel dunha liña editorial belixerante co idioma e cómplice de políticas lesivas co ambiente. Non atinxía ao labor dos profesionais que traballan neste medio, do mesmo xeito que o funcionariado da Xunta non é responsábel das políticas dos cargos públicos de turno. Xaquín Marín non o veu así e respectamos a súa postura. 8.- Que argumentos dá o Goberno para negarse a declarar o Monte Pindo Parque Natural? Simplemente non da argumentos, só escusas de mal pagador: "Non toca" nesta lexislatura e punto. Contrariamente ao expresado no Observatorio Galego da Biodiversidade, onde acordouse estudar a proposta, Ricardo García-Borregón, director xeral de Conservación, manifestaba esa mesma tarde aos medios -exclusiva a "La Voz" minutos despois da reunión- o seu rexeitamento a unha proposta histórica, por canto concita apoios de ecoloxistas, científicos, veciñanza, sectores económicos..., algo inaudito ha historia ambiental deste país. Razóns ambientais para merecer esta distinción non faltan, como tivo que recoñecer o propio director xeral. Mais o verdadeiramente importante é que só a figura de Parque Natural garante un orzamento anual fixo adicado a este espazo para conservación e promoción de iniciativas de desenvolvemento sustentábel, así como a participación directa dos veciños, concellos e entidades sociais na súa xestión através do Padroado. Cecáis a Xunta prefire seguir instalada no "facer que fai" mentres o noso patrimonio natural cáese a cachos. Ou repartir cartos a dedo entre alcaldes amigos para facer campionatos de motocros (Macizo Central) ou abrir pistas desbrozando especies en perigo de extinción (Xurés)...
|