![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
|||
![]() |
Día Mundial dos Humidais: a Xunta, empantanada; o ecoloxismo, en marcha |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() Máis aló do anunciado pero nunca executado Plano de Recuperación dos Humidais (2004) e do Inventario de Humidais Galegos (2007), a inacción da Xunta reflicte ben ás claras o esquecemento e o desleixo da administración por conservar estes valiosísimos ecosistemas. Alén disto, a desastrosa xestión das nosas zonas húmidas, exemplificada nos atentados ecolóxicos sufridos por 2 dos 5 Humidais RAMSAR galegos, quer o baleirado da lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, e a praia artificial e porto na ría de Ortigueira, non só non está a millorar a situación dos humidais senón que provoca que arestora, a Xunta sexa a principal responsábel da degradación destes espazos. O manexo inadecuado destes ecosistemas provocou en moitos casos ao sangrado, entullado, desecamento e destrucción de moitos humidais galegos, como as desaparecidas lagoa de Pantín (Valdoviño) e Corme, as maltreitas turbeiras do Xistral, arrasadas polos eólicos, a situación crítica das Gándaras de Budiño, alén do recente baleirado da Frouxeira e os recheos en Ortigueira. Para que estas situacións non se volten a repetir é preciso o cumprimento estrito da lexislación ambiental que protexe aos humidais (Directiva Hábitats 92/43/CEE, Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, Decreto 127/2008 dos Humidais Protexidos de Galiza...), alén do alongamento da curta lista de humidais protexidos. Estas leis obrigan ás administracións responsábeis non só a conservación e mantemento destes ecosistemas, senón tamén, de ser o caso, a súa restauración. O flamante POL (Plano de Ordenamento do Litoral) tampouco garante que mesmo os humidais costeiros máis sensíbeis e coa máxima categoría de protección estean libres de aproveitamentos "compatíbeis": macropiscifatorías (Touriñán), parques eólicos (Costa da Morte, Serra da Groba...), portos deportivos e outras infraestruturas. É así como a Xunta pretende protexer estes espazos? Semella que somos os colectivos ecoloxistas os que, asumindo as funcións que abandona a Xunta, seguimos na teima de conservar os nosos humidais. Por iso, este 2 de febreiro, Día Internacional dos Humidais, máis de 40 voluntarios/as e voluntarias ímonos mollar polos humidais, desenvolvendo, coa colaboración do CEHUM, a Fundación Biodiversidade e financiadas con fundos FEADER, labores de conservación na contorna las lagoas litorais de Xuño e Muro (Porto do Son).
|