O cinismo da Xunta coa Frouxeira: Declárana "humidal sensíbel" mentres a baleiran con excavadoras |
6 de febreiro de 2013. Con motivo do “Día Mundial dos Humidais” celebrado esta pasado 2 de febreiro, a Xunta declarou 9 lagoas como “zonas sensibles” dentro do Plano Hidrolóxico Galiza-Costa, incidindo en que estes humidais, entre os que se atopa A Frouxeira, están segundo a Xunta "entre os ambientes máis ameazados pola drenaxe, a contaminación e a sobreexplotación dos seus recursos". Porén, resulta bochornoso que en pleno inverno, o humidal da Frouxeira estea case sen auga, presentando unha marcada alteración do seu ciclo hidrolóxico, e que tal estado débase precisamente a que a D. X. de Conservación da Natureza abríu recentemente unha canle de desaugue con bulldózers e pás. Estas aperturas perpetradas á marxe da lei e reiteradamente denunciadas por ADEGA levaron á práctica desecación da lagoa en plena tempada de chuvias. Hai que ter cara para engadir outra figura de protección á Frouxeira cando a propia Xunta viola sistemáticamente as 4 xa existentes (LIC, ZEPA, ZEPVN, e Ramsar). É indecente que a propia Consellería de Medio Ambiente declare agora a Frouxeira como unha “zona sensíbel” cando é a propia Consellería a que adica cartos públicos a abrir reiteradamente con maquinaria pesada este humidal para desecalo (eufemísticamente “baixar o nivel hidrolóxico”) sen ningún tipo de criterio ambiental, á marxe da lei e guiada só por intereses urbanísticos. Resulta bochornoso que o Día dos Humidais o Sr. Conselleiro de Medio Ambiente diga que o máis importante dos humidais é a auga, mentres a súa D. X. de Conservación adícase a baleirar de auga a lagoa durante o inverno. Por qué non viñeron o Sres. Hernández e Borregón a celebrar o Día dos Humidais á Frouxeira? Cecais porque a lagoa non tiña auga, algo que semella importante nun humidal, e non podían soltar uns parrulos? A Dirección Xeral de Conservación da Natureza dí que abre a lagoa seguindo as indicacións dun suposto “Plano de Conservación do Humidal”, documento que non fixo público nen foi publicado no DOG, e portanto, de existir estariase aplicando á marxe da lei. É moi revelador que a ocultación deste documento por parte da D. X. de Conservación, incumprindo a lei de acceso á información ambiental, fixera que o Valedor, ao que acudíu ADEGA en demanda de amparo, admitira a trámite unha queixa contra a Xunta. A Frouxeira non necesita que se lle declare nada máis do que é, un Humidal de Importancia Internacional, con 4 figuras máis de protección. Só precisa que se lle aplique a normativa ambiental vixente e que a Consellería deixe de actuar á marxe da lei no referente á conservación deste espazo. A situación creada neste humidal é un exemplo da incompetencia da Xunta, que semella querer en acabar cos valores naturais que levaron á protección desta área. É indignante contemplar como moitos labores da destrución e degradación de humidais e outros espazos protexidos, execútaos a propia administración e realízanse con cartos públicos. |