No Día Mundial das Aves, a Xunta cómplice do exterminio da aguia real na Ribeira Sacra |
7 de outubro, Día Mundial das Aves. O pasado ano ADEGA denunciaba a construción dun "heliporto turístico" no cámping "Canón do Sil" dentro do LIC Canón do Sil e da contorna de protección do mosteiro de Sta. Cristina. Esta área acubilla algunhas das últimas parellas reprodutoras de aguia real (Aquila chrysaetos) do país, especie en perigo de extinción. Os "voos turísticos" dos helicópteros polos canóns do Sil en plena área de cría da aguia real, poderían incidir de xeito crítico sobre esta especie, polo que solicitamos á Xunta que iniciara unha investigación. Agora vimos de saber polo Valedor do Pobo as "xestións" desenvolvidas pola Xunta como resultado da nosa denuncia: Iniciar un expediente sancionador... e deixalo caducar; negarse a facilitar información tanto a ADEGA como ao Valedor e impedir a persoación da nosa entidade no expediente sancionador contra Aeronaves del Noroeste SL. Para o Valedor, a actuación da Xunta "resulta claramente perxudicial par o ben xurídico protexido [a aguia real] pola norma sancionadora que quedou sen efectividade". É así como a Xunta coida do noso patrimonio natural? Descarrega a Resposta Valedor HELIPORTO SIL (1.56MB) Dase a circunstancia que a aguia real en Galiza atópase en perigo crítico de extinción e está sendo obxecto dun custoso Plano de Recuperación que precisará de moitos anos e esforzos. As alteracións do hábitat, a perda de territorios de campeo e cría, os velenos, os lumes... e agora os helicópteros están a poñer a esta especie no gume da extinción. Na Ribeira Sacra, nos canóns do Sil, quedan unha ou dúas parellas da escasa media ducia que temos en toda Galiza. Trátase dun valiosísimo patrimonio que a administración, neste caso a Xunta, ten a obriga legal de protexer e conservar. Por iso resulta aínda máis indignante que a Consellaría de Medio Ambiente (Dirección Xeral de Conservación), que investíu cartos públicos na redacción e posta en práctica do Plano de Recuperación da aguia real, peche os ollos fronte a unha ameaza certa para a conservación deste especie e, ben por incompetencia, desleixo ou neglixencia cómplice, deixe esmorecer nun caixón e permita que caduque o expediente iniciado pola denuncia de ADEGA. Seguindo as recomendacións do Valedor, e para salvagardar tanto os valores ameazados coma o respecto polas leis, a transparencia e boa xestión que deben guiar o proceder das administracións públicas, poñeremos en coñecemento da Fiscalía este comportamento da Xunta para que dirima as eventuais responsabilidades. Porén, pola súa incompetencia, desprezo polas leis, negación de dereitos fundamentais, bulra ao Valedor e prácticas escurantistas, os actuais responsábeis da Dirección Xeral de Conservación da Natureza non deberían seguir nin un minuto máis tendo conta do noso patrimonio natural. |