![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
|||
![]() |
As nosas rías son unha cañeira pola irresponsabilidade e o desleixo das administracións |
![]() |
![]() |
![]() |
A perda de diversidade e produtividade dos ecosistemas mariños polas verteduras urbanas e industriais, a degradación do litoral polo urbanismo salvaxe, as práticas pesqueiras insustentábeis e o cambio climático, están colocando ao borde do colapso ecolóxico (e xa que logo económico) ás rías, fonte de recursos para unha grande parte da poboación galega. O urbanismo secuestra cada vez máis territorio no litoral, soterrando con formigón non só o espazo físico da paisaxe costeira, senón tamén o espazo cultural que fai parte da nosa identidade como pobo. En moitos treitos da costa interrompeuse a comunicación natural terra-mar modificando a dinámica litoral, co consecuente gasto de diñeiro público en aportes de area e dragados.
O POL (Plano de Ordeamento do Litoral) deu carta branca a planos sectoriais que como o Acuícola, o Eólico, de Portos Deportivos, Infraestruturas, etc. teñen graves impactos sobre a costa. E as modificacións da Lei do Solo introducidas polo PP e a prevista modificación da lei de Costas flexibilizarán e facilitarán a ocupación dos sensíbeis espazos costeiros.
Á vista desta situación, dende ADEGA reclamamos a elaboración urxente dun Plano Estratéxico contra a Contaminación Mariña con obxectivos concretos, temporalizados e debidamente orzamentados que vise a eliminación dos focos de contaminación puntual e difusa no litoral así como a minimización do risco por verteduras accidentais e mareas negras. Para isto é preciso garantir a responsabilidade ilimitada para as actividades industriais que causen danos ao medio mariño, e en especial ás nosas rías.
Esiximos tamén da administración que inste ao cumprimento inmediato das sentenzas do Supremo que ordenan a retirada dos depósitos do Ferrazo e confirman a ilegalidade de REGANOSA, en lugar negarse a acatar as disposicións da xustiza e mesmo contemporizar cos contaminadores.
Finalmente, demandamos administración a ampliación das áreas mariñas protexidas, para que sirvan como refuxio e sementeira da biodiversidade mariña e así manter unha actividade extractiva sustentábel e garantir o futuro das comunidades que viven do noso mar. É absolutamente chave que o tesouro natural das nosas rías sexa preservado, iniciando con urxencia os trámites para que sexan declaradas Reservas da Biosfera. |