Adega
INICIO Últimas novas Escandaloso favoritismo da Xunta con Villar-Mir (Bárcenas mediante?) para seguir secuestrando o Xallas
Escandaloso favoritismo da Xunta con Villar-Mir (Bárcenas mediante?) para seguir secuestrando o Xallas PDF Imprimir Correo-e
Envia Escandaloso favoritismo da Xunta con Villar-Mir (Bárcenas mediante?) para seguir secuestrando o Xallas a FaceBookEnvia Escandaloso favoritismo da Xunta con Villar-Mir (Bárcenas mediante?) para seguir secuestrando o Xallas a Twitter

14 de febreiro de 2013. Hernández vén de publicitar os 680 postos de traballo que supostamente criará o repotenciamento de tres centrais hidroeléctricas no Xallas. Á marxe da particular aritmética que usan certos políticos para contabilizar empregados (e desempregados), dende ADEGA preguntámonos a que vén agora facer públicas unhas resolucións publicadas hai case 1 ano, en abril de 2012, e polas que a Xunta autorizaba a Villar Mir instalar 3 novas turbinas no río, aumentando nun 200% o caudal chuchado ao Xallas. Estes proxectos, tramitados dende a era Fraga (2002) caducaron en 2009, e a Xunta xa con Feijóo, en troques de declarar a súa caducidade, amplioulles o prazo para executar as obras. Resulta curioso que o tardío anuncio de Hernández coincida coas revelación dos "papeis" do ex-tesoureiro do PP Luis Bárcenas nos que se recollen pagos das empresas de Villar-Mir ao PP por valor de 530.000€. Sr. Hernández, excusatio non petita...

O Xallas é o río con maior potencia instalada nas bacías da Xunta, e nos últimos 20 kilómetros fica completamente enaxenado a Villar Mir con 5 aproveitamentos e 4 encoros. Perante o desleixo da Xunta para coa situación ambiental e legal deste río, foi polas denuncias dos ecoloxistas (AEMS-Ríos con Vida e ADEGA) que en 2011 a Xunta non tivo máis remedio que obrigar a Ferroatlántica a devolver o caudal ecolóxico ao Xallas, incumprido sistematicamente durante 25 anos.

Porén, as gadoupas de Villar-Mir pretenden seguir aferrollando ao Xallas con 3 novos aproveitamentos: Fervenza II, Ponte Olveira II e Novo Castrelo. Estes proxectos, iniciados en 2002, foron paralisados en 2005 coa moratoria do bipartito, modificados pola empresa en 2007 para convertidos en repotenciamentos e finalmente caducaron en 2009. Feijóo e Hernández, en troques de abrir un expediente de caducidade, acordaron prorrogar o prazo para a construción das instalacións, que van triplicar a cantidade de auga turbinada e que levan tamén aparelladas novas subestacións e tendidos eléctricos. As afeccións ao ecosistema do río das novas detraccións de caudal, unido aos novos accesos e ás servidumes das novas liñas eléctricas, deteriorarán a Devesa de Anllares, o bosque atlántico máis occidental de Europa, porposta para se incluir na Rede Natura 2000, nunha ampliación anunciada dende 2008 e que non acaba de chegar.

A Xunta tivo a oportunidade en 2009 de decretar a caducidade destas instalacións xa que Ferroatlántica esgotou os dous anos para executar as obras sen inicialas, e tivo que pedir prórroga. Estivo na man de Hernández denegar esa prórroga, iniciar un expediente de caducidade e salvar a Devesa de Anllares e o que queda do Xallas, mais... recibiron bula e continuaron vixentes, sendo finalmente aprobadas en abril de 2012. A que vén agora este anuncio de Hernández, convintemente adubiado coa promesa de 680 postos de traballo?

A Xunta sempre fixo súas as pretensións de Ferroatlántica, que a respeito dos proxectos do Xallas argumentaba: “...Con ello el caudal de aproximadamente 32 m3/s que hoy recorre el río de forma improductiva, recorrería en serie las nuevas turbinas” (Memoria dos proxectos). A xustificación das obras que fai a empresa, bendicida pola Xunta con prórrogas e acordos ad hoc, usando os postos de traballo como escudos humanos, non se sostén. Abonda con seguir a evolución da plantilla de Ferroatlántica nas súas fatorías da costa da Morte, que pasou de máis de 500 traballadores en 1986-89 a escasamente 300 na actualidade, con 4(+3) centrais máis no río. Ulos pois os empregos?

En ADEGA sospeitamos que este extemporáneo e propagandístico anuncio do conselleiro teña máis a ver coas revelacións dos "papeis" de Luis Bárcenas. Temos por unha banda 530.000€ para financiar ao PP desembolsados polas empresas de Villar-Mir, e por outra un escandaloso favoritismo da Xunta na tramitación destas minicentrais, con bulas ambientais (25 anos mirando para outro lado e permitindo ao secuestro da fervenza do Xallas) e prórrogas ad hoc. Casualidade ou causalidade?

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA