Os tribunais rexeitan a petición de Erimsa de obter licenza municipal para unha canteira en solo protexido |
8 de febreiro de 2013. O Tribunal do Contencioso-Administrativo nº1 de Lugo vén de desestimar unha demanda da empresa mineira Erimsa (Explotación de Rocas Industriales y Minerales) contra o concello da Pastoriza pola que reclamaba que se considerase adquirida por silencio administrativo positivo a licenza urbanística e de actividade para posta en marcha da explotación mineira Alicia nº 5917 neste concello. O tribunal considera que non é posible a adquisición de licenza por silencio administrativo porque o impide a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUG) ao tratarse de solo cualificado como rústico de especial protección agropecuaria. Segundo a LOUG neste tipo de solos non está permitida a actividade mineira, motivo polo que o tribunal desestima o recurso de Erimsa. Na resolución da sentenza foi determinante a presentación dos informes periciais que daban conta das características especiais do solo obxecto de explotación, aportados polo arquitecto técnico municipal da Pastoriza e pola arquitecta Ángeles Castro Pena, proposta por ADEGA, que actuou neste proceso como parte codemandada. Ademais, o fallo fai referenza a outra sentenza emitida polo mesmo tribunal con data 25 de setembro de 2012, na que tamén se desestima baixo os mesmos argumentos a demanda interposta por Erimsa contra o concello de Cospeito por un suposto idéntico e con relación á mesma explotación mineira. Desde ADEGA queremos resaltar que todas as demandas formuladas por Erimsa diante dos tribunais para a reclamación das licenzas de obra para esta explotación mineira e outras nos concellos da Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito foron desestimadas por sentenzas anteriores. En total son xa 5 fallos xudiciais que versan neste sentido. Alén das resolucións xudiciais, hai que lembrar que tanto a Xunta como o Concello da Pastoriza rexeitaron este proxecto mineiro, para o cal Erimsa volveu pedir autorización en 2011, tras as modificacións introducidas na lexislación urbanística. Así pois, no mes de novembro de 2012, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio, da Consellaría de Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas, denegou a autorización para a explotación de cuarzo da concesión Alicia 5917 en solo rústico de especial protección agropecuaria. Pouco despois, o concello da Pastoriza vinculou a súa denegación da licenza municipal a esta resolución administrativa da Xunta. ADEGA, que participou activamente en todos os procedementos xudiciais celebrados a teor dos proxectos mineiros de Erimsa na Terra Chá, alédase de que finalmente, tanto as resolucións xudiciais mencionadas, como as determinacións adoptadas por parte da Xunta e do concello da Pastoriza, defendan o interese público dos veciños e veciñas da Terra Chá fronte a intereses especulativos da entidade mercantil que, como se vén de demostrar, son contrarios á lei e ademais poñen en risco a actividade tradicional e a forma de vida predominante da comarca. Para máis información: Apolinar Gómez Roca, avogado de ADEGA. Tfno: 630804036. |