Adega
INICIO Novas Industria tramita unha explotación mineira en pleno parque natural, LIC e ZEPA da Enciña da Lastra

Vídeos ADEGA-Ourense:

A seca do Sil por Iberdrola

vidsecasil.jpg

Industria tramita unha explotación mineira en pleno parque natural, LIC e ZEPA da Enciña da Lastra PDF Imprimir Correo-e
Envia Industria tramita unha explotación mineira en pleno parque natural, LIC e ZEPA da Enciña da Lastra a FaceBookEnvia Industria tramita unha explotación mineira en pleno parque natural, LIC e ZEPA da Enciña da Lastra a Twitter
canteiralastra9 de xaneiro de 2012. Malia á prohibición expresa contida no Plano Director da Rede Natura, aprobado o pasado ano pola Xunta, a maquinaria da depredación ambiental segue en marcha. Desta volta, trátase dunha canteira en pleno corazón do parque natural da Serra da Enciña da Lastra, no concello de Rubiá (Ourense). Dáse a casualidade de que ademáis, a área afectada está catalogada como ZEPVN, LIC e ZEPA, sendo parte da Rede Natura galega. Dado que a actividade mineira non está permitida nun Parque Natural, e que esta actividade está expresamente excluida polo Plano Director da Rede Natura, dende ADEGA preguntámonos que fai unha administración tramitando un permiso contrario á lexislación vixente. Se a Rede Natura fora algo máis que un ente virtual declarado por imperativo legal de Europa, no que a Xunta non acredita o máis mínimo, non intentarían "coar" estes proxectos agresivos mentres a administración mira para outro lado.

A empresa "Cantera Peña Argel S.L." vén de solicitar permiso de investigación do dereito "La Oliva" para recursos da sección C dentro de 6 cuadrículas mineiras. Todas elas fican íntegramente dentro do P.N. da Serra da Enciña da Lastra, designado tamén LIC e ZEPA da Rede Natura. Este permiso, de concederse, permitiría á empresa furar durante 3 anos, prorrogábeis outros 3, o macizo calcario da serra en busca de recursos da sección C (rochas ornamentais). A eventual concesión de explotacións derivadas deste permiso de investigación podería atinxir 30 anos, prorrogábeis até os 90.

O clima mediterráneo, a litoloxía de natureza calcaria e o illamento físico déronlle á Serra da Enciña da Lastra unha grande orixinalidade e valores ecolóxicos únicos en Galiza. Encadrada na rexión bioxeográfica mediterránea, nela hai aciñeirais e matogueiras espiñentas máis propias doutras latitudes. A vexetación de paredes rochosas refuxia até 62 endemismos que teñen nesta área as súas únicas poblacións en Galiza. A Enciña da  Lastra salienta tamén pola súa avifauna, especialmente as aves de rapina, con alomenos 21 especies: o voitre branco (Neophron percnopterus), única parella do país, a águia real (Aquila chrysaetos) 1 parella; a águia cobreira (Circaetus gallicus) 2-3 parellas, e bufo real (Bufo bufo) 1 parella, entre outras. Tamén destacar as súas comunidades de morcegos, todas protexidas.

En canto á xeomorfoloxía, as rochas calcarias e dolomíticas conformaron unha paisaxe cárstica, onde as covas e palas, as paredes rochosas, os canóns no Sil e os xacementos de fósiles (fauna arrecifal do periodo Ordovícico) caracterizan a xea deste parque natural declarado en  2002.

Nos últimos tempos, a Serra da Lastra estivo ameazada por unha longa lista de obras como as infraestruturas de comunicación, minicentrais, parques eólicos e canteiras, tanto no lado galego como castelán. Semella que as catro figuras de protección con que conta hoxe este espazo (Parque Natural, ZEPVN, LIC e ZEPA) non parecen suficientes para salvagardar a súa enorme riqueza natural. Dende ADEGA agardamos que a Xunta cumpra por unha vez o seu papel e rexeite de plano esta nova ameaza.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA